Fernando VI

Fernando VI

Rei de España (1746-1759), terceiro fillo de Filipe V e da súa primeira muller, María Luísa Gabriela de Savoia. Recoñecido como príncipe de Asturias en 1724, accedeu ao trono trala morte do seu pai (1746). Dominado pola súa muller, Bárbara de Bragança, rodeouse dun equipo de ministros reformistas, integrado polo marqués de la Ensenada, José de Carvajal e o xesuíta Francisco Rávago. No plano internacional promoveu unha política pacifista con Francia e o Reino Unido. Asinou coa Santa Sé o Concordato de 1753, no que se atribuía ao rei o padroado da Igrexa, e con Portugal o Tratado de Madrid (1750), polo que os portugueses cedían o N do Río de la Plata a cambio dos territorios das reducións xesuíticas dos indios guaranís, o que acabou provocando a Guerra Guaranítica (1754-1756). No interior, seguindo os preceptos da Ilustración, favoreceu o comercio internacional, a creación dunha rede viaria e o desenvolvemento da construción naval, que en Galicia se plasmou coa reapertura do correo marítimo entre A Coruña e Falmouth, a construción da estrada entre A Coruña e Madrid, a fundación dos asteleiros do Arsenal de Ferrol e a reforma da Universidade de Santiago de Compostela.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso

    Lugar : Villaviciosa de Odón