Gago de Mendoza

Gago de Mendoza

Familia oriúnda de Pontevedra. Patróns da capela da Anunciación na igrexa conventual de San Francisco, como portadores do morgado de Raxoo por seren descendentes do fundador, Antonio García de Raxoo, e da capela das Candeas no templo de Santa María a Grande. Posuían numerosos bens inmobles en Pontevedra e os seus arredores, así como nas provincias de Ourense e da Coruña, e en Ponferrada e Astorga. A súa orixe remóntase ao s XVI con Sancho Gago e o seu neto Domingos Agulla Gago de Figueroa que, por matrimonio, posuíu o morgado dos Raxoo, e fundou o morgado dos Gago en 1581. Entre os seus membros destacaron Xoana Gago Figueroa, Antonio Gago de Cervela e Novoa, Antonio Bieito Gago de Mendoza e Soutomaior, Mariana Xosefa Gago Mendoza de Oca, Bieito Gago Tavares e Telmo Gago Agulla Montenegro. Unha das súas ramas emparentou cos Caamaño e no s XVIII acadaron por sucesivos matrimonios o marquesado de Leis. Na Guerra da Independencia destacou un dos seus membros, Xoán Gago. Xosé María Montenegro e Gago Puga e Pimentel, Romero e Leis, legalizou o marquesado e en 1844 concedéuselle o título oficial de I marqués de Leis.