Feijoo Montenegro, Bieito Xerome
Ilustrado. Vinculeiro dunha familia fidalga, despois de realizar os estudios básicos e de gramática -con toda probabilidade en Allariz-, renunciou ao morgado da súa casa e en 1690 ingresou no mosteiro beneditino de San Xián de Samos, onde permaneceu dous anos. Tomou os hábitos en 1692. Residiu en Salamanca (1695-1698), para a realización dos seus estudios universitarios, e en Eslonza (León), e nos mosteiros de Lérez e Poio, onde exerceu como mestre de artes e teoloxía. En 1709 trasladouse ao colexio de San Vicente de Oviedo, onde permaneceu ata a súa morte. Doutor en Teoloxía pola Universidad de Oviedo, ocupou as cátedras de San Tomé e de Vésperas, e obtivo tamén a de Prima (1737-1739). Foi mestre xeral da orde beneditina (1724) e abade de San Vicente en dúas ocasións. Renunciou aos cargos de abade dos conventos de Samos e de San Martín (Madrid) en 1725 e, ao ano seguinte, a un bispado en América. En 1739 retirouse do ensino e dedicouse dende entón a escribir. Gozou da protección da súa orde e do Rei Fernando VI, que prohibiu en 1749 as impugnacións á súa obra que se viñan realizando dende 1746. Realizou unha obra de carácter enciclopédico, na que abarcou todo o que lle podía interesar e escribiu sobre medicina, filosofía, matemáticas, agricultura e historia, entre outras disciplinas, obras nas que quixo reconciliar relixión e ciencia. Nos seus escritos, manifestou unha vontade crítica, unha finalidade didáctica e unha proxección social, mediante unha linguaxe afastada da retórica barroca. Na súa metodoloxía mostrou unha actitude experimental que o levou a realizar unha análise rigorosa e unha síntese do estudado para, no caso de non ter respostas, formular hipóteses dende un punto de vista racional. Está considerado o iniciador do ensaio filosófico en lingua castelá. As obras máis relevantes son Teatro Crítico Universal o Discursos varios en todo género de materias, para desengaño de errores comunes (1726-1739), formado por 117 discursos sobre temas variados, editados en oito volumes, e ao que engadiu un suplemento en 1741, e Cartas eruditas y curiosas (1742-1760), formadas por 165 cartas e dous discursos nacidos para dar resposta aos comentarios que suscitaron os discursos, editados en cinco volumes, e aos que se lles engadiu un volume de Adiciones (1783). A súa obra, que ten un alcance pedagóxico e maxisterial constante, parte e céntrase na crítica ao ensino español do seu tempo, discrepando dos contidos, métodos e orientacións habituais. Feijoo defendía un método didáctico baseado na experiencia e na intuición sensible, e rexeitou a orientación memorística. Ademais, deixou inéditos varios traballos e poesías, entre outros, o manuscrito Poesías varias del Ilustrísimo Feijoo. Mantivo un pensamento político baseado nunha serie de propostas de carácter práctico: opúxose ás visións estreitas nacionalistas, ata o punto de podelo considerar cosmopolita, e mostrouse pacifista, polo que denunciou os enfrontamentos entre as nacións das que defendeu as mesmas posibilidades intelectuais. Apoiaba o goberno dos mellores e non das maiorías, polo que defendeu o despotismo ilustrado e rexeitou a democracia pura, o goberno do pobo; sen embargo, non chegou a negar a orixe divina do poder. Denunciou a situación da xustiza e defendeu o dereito social agrario, pero non fixo referencias concretas aos foros. Defendeu a agricultura e propuxo diversos métodos de traballo que contribuirían ao desenvolvemento do campo e á mellora da situación do campesiñado. Ademais mostrouse a favor da colonización de terras sen cultivar. Un dos aspectos que máis polémica produciu no seu tempo foi a defensa que fixo da igualdade do home e da muller en todos os campos, feito que suscitou a aparición de escritos na súa contra. Sostiña que as análises filosóficas deben ser concretas, fuxindo dunha concepción abstracta da filosofía. Defendeu a lóxica na súa vertente instrumental e mantivo a validez da experimentación, sempre e cando estivese condicionada polo sentido común e a racionalidade. As súas ideas estéticas mostraron un certo enfrontamento entre a sensibilidade e a racionalidade; desenvolveu unha análise das formas artísticas baseada primeiro na experiencia e despois no estudo racional. Tratou de distinguir o que era arte e o que non o era e defendeu o valor da inspiración do artista. Considerou a música como a primeira das artes e defendeu a naturalidade de todas elas, especialmente da poesía. Baseándose en razóns históricas, como a existencia da monarquía sueva en Galicia e Portugal, defendeu que o galego e o portugués eran unha mesma lingua e que o portugués derivaba do galego. En canto ás crenzas e á relixión, loitou contra as supersticións, enfrontouse a todo tipo de bruxería e condenou os exorcismos e demais prácticas sobrenaturais; tampouco mostrou interese polas manifestacións da relixiosidade popular. Defendeu os métodos científicos e criticou o atraso científico de España. Entendeu a medicina como unha ciencia práctica máis ca teórica e criticou os métodos de ensino, máis cercanos á escolástica. Aínda que con cautela, anunciou que o home podía descender do “mono”. Colaborador intelectual constante do Padre Feijoo foi o seu compañeiro de orde, o Padre Sarmiento, que lle serviu abondosos materiais bibliográficos desde a Corte, corrixiulle moitos dos textos e tamén defendeu as súas posicións en 1732.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Casdemiro, Pereiro de Aguiar -
Deceso
Lugar : Oviedo