ferreiriño
(
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Ave insectívora do xénero Parus -da familia dos páridos- ou do xénero Aegithalos caudatus -da familia dos exitálidos-, grosas e de tamaño pequeno, co peteiro pequeno e fino. A maioría das especies posúen a parte superior da cabeza e o anteface de cor negra. Cando buscan o alimento, constituído principalmente por insectos e arácnidos -aínda que tamén se alimentan de sementes e froitos-, poden pendurarse de xeito acrobático das ramas. Os dous sexos son semellantes e aniñan principalmente nos buracos das árbores. Distintas especies de ferreiriños, estreliñas e gabeadores forman durante o inverno bandos que se desprazan xuntos buscando alimento. Existen unhas 50 especies de ferreiriños. Estas aves tamén reciben a denominación popular de ferreirolo ou ferreiro, nomes que fan referencia ás voces que emiten cun timbre metálico e que lembran os sons do traballo nunha forxa.
-
ferreiriño azul
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 11,5 cm de lonxitude, de alas, cola e parte superior da cabeza de cor azul, meixelas brancas e dorso verde e partes inferiores amarelas. Habita bosques, parques e xardíns. É unha especie presente que habita campos con árbores, xardíns e bosques de toda Europa.
-
ferreiriño caluguinegro
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 11 cm de lonxitude, de cabeza, caluga e papo negros, coas partes superiores e as alas cinsento pardentas e cola gris escura. Habita en bosques caducifolios ou mixtos dende o N da Península Ibérica ata Escandinavia. En Galicia está presente, de xeito relito, en bosques de montaña por riba dos 1.000 m de altitude.
-
ferreiriño cristado
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12 cm de lonxitude, de plumaxe pardo cinsenta e cunha curupela negra cos extremos brancos. Aniña principalmente en buracos de árbores coníferas no Paleártico, especialmente nos niños abandonados dos petos.
-
ferreiriño negro
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 11,5 cm de lonxitude, de cabeza negra, coas meixelas e a caluga de cor branca, dorso pardo oliváceo ocre e as partes inferiores claras, agás o babeiro negro. Habita en bosques e xardíns do Paleártico e en Galicia está presente ata os 1.300 m de altitude.
-
ferreiriño rabilongo
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 14 cm de lonxitude, dos que 7,5 cm corresponden á cola, de cabeza branca cunha lista negra e ancha por enriba do ollo, que continúa ata o lombo, tamén negro, e unha cola moi longa de cores negra e branca. Fabrican un niño, con arañeiras, pelo, liques e plumas, ovado e completamente pechado, agás o buraquiño de entrada, sobre árbores ou arbustos. No inverno desprázanse en grupos familiares que dormen xuntos formando un grupo apretado. Habitan nas fragas da maior parte de Europa. En Galicia está presente como subespecie sedentaria Aegithalos caudatus taiti.
-
ferreiriño real
[ANIMAL/ORNIT]
Ferreiriño de 14,5 cm de lonxitude, de cabeza de cor negra coas meixelas brancas e a caluga e a gorxa negras, unidas por un colar que se estende polo peito e ventre nunha franxa central. As alas presentan plumas primarias e secundarias de cor negra e unha franxa branca. As partes inferiores son de cor amarela. É unha especie propia de campos, fragas e xardíns, sedentaria na maior parte de Europa e que en Galicia é común ata os 800 m de altitude.