Fernan Gonçalvez de Seabra
Trobador portugués, probablemente dunha familia de ascendencia leonesa (Sanabria) asentada en Portugal. Activo na segunda metade do s XIII, hai disparidade de opinións en canto aos textos que integran o seu cancioneiro; os únicos con certeza da súa autoría son, ademais da cantiga de amigo “Pero que eu meu amigo roguei”, as oito pezas de amor recollidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional baixo a correspondente rúbrica atributiva. A transmisión no Cancioneiro da Ajuda de cinco desas oito composicións nunha serie da que forman parte outros sete textos fai pensar que estes pertencen tamén ao mesmo trobador, aínda que unha delas (“A dona que eu vi por meu”) se atribúa nos apógrafos italianos a Airas Veaz. Algúns estudiosos atribúenlle quince cantigas de amor e unha de amigo, amparándose na propia organización de A, así como na unidade semántica das quince pezas amorosas, presididas pola coita e o segredo amoroso.