Fernández Salgado, Benigno
Lingüista. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (1985), foi bolseiro do Instituto da Lingua Galega e asesor lingüístico da Televisión de Galicia (1985-1989). Lector de galego na Universidade de Oxford (1991-1994), organizou, con John Rutherford, o IV Congreso Internacional de Estudios Galegos, que consolidou a Asociación Internacional de Estudios Galegos (AIEG), colaborou no obradoiro de tradución galego-inglés do Queen’s College, e planeou o lanzamento da Galician Review. Recibiu a influencia dos lingüistas Roy Harris, Peter Mühlhäusler e Robert Le Page, e do filósofo Rom Harré, e, en 1996, acadou o grao de doutor en Filosofía. De volta en Galicia é, dende 1999, profesor titular de lingua galega da Universidade de Vigo. Comprometido coa extensión e modernización do galego, participou en varios proxectos colectivos, entre eles, a redacción do Galego coloquial (1985) e a compilación de varias obras lexicográficas: o Dicionario normativo galego-castelán (1988, Premio da Crítica Galicia 1989), Os xentilicios e topónimos do mundo (1990) e o Dicionario de dúbidas da lingua galega (1991). As súas pesquisas sobre a conformación do estándar e as reflexións críticas sobre os efectos paradoxais da súa implantación apareceron recollidas en Estudios de Sociolingüística Galega (1995). Tamén publicou Dicionario elemental inglés-galego/galego-inglés (1999) e Os rudimentos da lingüística galega (1913-1936) (en Verba, 2000), monografía onde se examina, desde unha perspectiva historiográfica foucaultiana, a ideoloxía creada a partir das gramáticas, dicionarios e textos normativos deste período. Como tradutor do inglés sobresaen A Perla, de Steinbeck, e o Diario de Eva, de Twain (Premio Ramón Cabanillas de Tradución 1992), e deu a coñecer a poesía de Jamie McKendrick e Lila Zia. Do inglés ao castelán traduciu Teoría y crítica del romanticismo español, de Derek Flitter. Para o inglés, do galego, textos de Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín e Manuel Rivas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Riotorto