Fernández-Villamil Alegre, Enrique

Fernández-Villamil Alegre, Enrique

Historiador, arquiveiro e político. Licenciado en Dereito pola Universidad de Madrid, trasladouse a Pontevedra en 1931, onde exerceu como arquiveiro da Deputación e da delegación de facenda e como bibliotecario da Escola Naval de Marín, onde ordenou os fondos que chegaron desde a Escola de San Fernando de Cádiz, da Biblioteca Pública de Pontevedra e da Biblioteca Municipal de Vigo. Foi profesor de ensino medio, vogal da Comisión Provincial de Monumentos e secretario do padroado provincial de formación profesional. Foi concelleiro e desde 1943 tenente de alcalde de Pontevedra. En 1954 trasladouse a Madrid e foi secretario da oficina de Asuntos Generales del Servicio Nacional de Lectura, xefe do Servicio de Intercambio Bibliográfico da Biblioteca Nacional e xefe do Servicio da Oficina del Cambio Internacional de Publicaciones. Participou na creación do Centro Provincial Coordinador de Bibliotecas, grazas ao cal se puxeron as bases para a creación das bibliotecas municipais de Vigo e da Estrada. Desde 1954 exerceu como profesor de biblioteconomía. Colaborou con numerosas publicacións como Cuadernos de Estudios Gallegos. Entre as súas obras destacan Documentos medievales del Museo de Pontevedra (1945), Pontevedra. Historia sucinta del nacimiento de una capitalidad (1946), Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (1947), escrita a partir dos materiais de S. Cabeza de León, e Juntas del Reino de Galicia (1953). Foi membro da Real Academia da Historia e da Real Academia Galega e recibiu a cruz da Orde Civil de Alfonso X el Sabio e o premio dos xogos florais de Betanzos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : València

  • Deceso

    Lugar : Madrid