felicidade

felicidade

(

  1. s f Antónimos: tristeza.
    1. Estado de quen sente gran satisfacción ou contento coas circunstancias da súa vida.

      Ex: Os seus ollos brillaban de felicidade.

      Sinónimos: alegría, ledicia. Antónimos: tristeza. Confrontacións: dita, gozo.
    2. [FILOS]

      Fin último e supremo ben do home segundo a filosofía clásica. Acádase mediante a razón, como propugnou o eudemonismo; mediante o dominio da dor e das paixóns, como propugnaron os estoicos; ou mediante o pracer, como sostiñan hedonistas e epicúreos. Para o eudemonismo, teoría representada por Aristóteles, a felicidade é autorrealizarse e acadar as metas propias do ser humano a través do exercicio da contemplación; os eudemonistas consideraron a felicidade como un ben perfecto que se procura por si mesmo e non por outro superior a el, un ben suficiente de tal maneira que quen o posúe xa non desexa outra cousa. Os estoicos consideraron a felicidade como a autosuficiencia e a capacidade de se valer por un mesmo sen depender de nada nin de ninguén, de tal xeito que o sabio sería aquel que sabe ser feliz segundo a natureza, consciente de que todo está nas mans do destino, e que a mellor maneira de asegurar a paz interior é facéndose insensible ao sufrimento e ás opinións alleas a través da serenidade e a imperturbabilidade. Na Antigüidade, esta teoría foi defendida, entre outros, por Zenón, Séneca, Epic22teto e Marco Aurelio, mentres que posteriormente, filósofos como I. Kant (s XVIII) se inspiraron na idea estoica de liberdade para fundamentar a idea da autonomía moral. No hedonismo, pensamento defendido por Epicuro de Samos, a felicidade sería experimentar pracer e evitar a dor, utilizando a intelixencia para calcular cáles son os medios máis axeitados para procurar a maior cantidade posible de pracer. Nesta liña tamén se situaron os epicúreos que propugnaron a consecución dun gozo ben medido, de tal xeito que o sabio sería aquel capaz de organizar a súa vida, calculando qué praceres son máis intensos e duradeiros, e cáles teñen menos consecuencias dolorosas, distribuíndoos ao longo da súa vida. Na filosofía moderna, a idea de felicidade desenvolveuna o utilitarismo, que pode ser definido como un hedonismo social, ao considerar que os homes teñen sentimentos sociais que se son satisfeitos son unha fonte de pracer. A súa meta moral é acadar a maior felicidade ou pracer para a maior cantidade posible de persoas. Este principio moral tamén se considerou un criterio para tomar decisións racionais e, aplicado á vida social, deu lugar á teoría da economía do estado de benestar e a un bo número de reformas sociais dirixidas aos grupos máis desfavorecidos. J. Stuart Mill, como principal representante do utilitarismo, defendeu que hai praceres superiores e praceres inferiores. Son as persoas que experimentaron os dous tipos de pracer as cualificadas para decidir os que son superiores e os que son inferiores. O que sucede é que sempre prefiren os praceres intelectuais e morais. Na historia da filosofía déronse tamén outras definicións, entre as que hai que salientar a de Séneca (4 a C-65 d C), que afirmou que a felicidade non consistía en ter moitos cartos ou moito poder, senón en estar abertos á liberdade; a de san Tomé de Aquino (1225-1274), que mantivo que a felicidade estaba, como en Aristóteles, na vida contemplativa mais, neste caso, na contemplación de Deus ou vida beata; a de Tomé Moro (1478-1535), que describiu a felicidade coma unha utopía a conseguir nun mundo ideal no que os homes vivirían en harmonía e plenitude, obtendo, no traballo e na entrega á comunidade, a felicidade desexada; a do Marqués de Sade (1740-1814), que afirmou que toda a felicidade do home está na súa imaxinación; a de A. Schopenhauer (1788-1860), que identificou a felicidade co repouso, a quietude, unha certa marxinalidade e o afastamento da cobiza e da abundancia; a de A. P. Lafargue (1842-1911), que afirmou que nun mundo cheo de obrigas laborais a felicidade residía no ocio liberador; a de L. Wittgenstein (1889-1951), que mantivo que non hai premisas lóxicas da felicidade, xa que esta está fóra dos parámetros da linguaxe humana e que só a beleza e a bondade fan felices aos homes; a de B. Russell (1872-1970), que definiu a felicidade como un certo interese amigable polas persoas e as cousas, e incluíu entre as causas da mesma o afecto, a familia, o traballo, o esforzo ou a resignación; a de R. Barthes (1915-1980), que afirmou que á felicidade se chega superando con esforzo todas as actitudes decadentes das ideas burguesas da felicidade; e no eido da filosofía española, a de F. Savater, quen na súa obra El contenido de la felicidad (1994) definiuna como o que se quere, e por iso é un obxecto sempre perdido, á deriva. Sinalou, tamén, que é unha das formas da memoria e que o momento feliz é aquel no que un se esquece de todo o demais.

  2. s f

    Cousa, situación ou acontecemento que causa gran satisfacción e contento.

    Ex: A súa felicidade é ver os fillos contentos.

    Sinónimos: alegría, ledicia. Antónimos: tristeza. Confrontacións: dita, gozo.

Frases feitas

  • Felicidades! Expresión coa que se felicita a alguén.

Refráns

  • Cousa cumprida só na outra vida.
  • Non hai mellor regalo có non estar malo.
  • Quen ben está, non se mude.
  • Quen ben se está, ben se estea.