Fernández Álvarez, Dionisio
Pintor. Adoptou o nome de Dionisio Fierros, apelido de seu pai. En 1841 comezou de aprendiz de xastre no obradoiro do seu tío e despois traballou como mordomo ao servizo do marqúes de San Adrián, don José de Mangallón, onde comezou a súa andaina pictórica ao dedicarse a copiar a colección do marqués. Este introduciuno en 1842 no obradoiro de José de Madrazo. En 1844 ingresou no taller de Federico de Madrazo e completou a súa formación coa asistencia á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e ao Museo del Prado. En 1855 trasladouse a Santiago de Compostela, onde comezou a pintar cadros costumistas. Foi o primeiro pintor que recreou nun lenzo as escenas populares. Durante os tres anos que pasou en Santiago realizou obras de xénero, como Una romería en los alrededores de Santiago e De ruada, que presentou na Exposición Agrícola e Industrial de Santiago (1858), na que obtivo unha medalla, e na Exposición Nacional de 1860, na que obtivo a medalla de primeira clase. Viaxou a París (1861) e ao regresar trasladouse a Salamanca co obxectivo de pintar cadros costumistas charros. Presentouse á Exposición Nacional de 1862 e gañou unha segunda medalla con Salida de misa en una aldea de Santiago, que o goberno presentou na Exposición Universal de París (1867); e na Exposición Nacional de 1864 o goberno adquiriu La fuente, que presentou á Exposición Universal de Philadelphia de 1876 onde obtivo un premio de primeira clase. En 1872 regresou a Santiago. Durante as súas estancias en Ribadeo, no traxecto das súas viaxes a Asturias, coñeceu a súa muller, Antonia Carrera, coa que se instalou na Coruña en 1873. Durante a súa estancia en Madrid (1876-1878), retratou o Rei Afonso XII e a Raíña María das Mercedes e realizou, entre outras obras, El éxtasis de Santa Teresa, única obra contemporánea do mosteiro de San Lorenzo del Escorial. Trasladouse a Oviedo (1878), pero realizaba frecuentes viaxes a Madrid, onde continuaba a ter encargos. Destacou como pintor de costumes, de retratos e de paisaxes, porque quixo satisfacer a burguesía e os seus ideais artísticos saídos do romanticismo. As súas primeiras obras, como Autorretrato e Retrato de Isabel II, mostran a influencia dos seus mestres na importancia outorgada á liña e no naturalismo dos retratados. Os retratos posteriores son plenamente románticos, cuns personaxes retratados sobre un fondo neutro cun foco de luz proxectado sobre o rostro e nos que tratou de resaltar o carácter psicolóxico do retratado. Definiu os volumes mediante a liña ou por medio do contraste cromático. Destacan o Retrato de caballero romántico, Retrato de Doña Carmen Moscoso de Altamira, Retrato de Alfonso XII e os realizados para a Universidade de Santiago, El emperador Carlos V e Filipe II. As escenas populares ou costumistas foron unha consecuencia máis do pensamento romántico e a busca do naturalismo, da vida mesma, claramente enfrontada ás características da pintura académica. Nelas empregou o gran formato, reservado ata agora para os cadros de historia. Ademais de Una romería en los alrededores de Santiago, onde utilizou unha luz que baña todo o conxunto, cómpre destacar Comida campestre, La muñeira, Charra salmantina con su hijo, El mayo en Ribadeo e Naufragio en el puerto de Ribadeo. En 1866 nomeárono cabaleiro da Real y Distinguida Orden de Carlos III.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Ballota, Asturias -
Deceso
Lugar : Madrid