Fernan Fernandez Gogominho
Trobador portugués, da liñaxe miñota dos Guedes. Desde 1253 ata 1277 aparece vinculado á corte de Afonso III de Portugal. Estableceuse en Coimbra, onde exerceu o cargo de meirinho-mor e debeu morrer entre 1274 e 1278. Desenvolveu a súa actividade poética na segunda metade do s XIII e atribúenselle once composicións. As seis cantigas de amor, conservadas exclusivamente no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B), desenvolven e magnifican o recorrente motivo da coita, que o trobador asocia, non só ao da morte por amor, senón tamén ao da separación dos namorados, en tanto que causa sufrimento. Sobre este último motivo, o da distancia que separa os amantes, articula o trobador as súas catro cantigas de amigo, recollidas en B e no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (V).