Fernández García, Francisco
Mestre e político. Coñecido co alcume de Pedrosa, residiu en Ferrol onde, en 1890, fundou e dirixiu El Obrero, primeiro semanario socialista de Galicia, ao que substituíron La Voz del Obrero (1894), El Bien del Obrero (publicación que contou na súa xénese coa participación persoal de Pablo Iglesias durante a súa estadía en Ferrol en decembro de 1899) e La Antorcha Social (1902). En febreiro de 1891 fundou e presidiu en Ferrol a primeira agrupación socialista galega, integrada inicialmente por 40 persoas, das que 38 eran traballadores manuais e dúas mestres. Convertido en líder do socialismo ferrolán (na prensa da época fálase del como sucesor de Pablo Iglesias, con quen participou en numerosos mitins, tanto en Ferrol como na Coruña e Santiago de Compostela), acudiu como delegado, en representación das agrupacións de Ferrol e da Coruña, ao Congreso do Partido Socialista celebrado en València en 1892. Representou a candidatura socialista nas eleccións municipais de 1895 polo distrito de Ferrol, gañoulles aos seus rivais políticos (monárquicos e republicanos), e resultou elixido concelleiro por Ferrol, o primeiro socialista que accedía a un cargo deste tipo en Galicia. A súa actividade política en defensa dos traballadores levouno a padecer numerosas detencións e encarceramentos.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol