Fernán Gómez, Fernando

Fernán Gómez, Fernando

Actor. Iniciou a súa carreira teatral en 1934 e, trala Guerra Civil, continuou coas súas actuacións en compañías afeccionadas e realizou pequenas intervencións en películas. En 1943 deu o salto definitivo ao cine como actor e director, e simultaneou logo ambas as facetas coas de guionista e actor teatral. Dentro da súa actividade como director de cine destacan as películas La vida por delante (1958), La venganza de don Mendo (1961), Ninette y un señor de Murcia (1965), La querida (1975), El viaje a ninguna parte (1986), El mar y el tiempo (1989) e Lázaro de Tormes (2000). Traballou como actor en máis dun cento de longametraxes, entre as que destacan El camino de Babel (1944), El destino se disculpa (1945), Botón de ancla (1947), Balarrasa (1950), Muchachas de azul (1956), El inquilino (1958), Se vive una sola vez (1963), Ana y los lobos (1972), El espíritu de la colmena (1973), Chely (1977), Maravillas (1980), Manbrú se fue a la guerra (1986), Belle époque (1992), El abuelo (1998), Todo sobre mi madre (1999), La lengua de las mariposas (A lingua das bolboretas, 1999), Plenilunio (2000) ou Visionarios (2001); e como actor teatral en pezas como Los ladrones somos gente honrada e Mi querido embustero, polo que obtivo en 1961 o Premio Nacional de Interpretación. O seu labor como dramaturgo reflectiuno nos filmes Las bicicletas son para el verano (1978), co que obtivo o Premio Lope de Vega, ou Lazarillo de Tormes (1990). Entre os numerosos recoñecementos que acadou ao longo da súa carreira cinematográfica, cómpre salientar: seis Premios Goya, tres deles á mellor interpretación masculina, o Premio Donostia (1999), a Medalla de Oro de las Bellas Artes (1989), o Premio Nacional de Teatro (1984) ou o Premio Príncipe de Asturias de las Artes (1995); ademais, comparte dous Oscar como actor das películas gañadoras en 1992 e 1999. É membro da Real Academia de la Lengua Española, onde ocupa o asento B dende xaneiro de 2000.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lima