Gabriel

Gabriel
[RELIX]

Arcanxo que segundo a Biblia lle anunciou a Daniel a chegada dos tempos mesiánicos, a Zacarías o nacemento de Xoán Bautista e a María o de Cristo. Na teoloxía islámica ten o papel de intermediario na revelación divina a Mahoma. No Islam revela a Mahoma a súa misión e díctalle o Alcorán. Constitúe o equivalente de Iris na mitoloxía grega e o antecedente de María nas súas abondosas aparicións. É patrón dos carteiros e da telecomunicación. Na iconografía represéntase xunto a María como un mozo novo e imberbe na escena da Anunciación, isto é, descendendo desde o ceo coas ás abertas, vestido cunha túnica ou manto; leva como atributos un dedo índice levantado en actitude de falar, unha fita ou filacteria despregada coas palabras “Ave María” e un pau de mensaxeiro. A súa festividade celébrase o 29 de setembro, no mesmo día que san Miguel e san Rafael; antes da reforma do calendario litúrxico festexábase o 24 de marzo.