Ferreira de Pallares, Santa María de

Ferreira de Pallares, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Santa María de Ferreira de Pallares (Guntín). Pertenceu a un antigo mosteiro beneditino que recibiu tamén o nome de Santa María de Ferreira de Guntín. Adóitase afirmar que foi fundado no 909 polo conde Ero e a súa dona, a condesa Laura, como mosteiro dúplice, aínda que se coñece a súa existencia por unha doazón do 898 de dona Elvira. Posteriormente, foi restaurado como mosteiro de monxes beneditinos a finais do s XI ou principios do s XII e en 1557 frei Rodrigo de València e frei Pedro de Nájera anexionárono ao mosteiro de Samos, unión que confirmou nunha bula o Papa León X, e do que dependeu ata a exclaustración de 1835. O Rei Afonso VII acoutou os seus termos e durante os ss XII e XIII gozou da protección real, ademais de recibir un gran número de doazóns. Consérvase a igrexa románica de finais do s XII ou principios do s XIII, e segundo unha inscrición rematouse en 1226. Ten planta rectangular cunha soa nave, dividida en catro tramos, e ábsida semicircular. A nave ten cuberta de madeira a dúas augas e a ábsida está cuberta cunha bóveda de canón no tramo recto e de forno no semicircular; na casca absidal consérvanse pinturas murais do s XVI. O arco triunfal é de medio punto, lixeiramente apuntado, e eríxese sobre columnas pegadas con fuste liso e capiteis vexetais. Na ábsida destacan tres ventás de arco de medio punto. Na nave sobresae a capela funeraria dos Taboada, de estilo gótico, con planta rectangular e cuberta cunha bóveda de crucería cun motivo floral na clave; acolle tres sepulcros, dous deles situados baixo o arcosolio coas figuras xacentes dun cabaleiro e dunha dama. A porta principal ten tripla arquivolta apuntada e sostense sobre columnas con fustes lisos, bases áticas e capiteis vexetais. A torre é un engadido barroco. A porta N ten arquivolta de medio punto e na S destaca o tímpano co Agnus Dei e a cruz. O muro S ten pegado un claustro do s XVI de planta cadrada e arcos apoiados en columnas de fustes lisos. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1979 e delimitouse o seu contorno en 1995.