Fernando III o Santo

Fernando III o Santo

Rei de Castela (1217-1252) e de Galicia e León (1230-1252), fillo de Afonso IX de León e de Berenguela I de Castela. Trala morte de Enrique I de Castela (1217), recibiu da súa nai os dereitos ao trono. Á morte de Afonso IX, iniciou a conquista dos reinos de Galicia e León, que recaeran nas infantas Sancha e Dulce. Contou co apoio da nobreza e da Igrexa leonesa e co rexeitamento de Galicia. Os enfrontamentos culminaron nas negociacións de Valença do Minho, polas que as infantas cederon os seus dereitos sobre Galicia e León a cambio dunha pensión anual. Coa unificación en 1230 na súa persoa das coroas de Galicia, León e Castela, produciuse a unión real destes tres reinos e a aparición en Galicia e León da figura do adiantado maior como representante do monarca. Desde 1231 desenvolveu unha serie de campañas contra os musulmáns que permitiron a conquista de Úbeda (1233), Córdoba (1236), Jaén (1246) e Sevilla (1248), e converteu en vasalos os reinos de Murcia e Granada. Iniciou a repoboación de Andalucía e repartiu enormes extensións de terras ás ordes militares e á nobreza. Promoveu, ademais, a tradución ao castelán do Forum Iudicum e a construción das catedrais de Burgos e León. Foi canonizado polo Papa Clemente X en 1671. Na iconografía represéntase vestido cunha longa túnica e manto de armiño (símbolo da realeza); tamén pode aparecer vestido con armadura guerreira e cun manto de púrpura sobre os ombreiros; como atributos xerais leva unha coroa, un cetro e unha esfera, e unha espada na man dereita, e como atributos persoais, unha figura da Virxe, un estandarte de Santiago e unha chave. A súa festividade celébrase o 30 de maio.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Manzanal de Abajo

  • Deceso

    Lugar : Sevilla