Fernández-Cid Fenollera, Jaime
Produtor cinematográfico. Cursou estudios nas universidades de Santiago de Compostela e de Oviedo e na Escuela Oficial de Cine de Madrid obtivo o título na rama de Produción. Foi axudante de produción en 1959 en dous filmes relacionados coa cultura galega: La casa de la Troya, dirixida por Rafael Gil sobre a novela do mesmo título de Alejandro Pérez Lugín, e Sonatas, de Juan Antonio Bardem, sobre a obra de Ramón María del Valle-Inclán. Como axudante participou, así mesmo, en Viridiana (Luis Buñuel, 1961). A partir de Los inocentes (J.A. Bardem, 1962) traballou como director de produción ou como produtor executivo en máis de 25 longametraxes, e como produtor a través das marcas Avenir Films, Zoom, Arte7 ou Margen. Noutras dúas obras, volveu tratar temas galegos. En 1972, produciu Flor de santidad, sobre un texto de Valle-Inclán, nunha visión un pouco tenebrista da Galicia rural. En 1991 foi o produtor de Martes de Carnaval, codirixida por Fernando Bauluz e Pedro Carvajal, unha obra que, sobre unha arquitectura urbana e unha paisaxe galega, elabora un relato entre fantasioso e realista. Achegou os seus coñecementos a filmes de Vicente Aranda, Jaime Camino, Pedro Portabella ou Carlos Durán, cineastas todos eles vinculados á chamada Escuela de Barcelona, e produciu unha das obras máis significativas da transición cinematográfica española, El puente, de J.A. Bardem (1977). Produciu varias series televisivas como La huella del crimen, producida para TVE, con seis capítulos dirixidos por Bardem, Aranda, Olea, Ricardo Franco, Angelino Fons e Pedro Costa. A principios da década de 1980, participou en varios proxectos para a potenciación dun cine vinculado á realidade galega, que non foron adiante por falta de apoio económico. Un deles foi a proposta de creación, en 1981, dun Centro Superior de Cinematografía e Televisión que, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela. Outro dos seus proxectos foi o que se concretou no Acuerdo Finisterre, en 1983, cunha serie de propostas para a relación das empresas privadas coas televisións autonómicas e coas consellerías de cultura correspondentes.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela