Fernández Cañedo, Virxilio

Fernández Cañedo, Virxilio

Pintor. Estudiou na Escola de Artes e Oficios de Ourense e en 1975 ingresou na École Nationale Supérieur des Beaux Arts de París. Foi un dos membros do grupo Os Artistiñas cos que participou, entre outras, na mostra Sete artistas galegos (1965). En 1954 realizou a súa primeira exposición de debuxos no Liceo Recreo de Ourense. Nos seus principios abordou temas e referentes galegos (Bacallaos, 1964), pintou obxectos que o rodeaban, naturezas mortas e paisaxes. Dende os anos setenta, as súas obras enchéronse de personaxes, fundamentalmente mulleres. Na década dos oitenta realizou obras de intenso colorido como prolongación do seu interese polo cromatismo como forma de expresión, que levaban implícito un certo hieratismo que remite ao expresionimo galego tradicional, e comezou tamén a traballar en series, das que destacan, Walkirias, Cachondas de Paraguay, Jazz em Streckstrump (1987) e a serie das terrazas, iniciada a mediados dos oitenta. Nos anos noventa recuperou certa tensión abstracta na paisaxe con obras de grande austeridade cromática. Realizou as denominadas Pinturas negras, nas que reflectiu os bosques arrasados polo lume nos arredores do Cumial. Foi autor de retablos, pinturas amodo de baixorrelevos sobre táboa, e realizou un mural para o aeroporto de Santiago de Compostela. Colaborou como ilustrador na Gran Enciclopedia Gallega e fixo as portadas da Colección El Soto. Das súas exposicións individuais destacan a realizada en Milán en 1972 e a antolóxica de 1990 celebrada en Vigo. A súa obra está presente, entre outras, nas coleccións Caixanova, Xunta de Galicia e no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense