Ferro Caaveiro, Miguel
Arquitecto, fillo de Lucas Antonio Ferro Caaveiro. Renunciou as formas barrocas que aprendera co seu pai e realizou unha obra plenamente neoclásica. Desempeñou o cargo de mestre de obras da catedral dende 1770 e asumiuno plenamente en 1772. En 1774 nomeárono director das obras hidraúlicas da Coruña para a construción de diques e dende 1780 foi arquitecto privativo das obras públicas e particulares de Santiago. En 1787 nomeárono profesor de arquitectura na Real Sociedad Económica de Amigos del País. Desenvolveu un amplo programa educativo e en 1792 publicou Divertimentos de Geometría Mixta. Inventou o Prontuario Crononólico, aparello que servía para saber o mes, o día e a hora de todas as partes do mundo, e en 1798 o Taboeiro das Máquinas Armónicas, aparello músico-matemático. En 1804 abandonou a arquitectura por mor da enfermidade. Traballou na capela da Comuñón, antiga capela de don Lope, da catedral compostelá, de planta circular e con planos, probablemente, de Domingos Lois Monteagudo. Ao redor de 1770 proxectou a igrexa de Santa María do Camiño, na que destaca a fachada articulada con dous pares de piastras xónicas e o entaboamento curvo e partido. En 1773 deseñou os planos da Capela Xeral das Ánimas, revisados e aprobados polo académico Ventura Rodríguez. A súa construción comezou en 1783. Realizou tamén a capela dos Milagres en San Fiz de Solovio e a capela das Dores en San Miguel dos Agros. En Lugo traballou no remate das naves e da fachada da catedral, onde construíu a capela de San Froilán (1784). No eido da arquitectura civil, realizou o edificio da Universidade de Santiago (facultade de Xeografía e Historia), segundo as trazas presentadas en 1774 e non incluíu as modificacións de V. Rodríguez, e o hospicio de Santa Isabel. No eido da arquitectura efémera fixo unha máquina de foguetes, á que chamou templo de Xano Cerrado, para conmemorar a proclamación do Rei Carlos IV (1788).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso