Federico II de Prusia o Grande

Federico II de Prusia o Grande

Rei de Prusia (1740-1786), fillo de Federico Guillerme I. Rebelouse contra a educación imposta polo seu pai e tentou fuxir a Inglaterra en 1730, pero foi descuberto e fixérono prisioneiro. En 1740 accedeu ao trono prusiano e iniciou unha política militar de carácter expansivo. Durante a Guerra de Sucesión austríaca (1740-1748) ocupou a rexión de Silesia, ao tempo que lle ofrecía a súa axuda a María Tareixa de Austria a cambio da propia Silesia. Na Guerra dos Sete Anos (1756-1763), malia as derrotas fronte aos exércitos austrorrusos, conseguiu asegurarse Silesia. En 1772 repartiuse Polonia con Catarina II de Rusia, polo que engadiu aos seus territorios a Prusia polaca, Gdańsk e Thorn, e en 1779 obtivo os principados franconios de Baviera. Durante a Guerra de Sucesión de Baviera constituíu o Fürstenbund, unha alianza cos principes alemáns co fin de frear os intentos de Austria por reconstituír o Sacro Imperio Romano Xermánico. Expoñente do despotismo ilustrado europeo, reorganizou a administración e a facenda, creou a Banca de Prusia (1766) e os monopolios do tabaco (1766), correos (1760) e o café (1786); promulgou un código de procedemento civil (1781), que independizaba a administración de xustiza do poder executivo; potenciou as reformas na agricultura e a repoboación de determinadas áreas do país; e desenvolveu o comercio, mediante a construción de canles, e a industria, sobre todo a téxtil. No eido da cultura desenvolveu unha teoría política baseada na concepción cíclica da historia que excluía como fundamento calquera idea relixiosa e avogaba pola liberdade individual e de pensamento; potenciou o desenvolvemento do pensamento ilustrado a través da Academia das Ciencias; declarou obrigatoria a educación (1763) e introduciu as escolas prácticas nas que os alumnos aprendían oficios manuais; foi concertista de frauta e escribiu varias pezas para este instrumento; e iniciou grandes proxectos de arquitectura nos que participou activamente, entre os que destacan os palacios de Sans-Souci e Postdam, o edificio da Ópera de Berlín (1742) e a urbanización da cidade de Berlín. Das súas obras destacan Antimaquiavelo (1739), Testamentos políticos (1752-1768) e Essai sur les formes de gouverment (Ensaio sobre as formas de goberno, 1777).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Berlín

  • Deceso

    Lugar : Postdam