Fernández Osorio-Tafall, Bibiano

Fernández Osorio-Tafall, Bibiano

Agrónomo e político. Estudiou ciencias naturais nas universidades de Santiago de Compostela e Madrid, na que acadou o título de doutor (1925) e ampliou os seus coñecementos no estranxeiro. Foi catedrático de Agricultura, director do instituto de ensino medio de Pontevedra e profesor de bioloxía no instituto Lope de Vega de Madrid. Participou na Misión Biolóxica de Galicia, na que desenvolveu traballos de investigación sobre as patoloxías víricas das patacas. Foi un dos fundadores do Centro Republicano de Pontevedra (1931) e participou na fundación da Federación Republicana Gallega (FRG). Elixido alcalde de Pontevedra en abril de 1931, dimitiu ao ano seguinte e pasou a ocupar a presidencia da Deputación. Durante a Guerra Civil encargouse da dirección de Política, o diario de Izquierda Republicana, e foi nomeado por Negrín comisario xeral do exército (marzo de 1938). Trala Guerra Civil exiliouse en México, onde exerceu como profesor na Universidad Autónoma e no Instituto Politécnico Nacional (1941-1948). En 1949 foi nomeado director da oficina rexional do occidente de América latina da FAO, con sede en Chile, e traballou para a ONU (1959-1974) en distintos postos relacionados coa agricultura e a alimentación, ata que se retirou como subsecretario xeral.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra

  • Deceso

    Lugar : México