Ferreira

Ferreira

Río afluente do Miño pola dereita. Nace da confluencia de varios regos que baixan da vertente nororiental da serra do Careón, entre as parroquias de Augas Santas (concello de Palas de Rei) e San Cibrao da Pregación (concello de Friol). O seu curso adopta unha dirección NO-SL, coa que drena as parroquias de Ferreira de Negral, Ribeira e Carteire (Palas de Rei) e O Pacio (Friol), para penetrar despois no concello de Guntín e servirlle de fronteira co de Portomarín. Desemboca no encoro dos Peares, no límite entre as parroquias de Navallos (Guntín) e Portomarín (no concello homónimo), despois dun percorrido de 26 km de lonxitude.