Fernández Tafall

Fernández Tafall

Familia de impresores e xornalistas liberais composteláns. Manuel Bibiano Fernández creou en 1872 o obradoiro tipográfico que tirou do prelo a Gacetilla de Santiago. Co tempo, a súa imprenta modificou a súa denominación e adoptou os nomes das cabeceiras de El Diario de Santiago e La Gaceta de Galicia, en dúas épocas diferentes. Publicou Las prolongaciones del ferrocarril compostelano a Pontevedra y Tieira (...) (1895). O seu fillo Antonio Fernández Tafall (Santiago de Compostela 1869 - Madrid 27.2.1936), posiblemente en colaboración co seu irmán Xosé Fernández Tafall (Santiago de Compostela? - Pontevedra 1922), fundou outra imprenta á marxe da do seu pai, co que colaborou en diversas ocasións. Antonio, xornalista de profesión, dirixiu La Gaceta de Galicia e escribiu os dramas Perlas del arroyo, que se estreou en diversos teatros de Galicia en 1906, e El estudante de Armenteira. Xosé, xornalista e escritor, colaborou tamén en La Gaceta de Galicia. En 1889 emigrou a Bos Aires. Posteriormente estableceuse en Pontevedra, onde escribiu as obras teatrais Macanas no más (1898) e Escenas callejeras (1915).