Fernández de Arosa, Plácido Antonio
Pintor. O seu pai, Andrés Fernández Montero, coñecido como Ollos mouros, e o seu avó, coñecido como Guinchote, foron escultores. Formouse baixo a liña de Xoán Antonio García de Bouzas. En 1794, pensionado polo conde de Gimonde, ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde coincidiu co seu irmán Tomé, tamén pintor. Foi profesor de debuxo na Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1806-1809). A súa obra é mostra do eclecticismo neoclasicista mesturado coas pervivencias barrocas. Antes de 1794 realizou, entre outras obras, a pintura do retablo de Nosa Señora das Dores en Santa María a Real de Conxo. Tralo breve paso pola academia, instalouse en Santiago, onde desenvolveu a fase de madurez da súa pintura (1794-1815) coas decoracións das novas igrexas de San Bieito do Campo e da Capela Xeral das Ánimas. Estas obras caracterizáronse pola presenza dun gran número de personaxes, realizadas a gran tamaño, cunhas composicións baseadas na diagonal coa luz procedente do ángulo superior esquerdo; polo emprego, en ocasións, dos fondos arquitectónicos de orde colosal; e polo sometemento da cor ao debuxo. Na igrexa de San Bieito, onde traballou ata 1866, pintou na ábsida a Asunción coas imaxes de San Pedro de Mezonzo, á esquerda, e San Bieito en oración, á dereita, a escena complétase con dous grupos de anxos con instrumentos musicais. Na nave realizou Cristo Crucificado e A Visitación, no lado do evanxeo, e A Trindade sobre o mundo, no lado da epístola. O conxunto concibiuse como exaltación da Virxe e, polo tanto, da Igrexa. En 1806 encargáronlle dous lenzos para a capela do Bo Xesús da catedral de Lugo. Na Capela Xeral das Ánimas (1810-1813) pintou no arco toral A Gloria, tema co que finalizaba a iconografía da Paixón dos altares laterais. Representou os evanxelistas, os pais da Igrexa e a Trindade. Dende 1816 iniciouse unha nova etapa na súa pintura caracterizada polo abandono das grandes composicións, o predominio do retrato sobre a pintura relixiosa e a substitución da pintura mural polo lenzo e a táboa. Para a Universidade de Santiago realizou retratos propiamente barrocos, entre os que destacan o do Arcebispo Afonso de Fonseca e de Diego de Muros; para o mosteiro de Conxo realizou os retratos Frei García de Pardiñas Vilar de Francos e Frei Fernando de Carvajal y Rivera; cómpre tamén destacar os retratos de Fernando VII e do Arcebispo Rafael Muzquiz. Só realizou unha pintura mural, ao fresco para a sancristía de San Bieito do Campo, Imposición da casulla a san Ildefonso (1825).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso