Gaeta

Gaeta

Cidade da provincia de Latina, no Lacio, Italia, situada no golfo de Gaeta, ao pé do Orlando, promontorio que separa este golfo do de Terracina (21. 135 h [2001]). Antigo porto romano, independizouse no s IX do Imperio Bizantino e converteuse en bispado. Integrada en 1140 no Reino de Sicilia, foi asediada por Afonso V de Aragón en 1435 e ocupada polos franceses en 1495. Trala Batalla de Garigliano (1503) pasou ao poder da monarquía hispánica ata 1707. En 1860 converteuse en capital do reino das Dúas Sicilias, ata que un ano máis tarde foi ocupada polas tropas de G. Garibaldi. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, o mausoleo romano de Munacio Planco, o castelo medieval e as igrexas de Santa Lucia (VII), San Giovanni a Mare (s X) e a Annunziata (s XIV).