Ferro ou Idade do Ferro
Período da Prehistoria no que a metalurxia do ferro substituíu a do bronce na fabricación de instrumentos de uso cotiá e armas. O ferro empregouse por vez primeira en Oriente Próximo no ámbito do Imperio Hitita, entre o 2000 a C e o 1500 a C, e desde alí estendeuse cara a Europa, África do N e o S de Asia. O seu uso, ao ser un metal máis abundante ca o cobre e máis duro ca o bronce, permitiu mellorar as ferramentas de traballo e contribuíu ao maior desenvolvemento da agricultura e a conseguinte complexidade e xerarquización das sociedades.
Orixe e expansión
A xeneralización do emprego do ferro a través das rutas comerciais do Mediterráneo ou a través do Danubio, deu lugar en Europa continental e mediterránea, entre finais da Idade do Bronce e inicios da conquista romana, ao desenvolvemento dunha serie de culturas. A cultura vilanoviana, desenvolvida no val do Po, na Toscana e no N do Lacio entre o 1000 a C e o 700 a C, caracterizouse polo ritos funerarios nos que se incineraba o defunto e se introducían as súas cinzas en furnas cerámicas que despois eran enterradas en sepulturas, xunto a enxovais con pezas de ferro e bronce. A cultura de Hallsttat, que se estendeu por Austria, Baviera, Suíza, Francia, Renania e o SL de Inglaterra entre o 700 a C e o 670 a C, caracterizouse polos seus enterramentos, nos que destacan os enxovais funerarios que inclúen, entre outros obxectos, espadas de ferro e bronce, dagas, machados e cascos, cuncas e caldeiros de bronce e doas de ámbar e vidro. A cultura de La Tène, que se difundiu por Europa Central e Occidental, Inglaterra e o N de Xutlandia entre o 450 a C e o 58 a C, caracterizouse polo incipiente urbanismo dos seus poboados, os seus enterramentos en túmulos de pedra e polas decoracións con motivos curvilíneos e animalísticos. No N de Europa, a chegada do ferro produciuse ao redor do 500 a C e deu lugar a unha serie de culturas que se desenvolveron a partir das formas da cultura de La Tène ata o s V d C. Na Península Ibérica, o ferro estivo presente no desenvolvemento da cultura ibera no val do Guadalquivir e no Levante, e da celtibera no val do Ebro. En África, a metalurxia do ferro penetrou a través do río Nilo e desenvolveuse na área subsahariana desde o 500 a C, nas costas orientais desde o 200 a C e no S desde o 200 d C. En Asia, o ferro utilizouse desde o 600 a C, cando os chineses crearon unha metalurxia máis desenvolvida ca a europea, ao facer fundición en molde.
O Ferro en Galicia
A chegada da metalurxia do ferro ao NO sitúase a mediados do primeiro milenio a C no ámbito cronolóxico da cultura castrexa, pero tecnoloxicamente á marxe desta, ao ser o ferro un elemento máis ben escaso no mundo dos castros ata a derradeira etapa do seu desenvolvemento, que coincide coa conquista romana. Non obstante , ao longo destes cinco séculos chegaron ao NO influencias e elementos do Ferro centroeuropeo, entre outros, a cerámica característica da cultura de Alpiarça, localizada nos niveis máis antigos do castro de Castromao e na furna funeraria de Santa Águeda en Ourense; os puñais de antenas con folla de lingua de carpa de Isorna na ría de Arousa e da ría do Burgo na Coruña; os brazaletes e torques de Neixón e Moimenta; e o casco repuxado de Leiro en Rianxo.