Fernández del Riego, Francisco

Fernández del Riego, Francisco

Escritor. Obtivo o título de bacharel elemental no instituto de ensino medio de Lugo e logo continuou os seus estudios no colexio dos Escolapios de Monforte na sección de letras do bacharelato universitario, que revalidou na Universidade de Santiago de Compostela. En 1930 comezou a carreira de dereito en Madrid, que continuou en Santiago, cidade á que se trasladou en 1931 e na que tamén estudiou filosofía e letras. Protagonizou un intenso activismo cultural na época republicana e relacionouse, entre outros, con Luís Tobío Fernández, Riccardo Carballo Calero, Antonio Fraguas, Paulino Pedret e Ánxel Casal. Colaborador no Seminario de Estudos Galegos, no Comité de Cooperación Intelectual e nos labores da FUE, foi delegado escolar nas facultades de Dereito e de Filosofía e Letras e representante da Federación de estudiantes na xunta de goberno da Universidade. Dirixiu a revista Universitarios e desempeñou a secretaría de Alento. Acadou a licenciatura en Dereito e exerceu como profesor axudante encargado da cátedra de Dereito Civil. Paralelamente, desempeñou un intenso labor xornalístico e político como militante do Partido Galeguista, e participou na propaganda galeguista e do Estatuto de Autonomía na compaña de figuras como Afonso Daniel Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo, Valentín Paz Andrade e Alexandre Bóveda. En 1934 participou na constitución de Galeuzca, formando parte do seu Consello galego, con Otero Pedrayo, Plácido Castro, Fernando Calvet e Rezola. A Guerra Civil española provocou a súa inhabilitación na docencia e unha sanción por parte do Tribunal de Orden Público. Despois de se manter agochado durante un tempo, acolleuse á mobilización forzada para se protexer da persecución. Rematada a guerra tivo que abandonar Santiago de Compostela e trasladouse a Vigo, onde fixou a súa residencia definitiva e contactou con galeguistas como Paz Andrade, Enrique Peinador e Gómez Román. Na década dos anos corenta, principiou a actividade clandestina, xunto con Ramón Piñeiro e persoeiros do Partido Galeguista que se agocharon para reconstruír o galeguismo. Neste empeño colaborou cos exiliados e cos movementos políticos da emigración e traballou coas accións culturais galegas que se realizaban, principalmente, en Bos Aires e Montevideo, e colaborou nas revistas Galicia e Galicia emigrante. Precisamente, vai ser na cidade de Bos Aires onde reiniciou a súa actividade literaria e publicou o libro Cos ollos do noso esprito (1949). A finais desta década publicou artigos de divulgación cultural no xornal compostelán La Noche co pseudónimo de Salvador Lorenzana. Xunto con Xaime Isla confeccionou un suplemento semanal dos sábados, bilingüe e patrocinado por ese xornal, que contou con colaboracións de Álvaro Cunqueiro, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e os irmáns Álvarez Blázquez, entre outros, e que foi suspendido pola censura. Nesa etapa, a BBC de Londres escolleuno para coordinar un programa de charlas de carácter cultural en galego e nel participaron case todos os intelectuais do suplemento La Noche. En 1950 foi un dos fundadores da editorial Galaxia e ocupou a secretaría do consello de administración e logo foi o director-xerente. Elixido membro numerario da Real Academia Galega en novembro de 1960, ingresou co discurso “Un país e unha cultura: A idea de Galicia nos nosos escritores” e por iniciativa súa a Academia decidiu celebrar cada ano, a partir de 1963, o Día das Letras Galegas o 17 de maio, aproveitando a oportunidade de que nese ano se cumpría o centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Así mesmo, a primeiros do ano 1967 e co propósito de lle abrir novos camiños á lingua galega, solicitou da Academia, coas sinaturas de Riccardo Carballo Calero e mais Domingo García-Sabell, a manifestación oficial aos poderes públicos da necesidade de que o galego se estudie en todos os niveis de ensino. Gran dinamizador desa institución, en novembro de 1997 acadou a súa presidencia. Así mesmo, promoveu en 1963 a inauguración da Biblioteca Penzol, da que foi director, e a revista Grial, que codirixiu con Ramón Piñeiro durante os vinte e cinco primeiros anos de existencia. En 1964 participou na fundación do Partido Socialista Galego, grupo político ao que pertenceu ata 1978. No ano 1995 doou á cidade de Vigo a súa colección bibliográfica, un importante arquivo integrado por documentos, unha colección de arte plástica con obras de pintores e escultores coetáneos e un nutrido epistolario das figuras representativas da cultura galega contemporánea. Esta doazón constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, establecida na Casa da Cultura. Destacado orador e conferenciante, foi articulista en distintas publicacións e xornais como La Noche, Galicia, Galicia Emigrante, Vieiros, Vida Gallega, Heraldo de Galicia, Nós, A Nosa Terra, Grial, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Industrias Pesqueras, asinando co seu propio nome ou baixo diferentes pseudónimos (Salvador Lorenzana, Adrián Solovio, Adrián Soutelo e Cosme Barreiros). No xornal Faro de Vigo, dirixiu o Suplemento de Cultura. Da súa extensa produción sobresae Historia da literatura galega (1947), volume que reflicte o proceso histórico das letras galegas e no que analizou os distintos períodos literarios e os autores máis representativos, Danzas populares gallegas (1950), Manual de historia de la literatura gallega (1951), Galicia no espello (1954), Escolma de poesía galega: os contemporáneos (1955), Letras do noso tempo (1974), Vocabulario castellano-gallego (1979), Pensamento galeguista do século XIX (1983), escolma de textos que ofrecen unha síntese do pensamento galeguista durante o s XIX, referido aos provincialista e aos rexionalistas, e no que achegou os fundamentos teóricos do galeguismo, Pensamento galeguista do século XX (1983), complemento do anterior no que recolleu textos das figuras máis senlleiras do galeguismo político e ideolóxico dende os precursores como os irmáns Villar Ponte e Luís Porteiro Garea ata os deputados nas Cortes da Segunda República como Castelao e Ramón Otero Pedrayo e teóricos do nacionalismo como, Vicente Risco, ademais de incluír o manifesto da Asemblea Nacionalista de 1918 e o programa do Partido Galeguista en 1931, Ánxel Casal e o libro galego (1983), Escritores de Portugal e do Brasil (1984), As peregrinacións xacobeas (1984), Dicionario de escritores en lingua galega (1990), O río do tempo: unha historia vivida (1990), Álvaro Cunqueiro e o seu mundo (1991), libro no que se reflicte a personalidade e obra do escritor mindoniense, e a súa faceta como xornalista e conferenciante, El Camino de Santiago (1992), Blanco Amor, emigrante e autodidacta. A súa vida literaria (1992), biografía e perfil literario do escritor que mostra as súas claves literarias, políticas e vitais, Luís Seoane desde a memoria (1992), Galicia (1994), A xeración Galaxia (1996), O cego de Pumardedón (1992), novela que narra a historia de Mauro coa crueldade da guerra de fondo, Antolín Faraldo, o gran soñador (1998), A pesca galega de mar a mar (1998) e A pegada das viaxes (2000). Foi membro, entre outras institucións, do Seminario de Estudos Galegos, do Consello da Cultura Galega, do Consello de Bibliotecas da Xunta de Galicia, da Fundación Otero Pedrayo, do Instituto Galego de Información, da Asociación Internacional de Críticos Literarios, da Asociación de Escritores Galegos, da Agrupación Cultural Galicia Rutas Mágicas, da Fundación Laxeiro, do Padroado da Fundación Penzol, do Padroado Carlos Maside e da Fundación Peña Novo. Doutor honoris causa da Universidade de Vigo (1992), Galego Egrexio (1993), instituído pola Fundación Premios da Crítica Galicia, e Galego do Ano de El Correo Gallego (2001). Entre outros galardóns recibiu o premio de ensaio do Centro Gallego de Bos Aires (1948), o Premio Manuel Casas (1960), o Pedrón de Ouro (1979), a Medalla Castelao (1985), a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1988), o Premio Trasalba (1988), o Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia (1992), o Premio Fernández Latorre (1994), o Premio Otero Pedrayo (1995), a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (1996), o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1997) e o Premio Celanova. Casa dos poetas (1998).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vilanova de Lourenzá

  • Deceso

    Lugar : Vigo

Audio :