Fernández Granell, Mario

Fernández Granell, Mario

Pintor. Comezou a súa formación artística en Santiago de Compostela da man de Camilo Díaz Baliño. Con 13 anos fundou co seu irmán Eugenio a revista SIR (Sociedad Infantil Revolucionaria) na que colaboraban, entre outros, C. Maside, L. Seoane e F. Rolán. En 1928 realizou as súas primeiras mostras individuais na Sala Liste de Santiago de Compostela e na Sala Turismo de Pontevedra e anos despois participou na Exposición Rexional Permanente de Santiago. En 1931 trasladouse a Madrid coa súa familia, onde recibiu clases de pintura da man de Federico Rivas na Universidad Popular e onde asistiu aos parladoiros de La Granja del Henar, o Café Madrid e o café do Hotel Gran Vía, xunto co seu irmán e outros intelectuais galegos. Foi un dos integrantes do grupo de arte e teatro Avance e participou nunha exposición no Ateneo con R. Alberti e A. Rodríguez Luna. Traballou nas oficinas do mercado central de Madrid e colaborou no Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) e na revista Comunismo. Co comezo da Guerra Civil apoiou a República e, perseguido, fuxiu primeiro ao monte e despois tentou escapar a Francia. Apresado, foi condenado a morte e encarcerado. Conmutáronlle a pena pola cadea perpetua e permaneceu no cárcere da Coruña. Durante a súa estancia en prisión escribiu libros e ilustrou, entre outros, Voces, de M. Martínez (1940). Conseguiu a liberdade en 1943 e dedicouse a pintar murais, á decoración e ao cartelismo. Instalouse en Vigo, onde fixo decoracións para a empresa Fraga e onde asistiu aos parladoiros do café Derby e da taberna de Elixio con U. Lugrís, Laxeiro e C. Emilio Ferreiro, entre outros. Nestes anos realizou esmaltes, óleos, augadas, cerámicas, debuxos a tinta, carteis e exposicións en diversas cidades españolas. En 1957 emigrou a Venezuela e instalouse en Caracas, onde se dedicou ao debuxo publicitario, ao muralismo, á decoración e á realización de vitrais. En 1962 trasladouse a València, onde pintou murais para unha empresa industrial. Participou na exposición colectiva Pegaso do Ateneo de Caracas (1965) e entre as exposicións individuais que realizou, destacan, as do Ateneo de València (1967) e da Irmandade Galega de Caracas (1968). Realizou tamén exposicións en Galicia e en 1981 instalouse novamente en Vigo. Dende entón, participou en numerosas exposicións colectivas e amosou a súa obra en diversas cidades galegas. O concepto esceanográfico derivado da súa formación mostrouse nas súas composicións, caracterizadas pola perfección do debuxo e da liña. As figuras sitúanse sobre escenarios surrealistas baseados no emprego das cores planas, vermellas, negras, azuis e verdes, e na tendencia á xeometrización. As obras dos seus últimos anos achegáronse ao informalismo e nelas reduciu a paleta a grises, rosas, negros e amarelos. Realizou os libros de gravados Estampas amargas: vivencias dunha guerra civil e Canción de angustia. En 1987 recibiu o Premio Santiago de Artes Plásticas e en 1997 celebrouse unha mostra antolóxica da súa obra na Casa da Parra en Santiago de Compostela. A súa obra está presente, entre outras coleccións, no Museo Municipal Quiñones de León, Museo Provincial de Pontevedra, Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada e Caixanova.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Vigo