Fenollera Ibáñez, Josep Maria

Fenollera Ibáñez, Josep Maria

Pintor. Membro dunha familia de artesáns e artistas, formouse na Acadèmia de Belles Arts de València, onde rematou os estudios no curso 1871-1872. Co lenzo El Cardenal Adriano, obispo de Utrech, recibiendo a los jefes de las germanías en el palacio de los Vilaragut (1872) recibiu unha bolsa da deputación provincial para ir estudar a Roma, onde permaneceu ata abril de 1875. Durante os dez anos seguintes, a súa vida transcorreu en París, onde aprendeu a técnica do fotogravado, e Madrid, onde abriu un obradoiro. En 1887 visitou Santiago de Compostela, onde coñeceu a súa futura muller, Consuelo Velón González-Pardo. Instalouse definitivamente na cidade e dedicouse á docencia, foi profesor na Escola Elemental de Artes e Industrias, e retratou a sociedade compostelá do cambio de século. Relacionouse con Alfredo Brañas e Xoaquín Díaz de Rábago. As súas primeiras obras están enmarcadas no programa artístico educativo da Ilustración. Durante a súa estancia en Roma, a súa visión artística experimentou un cambio radical. Algúns dos seus retratos institucionais (presidentes da Real Sociedade Económica, do sanatorio de Conxo e de arcebispos composteláns) son excesivamente desapegados e fríos como os de Don Luis Rodríguez Seoane (1886) e Don Cleto Troncos Pequeño (1913); outros, nos que se liberou algo máis das convencións do protocolo son máis naturalistas, entre eles, Don Eugenio Montero Ríos (1896?), Don Joaquín Díaz de Rábago (1899?), Arquitecto Pérez Caeiro (1902). Nos retratos dos membros da súa familia e amigos amosouse máis intimista. Cultivou tamén a paisaxe e as escenas de xénero e tipos populares e amosou un interese pola temática campesiña galega, que tendeu cara á imaxe preimpresionista. Entre outras, cómpre destacar La siega (1902) e Las hilanderas (1902). Colaborou na decoración do teito do paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela que representa as Alegorías das Artes e das Ciencias (1905-1906).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : València

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela