Fernández Sarela, Clemente Antonio

Fernández Sarela, Clemente Antonio

Arquitecto. Formouse co seu pai Francisco Antonio Fernández Sarela e con Fernando de Casas Novoa. Entre as súas primeiras obras atópanse a supervisión das obras de Santa María de Rus (Bergantiños, 1739); a traza e a realización do pedestal do altar maior da igrexa do colexio das Orfas (1740); e en 1741 unha porta da muralla e a fachada dunha casa na porta da Pena en Santiago. En 1744 comezou a traballar baixo a dirección de Fernando de Casas na fachada do Obradoiro e, dende 1745, foi recoñecido como aparellador de arquitectura e cantería. Ese mesmo ano construíu as bóvedas de San Miguel dos Agros, baixo as trazas de Fernando de Casas. Na catedral atribúenselle a porta da Igrexa Baixa e as salas do Arquivo e do Tesouro e, dende 1759, traballou con Lucas Ferro Caaveiro na fachada da Acibechería. Realizou traballos de supervisor de obras do cabido compostelán e, entre outras obras, o pazo de Bendaña na praza do Toural, a Casa do Deán (1747-1753), na que destaca a fachada con molduras e placas, a Casa do Cabido (1758), organizada como unha fachada-pano, e, ao redor de 1760, a casa de Fondevila nas Casas Reais, a casa de Bazán no cantón de San Bieito e as trazas iniciais do convento da Compañía de María. Traballou na portería do convento de Santa María de Conxo, onde tamén reconstruíu a capela do Santo Cristo (1730-1737). Fóra de Santiago construíu o pazo de Sistallo en Lugo (1745-1750) e atribúeselle o deseño da fachada de San Xurxo da Coruña (1767).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso