Ferreiro Míguez, Celso Emilio
Escritor. Pertencente a unha familia de comerciantes acomodada da burguesía rendista agraria, dende rapaz viviu inmerso nun ambiente galeguista, pois seu pai fora un militante activo das Irmandades da Fala e amigo de Lois Porteiro Garea. Na súa mocidade achegouse á política da esquerda comprometida co seu país e tomou contacto cos intelectuais do Grupo Nós e cos poetas da Xeración de 1925, que se reunían no café Roma da cidade de Ourense. Publicou os seus primeiros versos no Heraldo de Galicia e fundou, xunto con Xosé Velo Mosquero, en 1934 a Federación de Mocedades Galeguistas de Celanova e dirixiu o seu voceiro, Guieiro. Outavoz patriótico da F.M.G., dirección que lle custou un proceso ao ano seguinte. Co alzamento militar fascista de 1936 paralizouse a súa actividade política e literaria e foi mobilizado polo exército franquista. Durante a contenda combateu na fronte de Asturias e nun permiso na súa vila natal en 1937, unha muller denunciouno por ter feito unha serie de comentarios contra as accións fascistas e como consecuencia encarcerárono durante tres días no mosteiro de San Rosendo de Celanova, cunha pena de morte pendente de ratificación que nunca se cumpriu; desta experiencia xurdiu o seu poema “Longa noite de pedra”. Trala Guerra Civil estudiou por libre dereito, carreira que comezara en Oviedo e que nunca rematou, e maxisterio, que exerceu puntualmente en Celanova a principios dos anos corenta. A partir de 1941 ocupou en Pontevedra o posto de funcionario da fiscalía de taxas e colaborou en distintas publicacións (Mar, Finisterre, Sonata gallega, Guía Anuario de Pontevedra). En 1949 foi chamado por Sabino Torres Ferrer, Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás para dirixir a colección de poesía Benito Soto, colección onde publicou en 1954 Musa alemá. Entre 1950 e 1966 viviu en Vigo, foi procurador dos tribunais, rexentou unha oficina de seguros, dirixiu un obradoiro de fotogravado, codirixiu a revista Alba, colaborou en Faro de Vigo coa sección “La jaula de los pájaros raros” e participou na creación da colección Salnés da editorial Galaxia, xunto con Francisco Fernández del Riego e Emilio Álvarez Blázquez. Colaborador en Litoral, Papeles de Son Armadáns e Vieiros, avogou por unha agrupación política a prol duns presupostos nacionalistas dentro do marxismo e converteuse nun dos fundadores en 1964, xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Raimundo Patiño e outros, da Unión do Pobo Galego (UPG), grupo político do que se desvinculou despois de anos de colaboración. O 22 de maio de 1966 emigrou a Venezuela e días antes de partir, o 15 de maio, recibiu unha homenaxe no hotel Roma de Ourense que contou coa participación de, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, X. Mª. Castroviejo, Eduardo Blanco Amor, Emilio Álvarez Blázquez, Luís Soto Fernández, Antón Tovar, X.L. Méndez Ferrín e Manuel María. Xa en Caracas, dirixiu o xornal quincenal Irmandade, a Escola Castelao, a emisión radiofónica de periodicidade semanal Sempre en Galicia, accedeu á secretaría de cultura da Hermandad Gallega, que abandonou debido a un proceso electoral fraudulento e ás desavinzas internas e basicamente políticas coa nova directiva, que reflectiu posteriormente en Viaxe ao país dos ananos, fundou a Agrupación Nós e foi nomeado secretario xeral do Padroado da Cultura Galega, fundado en 1968 por un grupo de galeguistas e amigos. Tras un período de penuria económica e despois de traballar nunha academia e como corrector de probas nunha imprenta, entrou no gabinete de prensa do presidente venezolano Rafael Caldera como corrector de estilo. En 1973 regresou a España e estableceuse en Madrid onde foi redactor da revista Tribuna Médica e colaborador do ABC onde tivo a sección “Mirador Literario: Escrito Gallego”; en 1974, nomeárono director da cátedra de Cultura Galega do Ateneo de Madrid. Asiduo aos parladoiros do Café Gijón, presentouse como senador por Ourense dentro da Candidatura Democrática Galega ás eleccións xerais de 1977. Xunto con Xosé Velo en 1935 publicou Cartafol de poesía, un cartafol que remitiron a un conxunto de persoas; logo, ían imprentando unhas follas soltas que reproducían os seus poemas e que os destinatarios coleccionarían ata completar o que sería o libro. Trala Guerra Civil publicou os poemarios Al aire de tu vuelo. Poemas (1938-1940) (1941) e Bailadas, cantigas y donaires (1947), de liña neopopularista e prologada por Fermín Bouza-Brey, e en colaboración co arqueólogo Antonio Blanco Freijeiro publicou a versión galega de quince poemas de autores alemáns titulada Musa alemá (1951), que contiña composicións de Friedrich Hölderlin, Agnes Miegel, Richard Dehmel, Heine, Franz Werfel e R. M. Rilke, e que se completou coa tradución na revista Alba do poema de Rilke “Canto do namoro e da morte do corneta Rilke”. Posteriormente publicou Curros Enríquez. Biografía (1954); o poemario Voz y Voto (1955), con poemas escritos orixinalmente en galego algúns deles incluídos logo en Longa noite de pedra (1962). O poemario O sono sulagado (1955), título que se modificou na segunda edición de 1975 polo de O soño sulagado, constituíu o primeiro volume en galego da colección Alba de Vigo e está integrado por 31 poemas. De contido heteroxéneo, de múltiples dimensións temáticas e con trazos autobiográficos, nel o poeta reflicte a través de símbolos e imaxes a súa angustia existencial e os seus conflitos persoais, e evoca a Celanova da súa nenez ao lembrar unha infancia feliz á que xa non pode volver. O medo, o amor, o inconformismo, a guerra, a soidade, a perda da inocencia, a ironía e a crítica desenvólvense a través de poemas como “Eu en ti”, “O asesino”, “Falaréivos de min”, “Saudade”, “Moi lonxe”, “Curros, neno”, “O medo”, “Mensaxe dende o silencio”, “Poema nuclear” ou “Primavera inútil”. No que respecta á súa estrutura, non ten unha organización secuencial ou lineal dos seus poemas, feito que reafirma unha heteroxeneidade unificada ao redor da noción da perda do paraíso do poeta (a infancia) e da evocación dun pasado que se lembra a través dunha visión metafísica da paisaxe e da saudade tinguida de desacougo e desilusión. O poemario Viaxe ao país dos ananos (1968), publicado na colección El Bardo de Barcelona, consta de dúas partes: a primeira está formada por 21 poemas ou secuencias e un limiar, e a segunda por 26 poemas. O poeta, en boca de Gulliver Ferreiro, chega a un país habitado por ananos e confesa os motivos que o levaron á emigración e a súa decepción ante o panorama co que se atopou. Describe eses ananos, emigrantes acomodados e corruptos, que se aproveitan do drama de emigración para medrar e que Celso Emilio atopou á fronte de moitas institucións galegas na diáspora, impedindo dese xeito un desenvolvemento frutífero das súas actividades e un atraso económico, político e cultural de Galicia. En conxunto, é unha desmitificación da visión que se tiña en Galicia da emigración e unha aceda crítica dirixida ao caciquismo, á corrupción e aos intereses persoais dun determinado sector da emigración. Simboliza os personaxes da diáspora venezolana que desertaron da súa patria en prol do seu propio beneficio. O libro vai dirixido a aqueles que se enriqueceron e se dedicaron a explotar aos seus compatriotas, ademais de evitar que fosen politizados polos galeguistas emigrados. A saudade, o desencanto, a reivindicación e a denuncia están presentes en poemas como “Doce outono”, “Prá mocedade”, “Ao lonxe Ourense”, “Canción” ou “Palabras a un pintor galego”. Posteriormente publicou Cantigas de escarnio e maldecir (1968), que reflicten a herdanza medieval galego-portuguesa e asinadas baixo o heterónimo Arístides Silveira; Terra de ningures (1969), conxunto de dezaseis poemas, datados e asinados en diferentes países visitados polo poeta, cheo de popularismo e heteroxeneidade; Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por il mesmo (1970), romance de cego baseado na sátira “Monólogo do desertor” incluído nas Cantigas de escarnio e maldecir (1968); Antipoemas (IV Premio Internacional de Poesía Álamo 1971), poemario en castelán cun marcado ton cívico escrito orixinariamente en galego para a colección Val de Lemos da editorial Xistral que foi censurado polo ministerio de Información; Poemas prohibidos (1972), separata editada polo propio Celso Emilio que contén os dez poemas que censuraron os editores do libro Antipoemas en contra da súa vontade; A fronteira infinda (1972), a súa primeira incursión no mundo da narrativa é unha obra tinguida de humor e sarcasmo e composta por dez relatos breves onde reflectiu a realidade latinoamericana e a emigración; A taberna do galo (1978), conxunto de narracións con influencia da tradición popular extraídas das inconclusas Memorias de nunca e caracterizadas por unha elevada dose de humor; Cimenterio privado (1973), conxunto de 69 composicións na liña satírica, das que só as dúas primeiras non son epitafios, cunha edición custeada por un grupo de emigrantes que se atopaban en Suíza; e Os autentes. Nove cantigas de escarño, cun introito, sete gómitos e unha náusea final (1973), sátira en verso publicada baixo o pseudónimo Alexis Vainacova. O seu último libro de poemas foi Onde o mundo chámase Celanova (1975), do que en edición posterior se corrixiu o erro sintáctico do título e cambiouse polo de Onde o mundo se chama Celanova. Galardoado co Premio da Crítica Española en 1976, reflicte a súa infancia e adolescencia en Celanova, a súa vellez e inclúe un canto á súa compañeira Moraima constituído por quince poemas que en principio ían constituír un volume independente e que conforma a parte titulada “Moraima: diario de a bordo”, sen esquecer o seu permanente compromiso social e a denuncia política. Ao longo de poemas como “Nai”, “Eiquí será”, “En Celanova había un neno triste”, “Alá ”, ou “O meu val”, lembra con saudade a terra e os sons da nenez. A vila de Celanova humanízase e o poeta dialoga con ela con emoción e nostalxia; paralelamente, atópanse temas complementarios que manifestan a súa viviencia americana, sátiras contra o poder e os cartos, reflexións sobre a fugacidade da vida, conversas cun Deus humanizado a quen lle reclama o se silencio ante a inxustiza e a dor humana, e, de fondo, a figura dunha nai ausente. O volume inclúe poemas escritos en Caracas, outros compostos de regreso da emigración e outros que xa se publicaran en libros anteriores. Postumamente apareceu Libro dos homenaxes (1979), compilación heteroxénea que reúne textos dispersos en revistas ou libros anteriores. Das escolmas da súa poesía destacan Autoescolha poética (1954-1971), (1972), adaptados ao portugués polo autor; Antología (1977) e Antoloxía (1989). Así mesmo, publicáronse tres volumes que recollen as súas obras completas publicadas pola editorial Akal en Madrid en 1975, os dous primeiros volumes, e en 1981 o terceiro, que recollen a maior parte da súa produción. Dende o punto de vista creativo, centrouse fundamentalmente na poesía, aínda que tamén cultivou a narrativa, e na súa obra reflíctese como un poeta social que denuncia a ditadura franquista, a explotación do obreiro, a opresión, o capitalismo, o racismo, o belicismo, o imperialismo e a ameaza nuclear a través dun rexistro intimista, pesimista, irónico ou sarcástico que fala do amor, soidade, liberdade, infancia, perda da inocencia e do desacougo. Poeta social, no conxunto da súa obra pretendeu subliñar o compromiso do poeta coas clases populares, dignificar socialmente o traballador, estimular a solidariedade e reflectir a realidade social rexeitando a burguesía. A súa ideoloxía de esquerdas, a súa loita contra calquera tipo de opresión, intolerancia, inxustiza e o seu antibelicismo e antimilitarismo flúen ao longo de toda a súa creación e conforman a súa liña temática. Ás condicións políticas e sociais en que se desenvolveu contribuíron a que a ironía se convertese nun dos seus piares poéticos fundamentais e reflíctese en poemas como “Cantiga de amor cicáis”, “Poema nuclear” ou “Romance incompleto”. Por outro lado, Celso Emilio domina con mestría a sátira e denuncia as contradicións políticas e sociais que o rodean. Tematicamente, a emigración e a guerra son constantes na súa produción, e como consecuencia delas xorde o medo, a saudade e a denuncia en Viaxe ao país dos ananos ou en composicións como “Emigrantes”, “O val”, “O desterro”, “Historia dunha muller”, “Soldado” ou “Carta a Fuco Buxán”. A súa infancia vai ser o paraíso perdido e o símbolo da inocencia perdida representado no locus amoenus que para o poeta é Celanova. Así mesmo, a morte, a dor, a angustia existencial e unha soidade produto do desamparo fornecerán de intimismo os seus versos. A súa obra acadou gran difusión e moitos dos seus poemas, sobre todo de Longa noite de pedra, foron musicados e cantados por artistas da época e convertéronse en abandeirados de protesta contra a política franquista e de reivindicación dos dereitos do proletariado. Cantautores galegos e non galegos musicaron os seus versos e voces como María Manuela, Amancio Prada, Xavier, Luís Emilio Batallán, Aguaviva, ou Voces Ceibes difundiron a súa poesía. En 1989 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Celanova -
Deceso
Lugar : Vigo