Fernández Lechuga, Bartolomé
Arquitecto. Traballou na escaleira do patio no palacio de Granada de Carlos V. En 1626 trasladouse a Santiago de Compostela, onde introduciu o Barroco clasicista, chamado polos monxes de San Martiño Pinario. Na igrexa conventual traballou no cruceiro e erixiu a cúpula, levantada sobre pendentes e dividida en doce nervios. Supliu o tambor por doce ventás que provocan a sensación de que está suspendida no aire e, na parte posterior, levantou un ciborio de forma cadrada con balaustrada e sobre el unha cúpula de media laranxa. A altura do conxunto contrarréstase por medio dun sistema de contrafortes escondidos polo muro do claustro procesional. Na parte conventual realizou o claustro das oficinas, no que empregou pilastras emparelladas de orde toscana, e trazou os planos e iniciou o claustro procesional ou da portería, onde empregou a orde xigante e as columnas dóricas xeminadas erixidas sobre pedestais. Na catedral realizou en 1627 o sepulcro do arcebispo Juan Beltrán de Guevara; situado no brazo sur do cruceiro, o xacente atópase baixo un arco de medio punto franqueado por un dobre par de columnas toscanas. En 1633 trazou os planos da igrexa de Santo Agostiño e iniciou a súa construción con Francisco González Araújo, a quen substituíu como mestre de obras da catedral en 1634. No convento agostiño continuou as obras do claustro que comezara seu pai, Xácome Fernández. En 1636 ingresou na confraría da Prima coa obriga de exercer como o seu mestre de obras. Traballou tamén no colexio de Santiago Alfeo (1635) e no patio do colexio da Compañía de Xesús (1636). Puido intervir na igrexa de Santa María de Conxo e no claustro do convento de San Francisco. Realizou a igrexa de Cangas de Tineo (Asturias, 1637) e en 1638 regresou a Granada, onde foi mestre maior da Alhambra.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Baeza -
Deceso
Lugar : Granada