Fernández de la Vega Pardo, Celestino

Fernández de la Vega Pardo, Celestino

Filósofo e ensaísta. Licenciado en Dereito pola Universidad de Madrid, foi destinado a Lugo como funcionario do corpo de Administración Civil do Estado. Nesta cidade desenvolveu un intenso labor cultural participando activamente en parladoiros e asuntos locais. Membro do grupo de pensadores da Xeración de 1936, xunto a Ramón Piñeiro, Xoán Rof Carballo e Domingo García-Sabell, foi un dos revitalizadores do ensaísmo galego no campo da antropoloxía filosófica. Na súa mocidade centrou os seus estudios na filosofía do dereito e na obra de M. Heidegger, para despois interesarse por K. Marx, a fenomenoloxía, F. W. Nietzsche e, nos últimos anos da súa vida, pola obra de K. R. Popper. Vinculado á editorial Galaxia, colaborou, entre outras publicacións, en El Progreso, La Noche, Galicia Emigrante e Grial. No campo da filosofía, a súa obra máis importante foi O segredo do humor (1963), en que tocou a temática humorística desde un punto de vista filosófico e onde definiu o humor como un sutil xogo de relacións e relativizacións. Traduciu ao galego a obra de M. Heidegger Da esencia da verdade (1956), xunto con R. Piñeiro. No campo da arte, interesouse por Santa Baia de Bóveda e fixo unha interpretación sobre a súa orixe; non desbotou que fose un ninfeo, despois deulle un carácter funerario e finalmente interpretouna como un martyrium para Prisciliano.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Friol

  • Deceso

    Lugar : Lugo