feneco

feneco

(<ár fanak)

Nome científico: [Fennecus zerda,Fam dos cánidos]
s m [ANIMAL]

Raposo que conta cunha altura na cruz duns 20 cm, entre 36 e 41 cm de lonxitude dende a cabeza ao corpo, entre 18 e 30 cm de cola, e un peso de 1,5 kg. A cabeza presenta un fociño relativamente curto e grandes orellas triangulares, de ata 15 cm de longo, que lle serven, ademais de para captar os máis lenes sons, como superficie de irradiación do exceso da calor corporal. A pelaxe é longa e lanosa, de cor amarelada, máis escura no lombo, e ás veces cunha mancha escura na base da cola. Os pés tamén aparecen cubertos de pelo, feito que lle permite un certo illamento do solo. Habita nas sabanas e nos desertos de África setentrional e occidental, Israel, Kuwait e Omán. Aliméntase principalmente de rilladores, aves, réptiles, insectos e ás veces ovos, froitos e outras materias vexetais; ten unha gran capacidade para pasar longos períodos sen beber. Forman pequenas greas familiares de ata 10 individuos e as femias paren de dúas a cinco crías en tobos, que tapizan interiormente de pelo e plumas.