Fernández Teixeiro, Manuel María

Fernández Teixeiro, Manuel María

Escritor. Coñecido como Manuel María, realizou estudios de Filosofía e Letras e exerceu como procurador dos Tribunais en Monforte de Lemos. Ao longo da súa traxectoria profesional empregou pseudónimos como Ernesto Alfonso Reque Varela ou Manuel Hortas Vilanova, e colaborou en distintas publicacións e prensa, como A Nosa Terra, Faro de Vigo, El Progreso, Nordés, Alba, Grial, Vieiros, Aturuxo e Atlántida. Xunto con Ánxel Xohán fundou a colección Xistral e no ano 1969 a editorial homónima. Autor polifacético, cultivou o ensaio, o teatro, a poesía e a narrativa. Gran coñecedor da cultura popular, o seu poemario Terra Cha (1954), con sucesivas reedicións e ampliacións, constitúe unha homenaxe á súa terra natal. Nesta obra a paisaxe é a protagonista omnipresente e o autor reflicte a vida na Terra Cha a través dunha variada combinación de metros (pareados, cuartetas, coplas). Así mesmo, refírese á natureza, aos labores do campo, ás ferramentas de traballo agrícola, aos produtos agrícolas e aos animais, especialmente aos domésticos, isto é, describe a Galicia campesiña. Da súa produción destaca ademais Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952), Advento (1954), Auto do taberneiro (1957), Documentos persoaes (1958), Auto do labrego (1961), Auto do mariñeiro (1961), Libro de pregos (1962), Mar maior (1963), Proba documental (1968), Barriga Verde (1968), Versos pra un país de minifundios (1969), Versos pra cantar en feiras e romaxes (1969), Kricoi, Fanói e don Lobonís (1973), Auto da costureira (1973), Informe pra axudar a alcender unha cerilla (1973), Cantos rodados pra alleados e colonizados (1976), Poemas ao outono (1977), O libro das baladas (1978), As rúas do vento ceibe (1979), Poemas da labarada estremecida (1981), Escolma de poetas de Outerio de Rei (1982), Auto do maio esmaiolado (1982), Cantigueiro de Orcellón (1984), Auto do camiñante (1985), Ritual pra unha tribo capital de concello (1986), As lúcidas lúas de outono (1988), Saturno (1989), Os ontes do silencio (1990), Compendio de orballos e incertezas (1991), A primavera de Venus (1993), Antoloxía poética (1993) e Obra poética completa (2001). Membro da Real Academia Galega (2001), recibiu o Premio Abrente de Ribadavia (1973) e o Premio da Crítica Galicia á creación literaria (2002).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Outeiro de Rei