Federación Nacional de Traballadores da Terra
Organización campesiña adscrita á UGT. Fundada en abril de 1930, agrupaba diferentes asociacións agrarias de ideoloxía socialista e a labregos e pequenos propietarios agrícolas. Experimentou un espectacular ascenso durante o primeiro bienio republicano, especialmente en Extremadura, La Mancha, Andalucía e València. En Galicia, a finais de 1932, as 61 seccións galegas da FNTT contaban con máis de 5.000 afiliados (algo máis do 15% da afiliación da central sindical) espallados polas catro provincias, sobre todo nas da Coruña e Ourense (o núcleo principal concentrábase no eixe Betanzos-Ferrol). Entre os seus dirixentes galegos cómpre destacar a Lucio Martínez e o deputado betanceiro Ramón Beade. Desencadeou a primeira folga xeral campesiña do país (1-20 de xuño de 1934). Editou El Obrero de la Tierra. Disolta en 1939, foi reconstituída entre 1976 e 1977, vinculada á UGT e ao PSOE.