Fernando Blanco de Lema, Fundación
Fundación sen ánimo de lucro constituída pola vontade testamentaria de Fernando Blanco de Lema, o 2 de abril de 1875. Entre os seus obxectivos destacaban proporcionar ensino gratuíto a nenos e nenas da vila de Cee. Con este propósito sufragou as obras de construción dun colexio de primeiro e segundo ensino de nenos, que dotou de materiais e profesores, e comezou as clases en outubro de 1886, e dun colexio de ensino primario para nenas, inaugurado en 1882, pero que non iniciou a súa actividade ata 1887. Estes dous colexios, e singularmente o masculino, tiveron gran importancia na educación en Galicia: o de segundo ensino era centro modélico en España polo coidado pedagóxico, as riquísimas coleccións didácticas e os importantes medios dos seus laboratorios de física, química e historia natural e dos seus talleres para agricultura e outras ensinanzas. Ademais o colexio contaba cunha colección de cadros de Madrazo. O académico, político e culto lucense Vicente Vázquez Queipo actuou en calidade de apoderado en España dos testamenteiros de Fernando Blanco e velou polo bo funcionamento dos colexios. Ademais, Fernando Blanco tamén pagou a construción dunha Estación Telefónica Interurbana aberta ao público (1887). Trala Guerra Civil reducíronse as súas actuacións e dende 1954 cedeu o edificio para o establecemento do Instituto Laboral Elemental, transformouse en Instituto Técnico de Ensino Medio (1967) e, dende 1974, converteuse na Escola Oficial de Formación de Primeiro e Segundo Grao.