Fernández Leiceaga, Xoaquín María
Economista e político. Doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (1990), é profesor titular de economía aplicada. As súas investigacións centráronse na demografía e no estudo do capitalismo transnacional, do desenvolvemento e das finanzas públicas. Foi director do IDEGA (1998-1999). Militante de ERGA (1978-1984), en 1981 foi elixido o seu secretario nacional. Formou parte da comisión xestora do Bloque Nacionalista Galego (BNG) trala súa fundación (1982). Primeiro tenente de alcalde do concello de Noia (1987), exerceu posteriormente o cargo de vicerrector económico na Universidade Compostelá (1990-1994). Alentou a formación do Colectivo Avante no BNG e integrouse en Unidade Galega cando esta entrou a formar parte do BNG (1994). Coas eleccións locais (1999) en Santiago de Compostela ocupou o cargo de concelleiro de Facenda, Orzamentos, Patrimonio e Mercados e foi membro da comisión de goberno. En 2002 foi elixido secretario de finanzas do BNG, pero dimitiu en outubro dese ano. Sobre temas de economía destacan as súas obras Economía (política) do monte galego (1990), Capital estranxeiro e industrialización en Galicia (1993), Fecundidade e actividade en Galicia, 1970-1993 (1996), El impacto de las multinacionales en las economías de acogida (1998) e, xunto con E. López Iglesias, Estrutura económica de Galiza (2000). Ademais, dirixiu o volume Avellentamento demográfico e consecuencias socioeconómicas (2001) e foi un dos autores de Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista (1990). Recibiu o Premio da Crítica Galicia de Investigación (1994).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Noia