Ferguson, Charles Albert

Ferguson, Charles Albert

Sociolingüista. Estudiou filosofía e linguas orientais na University of Pennsylvania. Especializouse en árabe e bengalí e traballou como especialista en linguas do Próximo Oriente en Washington DC (1947-1955) e, ata 1959, foi lector de lingüística e árabe na Harvard University. De 1959 a 1966 foi director do Center of Applied Linguistics (Centro de Lingüística Aplicada), en Washington DC. Despois continuou cos seus traballos de lingüística aplicada no Committee of Linguistics en Stanford. En 1967 converteuse en profesor de lingüística e director do programa de lingüística da Stanford University. Centrou os seus estudios na linguaxe universal, na adquisición da primeira e da segunda lingua, na relación lingua e sociedade (diglosia), na substitución lingüística e na lingua dos nenos. No debate sociolingüístico recuperou o concepto de diglosia para definir un tipo de situación en que se dá a convivencia, nunha mesma comunidade, entre dúas variedades dunha mesma lingua: unha variedade alta, utilizada nas situacións máis formais, e unha variedade baixa, reservada para os contextos máis informais. Cómpre destacar os seus traballos “Diglossia” (Word, 1959) e “Language development” (Language Problems of Developing Nations, 1968).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Philadelphia

  • Deceso

    Lugar : Palo Alto, California