Fernández Rei, Francisco

Fernández Rei, Francisco

Filólogo. Graduouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura Aprosimación á vida e á fala mariñeiras de Cariño (1974) e doutorouse (1979) coa tese O verbo. Contribución á dialectoloxía galega, a primeira que se presentaba en lingua galega na facultade de filoloxía compostelá. Catedrático de Filoloxía Románica (1992), deu conferencias sobre o galego moderno na University of California Santa Barbara, no University Center de New York e nas Universidades de Heidelberg, Trier e Berlín. Investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) desde 1973, forma parte desde 1974 do proxecto do Atlas Lingüístico Galego e é responsable do Arquivo do Galego Oral do ILG. Participou na recollida do material dos puntos do dominio galego do Atlas Linguarum Europae e do Atlas Lingüístico de España y Portugal, e pertence ao comité galego do Atlas Linguistique Roman. Como membro do ILG participou na redacción das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977), punto de partida das normas que se oficializaron en 1982. Formou parte da comisión da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA), que redactou as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990). Foi membro fundador de Escola Aberta (1978), empresa editorial creada para a promoción e difusión da lingua e da cultura galegas, e fundador da Asociación de Tradutores Galegos (1984). Ademais é membro do consello científico de Verba. Anuario Galego de Filoloxía, do comité científico de Cadernos de lingua e cosecretario do consello de redacción de A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico. Coordina e organiza congresos e xornadas sobre a lingua galega e outras linguas románicas minorizadas (sardo, occitano e asturiano) e investiga sobre galego, aragonés e sardo. Os seus traballos sobre o galego céntranse, sobre todo, no estudo das variedades dialectais (publicou o libro Dialectoloxía da lingua galega, Premio Antón Losada Diéguez de Investigación, 1990), na cartografía lingüística (coordinou e redactou o Atlas Lingüístico Galego. Vol. I Morfoloxía Verbal, 1990, Premio da Crítica 1991 de Investigación; o Atlas Lingüístico Galego. Vol. IV. Léxico: tempo atmosférico e cronolóxico; e colaborou no vol II Morfoloxía non verbal, 1995, e no vol III Fonética, 1999, do Atlas Lingüístico Galego), na edición de textos orais, na posición do galego na Romania, na elaboración do galego moderno e da lingua literaria (publicou Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa. Dúas singraduras na construción dun idioma para unha patria, discurso de entrada na RAG en 1999), na situación do galego, na fonética e morfoloxía do galego (“Gheada” e “Seseo”, publicados en Gran Enciclopedia Gallega), no galego de Asturias, León e Zamora (realizou traballos sobre a delimitación do galego oriental e a situación do galego estremeiro, e editou, en 1994, Lingua e cultura galega de Asturias) e no “galego” de Cáceres (“As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega” en Actas del Congreso sobre “A Fala”, 2000). Sobre a situación das linguas románicas minorizadas publicou “A situación do galego en Galicia e no Occidente de Asturias, de León e de Zamora” (1999), “El aragonés, lengua románica (re)emergente” (1999) e “A situación das minorías étnico-lingüísticas da República italiana” (2001), e editou con A. Santamarina Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas (1999). Membro numerario electo da Real Academia Galega (15.3.1997), membro do Patronato do Museo do Pobo Galego (30.5.1998), membro do plenario do Consello da Cultura Galega en representación do ILG (15.6.1999), membro do comité científico da Sotziedade Internatzionale de Limba Sarda (1999) e conselleiro de honra do Consello d’a Fabla Aragonesa (27.10.1999).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Fefiñáns, Cambados