Fernández Martínez, Miguel Ángel
Naturalista e biólogo. Presidente do grupo Erva (1991-1996), centrou a súa actividade na conservación de zonas húmidas como a das Gándaras de Budiño, para as que estableceu as medidas de rexeneración que recibiron o Premio de Medio Ambiente de Galicia. Destacan as súas publicacións dedicadas á fauna acuática -como os sapoconchos, cangrexos e insectos, especialmente libélulas, para as que estableceu, no 2001, o primeiro catálogo faunístico de Galicia-. Achegou algúns dos primeiros datos para Galicia de aves acuáticas como o mazarico mouro, a garza grande e a cegoña negra. Ademais investigou (1996-1998) a diversidade de macromicetos das carballeiras, co que incrementou o catálogo galego en máis de 40 especies. Como técnico, para a Xunta de Galicia, traballou na conservación do cangrexo autóctono e en plans de manexo de invertebrados acuáticos nos Parques Naturais do Aloia, Corrubedo e a Serra da Enciña da Lastra. Membro do equipo de redacción da Enciclopedia Galega Universal, publicou o libro Natureza dos ríos e ribeiras de Galicia (1999).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo