Fernández de la Cigoña e Núñez, Estanislao Fabricio Xosé

Fernández de la Cigoña e Núñez, Estanislao Fabricio Xosé

Naturalista, investigador e escritor. Estudiou na Escola Superior da Mariña Civil da Coruña e licenciouse en 1968 na facultade de Náutica de Barcelona. Fundou e presidiu a Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía e o Instituto Galego de Estudios Mariños, e foi presidente da Asociación de Oficiais da Mariña Mercante. Pertenceu ás xuntas rectoras dos parques naturais das Illas Cíes e do Monte Aloia en representación dos grupos ecoloxistas de Galicia, así como ao Consello Galego de Medio Ambiente. Na área da natureza descubriu as colonias de paíño europeo das costas galegas. Publicou numerosos artigos nas áreas da historia, etnografía, ciencias da natureza, arqueoloxía e espeleoloxía, e libros de investigación, entre os que cómpre destacar Illas de Ons e Sálvora, historia natural e humana, Viaxeiras da auga, Fauna galega para nenos galegos, Cruces mariñas e de mala morte das costas galegas, Illas de Galicia, Cíes y Ons: la ruta de las islas, As covas de Galicia, Tódolos peixes de Galicia, Fauna das augas galegas, Novas arredor da nosa fauna, Miscelánea zoolóxica, Cruces e cruceiros xubilares de Galicia e Esmoleiros e petos de ánimas. En 1997 recibiu o Premio de Investigación Xesús Taboada Chivite polo seu libro Entre encravamentos profundos e desencravos amorosos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo