Fernández Freixanes, Víctor

Fernández Freixanes, Víctor

Escritor e xornalista. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu como catedrático de Lingua e Literatura Galegas de ensino medio e foi profesor titular da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Colaborador en diversas publicacións como Informaciones, Tintimán, Boletín galego de literatura, Tempos novos, Revista galega de ensino, Chan, Cuadernos Hispanoamericanos, Cuadernos para el diálogo, A Nosa Terra, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Ya, foi director, produtor, guionista e presentador do programa da TVG A trabe de ouro e mais da serie O ghalegho é útil para a mesma compañía. Colaborador fixo e responsable das áreas culturais da programación de Radio Popular de Vigo (COPE), foi responsable da galeguización da FM en Radio Popular de Vigo e os informativos locais en AM. Tamén colaborou en Radio Galicia. SER, na Cadena SER para Galicia dende Madrid, na Radio Galicia de Santiago de Compostela, foi redactor de Radio Popular de Vigo (COPE) e en maio de 1977 dirixiu a primeira experiencia de programación diaria enteiramente en lingua galega dende a emisora de Radio Popular de Vigo. Foi un dos fundadores e director da revista Teima (1976), primeira publicación de información xeral en galego despois da Guerra Civil. Foi director xeral de Edicións Xerais de Galicia (1989-1993); conselleiro delegado de Edicións Xerais de Galicia, director da división de edicións e membro do consello executivo e do consello de dirección do Grupo Anaya, e director xeral de Alianza Editorial (1994-1998); conselleiro asesor de presidencia do Grupo Anaya, membro do Consello de Alianza Editorial e membro do Consello de Edicións Xerais de Galicia (1998-2000); e director xeral da Editorial Galaxia (2002). Da súa creación literaria destaca Unha ducia de galegos (1976), serie de doce enquisas a figuras da cultura galega; A caza das cascudas (Premio Modesto R. Figueiredo, 1980); Memorias dun fuxido (1980), obra baseada na vida do líder guerrilleiro Manuel González O Fresco; Cartas dende o meu muíño (1982), tradución da obra de Alphonse Daudet Lettres de mon moulin; O triángulo inscrito na circunferencia (Premio Eduardo Blanco Amor e Premio da Crítica Española, 1982), novela longa ambientada na vila mariñeira de Vilanova de Alba, símbolo da rebelión, e en Compostela, dominada pola Igrexa e polo exército, na que se mesturan diferentes historias ambientadas nunha atmosfera máxica que controla un narrador omnipresente que domina diversos tipo de rexistros. Dividida en tres partes e mais un apéndice, a obra mostra a historia dunha saga de senlleiros navegantes (os Mariño) e a oposición entre o mundo do mar e a terra. Posteriormente publicou O enxoval da noiva (Premio da Crítica Galicia, 1988), novela ambientada na Italia renacentista e cunha acción que xira arredor da voda de Lucrecia, a filla do Papa Borgia, co herdeiro da casa de Ferrara e que ten ademais como protagonista o enfrontamento entre a vida e a morte e o ben e o mal; Pontevedra. O día que perdemos o mar (1989); A cidade dos césares (Premio de Narrativa Torrente Ballester 1993), obra centrada na colonización da Patagonia por parte dun grupo de galegos na que se narran as visicitudes da emigración; “Anxos custodios”, conto no volume Unha liña no ceo (1996); e dirixiu o volume colectivo Galicia. Unha luz no Atlántico (2001). Así mesmo, é autor de numerosos ensaios e estudios de carácter literario e de investigación. Membro do Consello da Cultura Galega (1983-2002), asumiu a dirección de Lingüística do mesmo (1984-1994) e baixo a súa dirección editáronse as publicacións Galicia sen libros. Informe sobre a realidade editorial galega, O galego na Universidade, O galego no ensino público non universitario, O idioma galego na Igrexa e A igrexa e a lingua galega: ensaio. Así mesmo, foi coordinador ponente da Área de Sociolingüística (1984-1994) e membro da Comisión Técnica de Comunicación (1999-2002). Membro do Patronato Executivo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e membro do Consello Asesor do Instituto Galego de Análise e Estudios Internacionais (IGADI) e da revista Tempo Exterior, en 2002 ingresou na Real Academia Galega e recibiu o Premio de Xornalismo Fernández-Latorre.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra