Fernández Granell, Eugenio

Fernández Granell, Eugenio

Pintor, escritor e músico. Comezou a súa formación en Santiago de Compostela, onde asistiu a clases de solfexo na Escola de Artes e Oficios e estudou violín co mestre Manuel Valverde. Co seu irmán Mario fundou a revista SIR (Sociedad Infantil Revolucionaria), da que saíron tres números. En 1928 recibiu unha bolsa da Deputación da Coruña e trasladouse a Madrid para continuar os seus estudios de violín na Escuela Superior de Música do Real Conservatorio, centro que tivo que abandonar no derradeiro curso por mor da ruína do seu pai. En Madrid asistiu aos parladoiros político-literarios de La Granja del Henar, do Café Negresco ou El Molinero, e, en 1933, incorporouse ao grupo político que dirixían Juan Andrade e Andrés Nin, que deu lugar á Oposición de Izquierda. No eido literario colaborou nas revistas Nueva España e Leviatán, e como crítico musical en PAN (Poetas Artistas Navegantes). Ao final do servizo militar e trala Revolución de Asturias, foi condenado a morte ao negarse a formar parte dun pelotón de fusilamento, pero axudouno un xeneral da Coruña e fuxiu da cadea. En 1935 integrouse no Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) e en 1936 nomeárono director do seu xornal El Combatiente Rojo. Integrouse no Ejército Popular e, co estalido da Guerra Civil, participou na toma do cuartel de Carabanchel en Madrid. Foi destinado a València e en 1937 a Catalunya, dende onde se trasladou á fronte de Aragón; ese ano colaborou na revista Hora de España. En 1939 atravesou os Pireneos por Prats de Molló e permaneceu no S de Francia en diversos campos de concentración ata que chegou a París, onde recibiu axuda do SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles). En outubro de 1939 trasladouse a Perpignan e inscribiuse na JARE (Junta de Auxilio a los Republicanos Españoles), que lle facilitou a saída de Europa no buque De La Salle dende Bordeos rumbo a Chile. Non obstante , a negativa chilena a acoller republicanos, fixo que se dirixisen á República Dominicana, onde chegou o 24 de febreiro de 1940. Na viaxe coñeceu á que foi a súa dona, Amparo Segarra. Instalouse nunha colonia preto da fronteira con Haití e máis tarde trasladouse a Ciudad Trujillo (actual Santo Domingo). Traballou como profesor de violín, deseñador de mobles, crítico literario, musical e pictórico do xornal La Nación e foi fundador e primeiro violín da Orquesta Sinfónica Nacional, ademais de dedicarse tamén á pintura. En 1941 coñeceu a André Breton e, da súa man, o surrealismo, e en 1943 foi un dos fundadores da revista La Poesía Sorprendida, publicada ata 1946. Animado por Vela Zanetti dedicouse máis á pintura; en 1942 participou na mostra Private Exhibit of Modern Spanish Painters e en 1943 presentouse na Galería Nacional de Bellas Artes. A facilidade para o debuxo, as cores planas, a organicidade das formas e a presenza do oco que aparecen nas súas primeiras obras convertéronse en características constantes. Reflectiu nos seus lenzos a iconografía e a cultura caribeña. Destacan, entre outras obras, a serie de retratos Cabezas de indios (1944-1946) e a serie Encontros (1946-1948). A partir de 1947 introduciu os temas vexetais e animais e achegouse á abstracción en obras como, Os brasóns máxicos do voo tropical (1947) e Paxaro-Flor (1951). A súa oposición ao réxime de Trujillo, obrigouno a abandonar Santo Domingo coa idea de trasladarse a México. Finalmente instalouse en Guatemala (1946-1950), onde foi profesor na Escuela de Artes e colaborou en Radio Nacional de Guatemala e en diversas publicacións, como en Plástica de Guatemala e Viento Nuevo, ademais de participar na fundación de AGEAR (Asociación Guatemalteca de Artistas y Escritores). Dende 1947 colaborou activamente no movemento surrealista e organizou unha exposición surrealista internacional en 1948. O seu enfrontamento co Partido Comunista de Guatemala levouno a abandonar o país e trasladarse a Puerto Rico, onde foi ata 1959 profesor de pintura e historia da arte na Universidad de Río Piedras. Durante a súa estancia en Puerto Rico, fixo escenografías teatrais, publicou Isla cofre mítico e realizou distintas exposicións. As obras portorriqueñas, baseáronse na liña e na gradación dos tons entre elas Pequena máquina para medir eclipses (1952) e Os traballos de Venus (1954). En 1952 viaxou a Nova York, onde coñeceu a Marcel Duchamp, e en 1956 permaneceu na cidade. En 1958 recibiu o premio The William and Norma Copley Foundation e en 1959 publicou en México La novela del indio Tupinamba. Introduciu entón nas súas obras as pinceladas xustapostas ao tempo que desapareceu a figuración; cómpre salientar O Rei e maila Raíña buscan a Marcel Duchamp (1957). En 1960 instalouse en Nova York como catedrático de Literatura Castelá no Brooklyn College, onde permaneceu ata que se xubilou en 1982. En 1961 participou na Mostra Internazionale di Surrealismo de Milán e, ao ano seguinte, contactou co grupo Phases, situado entre o surrealismo e o expresionismo abstracto. En 1964 fixo a súa primeira mostra en España, na Sala Neblí de Madrid, e participou na Bienal de Venecia no pavillón español. En 1967 presentou a súa tese doutoral Picasso’s Guernica: The end of Spanish Era (O Guernica de Picasso: o final da era española) na New York School for Social Research. A súa produción literaria aumentou coa publicación de El clavo (1967) e Federica no era tonta y otros cuentos (1970). No eido da pintura, a serie Paisaxes máxicas revela a ausencia da figuración característica dos seus anos neoiorquinos. A realidade surrealista destas obras foi definida como abstracción e poemas visuais; sobresaen, entre outras, Os lóstregos cruzan unha gran pedra (1959) e O sono diurno de Balso Snell (1960). En 1967 realizou a súa primeira viaxe a España e dende entón pasou tempadas no país e, trala morte de Franco, expuxo con asiduidade nas galerías españolas. Nestes anos retornou á figuración, de carácter monumental, ao tempo que diminuíu a presenza dos elementos decorativos e buscou unha ausencia de perspectiva ao situar ao mesmo nivel fondos e personaxes. Da súa produción destaca As mulleres ausentes nas terras do sur (1983). En 1981 publicou o libro de poemas Estela de presagios; ao ano seguinte participou na mostra colectiva Galicia. Panorama del Arte Moderno (Madrid) e en 1984 en Tempos de pintura. Arte galega contemporánea, organizada pola Xunta de Galicia. En 1985 instalouse definitivamente en Madrid e dende entón realizáronse exposicións retrospectivas da súa obra, entre as que destacan as celebradas no Kiosko Afonso da Coruña (1986), na Fundación Mapfre Vida (1988) e no Auditorio de Galicia (1993). As obras dos anos noventa caracterizáronse polo automatismo de trazos grosos e as cores monocromáticas. No Ano Santo de 1993 participou no deseño e edición dun selo conmemorativo de Correos e realizou a escultura Retrato póstumo de Asurbanipal para o parque Música en Compostela. En 1994 anunciou xunto co concello da cidade a creación da Fundación Eugenio Granell, que se inaugurou ao ano seguinte. Recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio de Artes Plásticas da Comunidad de Madrid, o Premio Pablo Iglesias de las Artes, a Medalla Unión Fenosa (1993), a Medalla de Oro de Bellas Artes (1995) e a Medalla de Ouro de Santiago de Compostela (1997).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Madrid