Fernández Mazas, Cándido

Fernández Mazas, Cándido

Pintor, debuxante, ilustrador e escritor. Desde moi novo distinguiuse polos seus dotes de debuxante e aos doce anos abandonou os estudios para pasar por sucesivos obradoiros de pintura. Entrou en contacto con intelectuais e artistas locais aos que vai retratando e en 1922 comezou a colaborar co diario Galicia, facendo ilustracións, e na revista Alfar ata 1923, ano en que ilustrou Kindergarten, libro de poemas de Paco Luis Bernárdez. En 1924 comezou a colaborar como ilustrador e articulista en El Pueblo Gallego e en 1925 como linoelista no diario La Zarpa de Basilio Álvarez. Ese mesmo ano obtivo unha bolsa da Deputación de Ourense para estudar en París, onde asistiu ao parladoiro de Miguel de Unamuno e frecuentaba personaxes da vangarda francesa. Neste tempo, a súa produción reduciuse a varios debuxos de nus e diversos bosquexos de animais, ademais do óleo Fiestra ao campo. No ano 1927 volveu a Francia de novo como bolseiro da Deputación e achegouse aos surrealistas. Empezou entón a ter problemas de manía persecutoria ata a súa morte. Á volta da súa estancia parisiense entregou á Deputación Mociña e Muller sentada con lazo rosa. Comezou a colaborar en distintas publicacións facendo todo tipo de labores, empregando varios pseudónimos (Fer-Mazas, Dichi, Juan Drados) en publicacións como Gaceta de Galicia, La República e Nueva España. Marchou a Madrid (1930) onde tivo un estudo e frecuentou varios parladoiros, ademais de publicar Santa Margorí. Regresou a Ourense pouco antes da proclamación da Segunda República. Pasou unha temporada illado a causa dos seus problemas mentais e, ao volver á actividade, interveu en política, do lado dos republicanos e socialistas. Durante a campaña a favor do estatuto, posicionouse en contra dos galeguistas e, ante as difamacións que apareceron contra el, publicou o panfleto Mientras la caravana pasa. O clima de enfrontamento civil agudizou os seus problemas e retirouse ata 1933. Dedicouse fundamentalmente a escribir (Los cuernos disparatados, 1932) e colaborou en Vanguardia Gallega. A partir de 1933 colaborou coa revista Escuela del Trabajo. Regresou aos circuítos artísticos con exposicións en Santiago de Compostela e na Coruña. Enrolouse nas Misiones Pedagógicas e non volveu a Ourense ata o remate da Guerra Civil. Neste periplo fixo carteis, decorados e bonecos de guiñol e colaborou con Rafael Dieste, Ramón Gaya e outros intelectuais e artistas da época. Ao seu paso por Madrid fixo un par de exposicións e colaborou facendo debuxos en Claridad, Heraldo de Madrid, Política e PAN: revista epistolar y de ensayos. Converteuse nunha referencia no mundo intelectual madrileño debido aos seus amplos coñecementos sobre as vangardas e introduciu a arte e o pensamento máis actuais. Fixo tamén decorados para algunhas películas. O comezo da guerra sorprendeuno no gabinete de prensa de Gobernación en Madrid e, posteriormente, desprazouse a València (1937). Colaborou na revista do POUM, El Combatiente Rojo, e en Umbral. Foi detido polo exército sublevado e liberado pouco despois. En moi mal estado mental e físico volveu a Casas de Penedo en Castro Caldelas, onde abandonou toda actividade plástica e intelectual. Os seus primeiros debuxos están próximos ao vibracionismo de R. Barradas, pero os da súa época parisiense xa amosan a influencia das vangardas de principios de século. A obsesión pola liña supón a asimiliación das ideas futuristas e tamén ultraístas, influencia moi evidente nalgunha das súas obras, como o suposto retrato de Robert Delaunay e as caricaturas de Vicente Risco. Tamén mantivo semellanzas formais cos debuxos de Matisse ou Dufy e mesmo as similitudes acadan os bosquexos de Modigliani e o modernismo de Casas e Picasso. A súa pintura caracterizouse pola bidimensionalide, por prescindir da representación da perspectiva. Malia á súa aparente afinidade con Matisse, diferéncianse na ausencia de tons fauvistas. A suavidade das súas gamas cromáticas é a característica principal das súas obras, dominadas por unha contención absoluta e o motivo supeditado á estrutura do cadro dentro dun pensamento artístico persoal que prima a importancia da teoría e a razón.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Castro Caldelas