Ferrara

Ferrara

Capital da provincia homónima, na Emilia-Romgna, Italia (131.999 h [2000]). Situada á beira do río Po, é o centro comercial dunha rica comarca agrícola e un activo centro de ensino superior, grazas á Università degli Studi, creada en 1391. Fundada na Idade Media, pasou a depender do papado a finais do s VIII. Infeudada polos papas aos marqueses de Canossa (988), acadou a independencia comunal ao comezo do s XII e desde 1240 pasou a estar gobernada pola liñaxe dos Este. Alcanzou o seu máximo esplendor a finais do s XV e principios do s XVI, época na que se converteu nun importante centro cultural. Entre 1598 e 1796 o ducado volveu estar gobernado por legados pontificios, e desde 1769 converteuse no refuxio dos xesuítas expulsados de España por Carlos III, feito que a volveu converter nun importante núcleo cultural. Ocupada polos austríacos (1847-1859), incorporouse ao Reino de Italia en 1860. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral con fachada románico-gótica e a igrexa de San Francesco (1494-1515), o castelo Estense (1385-1570) e os palacios Schifanoia, de Ludovico o Mouro (1504), e o Diamanti (1493).