Ferro Ruibal, Xesús
Profesor e investigador. Estudou filosofía e teoloxía en Santiago de Compostela (ata 1965) e filoloxía clásica en Roma (1969). Catedrático de Latín no ensino medio, foi cotradutor de O Novo Testamento (1978) e A Biblia (1989), obra que recibiu o Premio Nacional de Tradución en 1990. No eido da filoloxía clásica publicou De varia Christianorum habitudine erga cultum et rem classicam (1982), Dido e Eneas. Xénese nacemento e vida de dous personaxes polémicos da Eneida (1983), “Tres escritores latinos na Galicia do século XX” (1999) e unha tradución ao latín dun conto galego de Rafael Dieste: “Cum Benedictus vita functus est” (1987). Foi coautor dun libro de texto para o estudo do latín dende a lingua e cultura galegas: De onte a hoxe (1984), e de Novos textos para a introdución no latín. 3778 refráns latinos (1990). En relación á fraseoloxía galega, publicou o Refraneiro Galego Básico (1987), Refraneiro galego da vaca (1995) (con Pedro Benavente Jareño), Refráns da xustiza (1995), Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre (1996) , “Deus e mailo demo no refraneiro galego” (1997) e Refraneiro galego máis frecuente (2002), “A comparación fraseolóxica como radiografía lingüística” (2008); dirixe os traballos de fraseoloxía no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades I Coloquio Galego de Fraseoloxía (1998); traducións galegas de manuais rusos de fraseoloxía (Valerii Mokienko, Dmitrij Dobrovol’skij e A. Baránov), dirixe a revista Cadernos de Fraseoloxía Galega (11 volumes publicados en 2009) e os Anexos de C.F.G. No campo da onomástica dirixiu o Dicionario de nomes galegos (1992) e O teu nome (1994). Tamén elaborou artigos sobre a normativa galega, como “O acordo ortográfico e morfolóxico de 1982. Entre a utopía foneticista e as heterografías lusistas” (1984), “A planificación do corpus no galego” (1992), “En defensa do galego e da Academia” (2001) e de asuntos sociolingüísticos como A Igrexa e a lingua galega (1987), “Algúns textos relixiosos galegos anteriores á admisión do galego como lingua litúrxica” ou “Notas para un Manual de resistencia lingüística”. Colabora con Pedro Benavente Jareño nunha monografía etnolingüística sobre o gando vacún. Participou na promoción do galego na Igrexa (na liturxia parroquial, en revistas como Fátima, Encrucillada, ou na campaña Galegos de por vida, Bienio Irmandiño) e na empresa coa Fundación dos Premios da Crítica e coa Fundación Galicia-Empresa (para este sector escribiu tres relatos A miña oportunidade e Os papiros do Medulio (1992) para os Contos do Castromil e Non hai resposta mellor có amor (2009) para a empresa Travibús). No eido histórico publicou “Un misal medieval na Coruña (A Coruña RAG lat.1): lectura e significación litúrxica, cultural e política dun manuscrito” (2001) e “Moraña e Cuntis na Guerra da Independencia (1809). Un relato anónimo de "1815" (2001). Publicou, así mesmo, o artigo “Lingua, vida cotiá e corridas de touros. Miscelánea inédita de Fr. Martín Sarmiento” (2002). Creou e dirixiu Ben falado!, microespazo sobre lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística emitido pola TVG. Dende 1996 é membro numerario da Real Academia Galega, institución na que traballa en asuntos de sociolingüística, onomástica e norma.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Rebón, Moraña