Ferreiro Suárez, Xosé Antón Mauro
Escultor. Formouse no taller de Xosé Gambino co que realizou as esculturas do retablo maior de San Mamede de Carnota (1774), o retablo maior de Sobrado dos Monxes (1770) e o frontón e a estatua de Santiago do pazo de Raxoi (1774). Trala morte do seu mestre (1775), fíxose cargo do obradoiro. En 1804 enfermou e mantívose afastado da escultura ata que en 1810 se trasladou a Hermisende onde fixo dúas imaxes. En 1812 foi xunto co seu xenro Vicente Portela, formado no seu obradoiro, a San Pedro da Torre onde realizou o retablo maior de San Pedro ad vincula (1812-1813). Regresou a Santiago e pouco despois instalouse definitivamente en Hermesinde. As obras realizadas durante o período de formación con Gambino, mostran a asimilación das características rococós do seu mestre. Posteriormente as súas obras fixéronse máis persoais e asumiron as formas clasicistas italianas que coñeceu a través de gravados ou das obras dos artistas italianos que traballan na Península Ibérica. En San Martiño Pinario realizou as 33 imaxes do monumento de Xoves Santo (1772), o grupo de santa Escolástica e as estatuas de san Rosendo e san Pedro de Mezonzo (1773-1779), o retablo do Santo Cristo da Paciencia e santa Xertrude a Magna 1784. Ademais cómpre destacar a Santa Quiteria no Carme de Abaixo (1766); o retablo maior de San Miguel de Castro (1783); os retablos marior e de santa Escolastica, san Rosendo, san Brais e san Eufrasio no mosteiro de Samos (1781-1785); o retablo maior de San Francisco de Ferrol (1790); e a Minerva cos putti cos símbolos académicos para o edificio central da Universidade de Santiago, trasladada posteriormente á facultade de Químicas (1803).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Noia -
Deceso
Lugar : Hermisende, Zamora