Fernando II

Fernando II

Rei de Galicia e de León (1157-1188), fillo de Afonso VII. Educado en Galicia na casa do conde Fernán Pérez de Traba recibiu, trala morte do seu pai, os reinos de Galicia e León. En 1158 asinou xunto o seu irmán, Sancho III de Castela, o Tratado de Sahagún no que se fixaron os límites dos reinos e se comprometeron a non intervir nos asuntos portugueses. Trala morte de Sancho III, interveu na política interna castelá, ocupou Terra de Campos (1159), Segovia e Toledo (1162) e proclamouse rex hispanorum. Enfrontouse con Afonso I Henriques de Portugal na fronteira leonesa, onde repobou Ciudad Rodrigo (1165) e Ledesma; en 1165 asinou o Pacto de Celanova, no que tamén se acordou o casamento do monarca coa infanta Urraca de Portugal. Volveuse enfrontar cos exércitos portugueses, que avanzaron cara a Galicia, onde tomaron Tui e dirixiuse ao interior polos ríos Lérez e Limia, e cara a Badajoz, onde fixo prisioneiro a Afonso I Henriques. Situou a fronteira cos musulmáns na liña de Alcántara e impulsou nos territorios da estremadura castelá a repoboación mediante a concesión de franquicias e foros. En Galicia outorgou, entre outras, as cartas pueblas de Padrón (1164), Ribadavia (1164), Noia (1168), Pontevedra (1169), Tui (1170) e Lugo (1177); concedeu numerosas doazóns aos mosteiros galegos da orde do Císter, e privilexios reais á catedral de Santiago de Compostela, onde foi soterrado na Capela Real.

Cronoloxía

  • Nacemento

  • Deceso

    Lugar : Benavente