galego -ga
(< topónimo Gallaecu)
-
Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua. Natural ou habitante de Galicia. Historia da Lingua Linguas ibéricas prelatinas A Gallaecia estaba integrada no territorio hispánico máis intensamente indoeuropeizado antes da romanización. O material lingüístico prelatino e indoeuropeo que se lle pode atribuír non é só céltico, posto que tamén se identifican elementos que non o son plenamente e que pertencen a un estrato coñecido como “antigo europeo”, “precéltico” e “paracéltico”. Suponse que migracións principiadas no segundo milenio antes de Cristo o traerían desde zonas centroeuropeas ata o N e o O ibéricos; vestixios del serían as palabras que mantiveron o P- inicial que o céltico común eliminou (pala, páramo). Entre o material lingüístico céltico, conducido ata aquí, sobre todo, en migracións desenvolvidas durante o primeiro milenio antes de Cristo, sobresae un grupo non moi numeroso de substantivos concretos que, por estaren moi vinculados con formas de vida ancestrais ou por designaren realidades materiais descoñecidas ou pouco coñecidas polos colonizadores romanos, non chegaron a ser substituídos por termos latinos que puidesen traducilos coa necesaria exactitude (berce, billa, bugallo, rodaballo, tona). Outras voces de orixe celta (camiño, camisa, carro, cervexa) son préstamos incorporados antigamente ao latín que foron difundidos por vastas áreas europeas mercé ao proceso colonizador romano. De par destas palabras hai que situar distintos elementos integrantes da toponimia galaica: os nomes de lugar formados co lexema brig- ‘fortaleza’ (Brigantium, Nemetobriga); os que teñen unha terminación en -bre ou -ve procedente de -bris ou -brix, forma flexionada de -briga (Fiobre, Lestrove); topónimos (Ledesma, Nantes, Nemenzo, Coruña, Céltigos), hidrónimos (Deva, Dubra). Tamén se lle atribúe ao influxo celta un conxunto de mudanzas fonético-fonolóxicas do latín que triunfaron na maior parte da Romania occidental e que basicamente consistiron na perda de tensión articulatoria das consoantes longas, na sonorización das consoantes oclusivas xordas e breves situadas entre vocais ou entre vogal e consoante vibrante e na fricativización (que puido progresar posteriormente ata a espirantización ou mesmo ata a desaparición) das consoantes breves e sonoras situadas nas mesmas posicións: CATTU > gato, CATELLA > cadela, AMICU > amigo > amiγo > amigho (con gheada), SEDERE > seðer > seer > ser. O material lingüístico prerromano e non indoeuropeo na lingua galega pódese remontar cronoloxicamente ata a Idade de Pedra, mais débese advertir que unha parte dificilmente recoñecible del puido chegar en forma de préstamos incorporados ás linguas indoeuropeas que ao longo da historia se falaron no NO ibérico. Das voces deste tipo (amorodo, carballo, carqueixa, coto, esquerdo, quiroga, veiga) cómpre dicir que presentan extensións xeográficas diversas pero que, en xeral, evidencian conexións da Península Ibérica co N de África, coa Europa occidental ou mesmo con territorios máis distantes que se aproximan ata o Cáucaso. Isto evidencia que subxace un certo fondo lingüístico preindoeuropeo común que
-
s
Natural ou habitante de Galicia.
-
adx
Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
m
[LING]
Historia da Lingua
Linguas ibéricas prelatinas
A Gallaecia estaba integrada no territorio hispánico máis intensamente indoeuropeizado antes da romanización. O material lingüístico prelatino e indoeuropeo que se lle pode atribuír non é só céltico, posto que tamén se identifican elementos que non o son plenamente e que pertencen a un estrato coñecido como “antigo europeo”, “precéltico” e “paracéltico”. Suponse que migracións principiadas no segundo milenio antes de Cristo o traerían desde zonas centroeuropeas ata o N e o O ibéricos; vestixios del serían as palabras que mantiveron o P- inicial que o céltico común eliminou (pala, páramo). Entre o material lingüístico céltico, conducido ata aquí, sobre todo, en migracións desenvolvidas durante o primeiro milenio antes de Cristo, sobresae un grupo non moi numeroso de substantivos concretos que, por estaren moi vinculados con formas de vida ancestrais ou por designaren realidades materiais descoñecidas ou pouco coñecidas polos colonizadores romanos, non chegaron a ser substituídos por termos latinos que puidesen traducilos coa necesaria exactitude (berce, billa, bugallo, rodaballo, tona). Outras voces de orixe celta (camiño, camisa, carro, cervexa) son préstamos incorporados antigamente ao latín que foron difundidos por vastas áreas europeas mercé ao proceso colonizador romano. De par destas palabras hai que situar distintos elementos integrantes da toponimia galaica: os nomes de lugar formados co lexema brig- ‘fortaleza’ (Brigantium, Nemetobriga); os que teñen unha terminación en -bre ou -ve procedente de -bris ou -brix, forma flexionada de -briga (Fiobre, Lestrove); topónimos (Ledesma, Nantes, Nemenzo, Coruña, Céltigos), hidrónimos (Deva, Dubra). Tamén se lle atribúe ao influxo celta un conxunto de mudanzas fonético-fonolóxicas do latín que triunfaron na maior parte da Romania occidental e que basicamente consistiron na perda de tensión articulatoria das consoantes longas, na sonorización das consoantes oclusivas xordas e breves situadas entre vocais ou entre vogal e consoante vibrante e na fricativización (que puido progresar posteriormente ata a espirantización ou mesmo ata a desaparición) das consoantes breves e sonoras situadas nas mesmas posicións: CATTU > gato, CATELLA > cadela, AMICU > amigo > amiγo > amigho (con gheada), SEDERE > seðer > seer > ser. O material lingüístico prerromano e non indoeuropeo na lingua galega pódese remontar cronoloxicamente ata a Idade de Pedra, mais débese advertir que unha parte dificilmente recoñecible del puido chegar en forma de préstamos incorporados ás linguas indoeuropeas que ao longo da historia se falaron no NO ibérico. Das voces deste tipo (amorodo, carballo, carqueixa, coto, esquerdo, quiroga, veiga) cómpre dicir que presentan extensións xeográficas diversas pero que, en xeral, evidencian conexións da Península Ibérica co N de África, coa Europa occidental ou mesmo con territorios máis distantes que se aproximan ata o Cáucaso. Isto evidencia que subxace un certo fondo lingüístico preindoeuropeo común que antigamente irmandaría grandes territorios europeos e norteafricanos.
A latinización da Gallaecia
A colonización romana de Hispania (s III a C) supuxo a instalación dun potente foco indoeuropeizador. Ao iniciarse o lento proceso da súa ocupación efectiva por parte de Roma (139 a C), o NO ibérico debía de estar habitado por diversos populi que, aínda que cultural e lingüisticamente fosen relativamente diversos, presentaban un grao de homoxeneidade suficiente para que os novos colonizadores os denominasen conxuntamente Callaeci, habitantes dunha Callaecia que se estendería polo menos desde o río Douro ata o Mar Cantábrico, con importantes extensións de terreo que se situarían ao L das fronteiras da Galicia administrativa actual. A romanización dos galaicos tivo que ser un proceso longo que se iría abrindo camiño conforme se ía producindo o abandono dos castros para os indíxenas se asentaren nas chairas, conforme se ía consolidando a rede urbana posta en pé trala campaña militar de Octavio Augusto entre o 29 e o 19 a C (Lucus, Bracara, Asturica), conforme os habitantes máis afortunados destas terras se ían homologando xuridicamente con outros cidadáns romanos, conforme a Gallaecia ía vendo oficialmente recoñecida a súa unidade e especificidade ao tempo que medidas de moi distinto tipo consagraban a súa integración no Imperio. É obvio que a substitución da lingua ou linguas galaicas prerromanas polo latín tivo que ser máis temperá no caso dos indíxenas máis próximos ás delegacións da administración imperial e á escola e moito máis serodia para aqueles que vivisen lonxe, en contextos rurais máis dificultosamente asimilables. A incorporación ás lexións, os matrimonios mixtos e as importantes explotacións mineiras galaicas (que esixían a presenza de técnicos romanos) serían importantes factores de latinización, mais as persistencias prerromanas tiveron que ser moi duradeiras. Cando, entre os ss IV e V d C, en Bracara Augusta houbo escritores latinos (Hidacio, Paulo Orosio), tiña que estar o latín moi ben instalado nos medios escolares e administrativos da Gallaecia, mais isto non autoriza a concluír que, nunha sociedade maioritariamente campesiña coma aquela, as linguas indíxenas tivesen que estar xa completamente substituídas polo idioma do Imperio. Segundo Joseph Piel, a peculiar latinidade galaica foi produto da dupla situación periférica que esta provincia ocupaba dentro do Imperio Romano: a Gallaecia era unha parte periférica da periférica Hispania, de xeito que as innovacións lingüísticas irradiadas desde a capital romana ou desde algunhas capitais de provincia prestixiosas non tiñan fácil acceso ata ela, como tampouco resultaba fácil que os tipos lingüísticos especificamente galaicos, por careceren da necesaria estimación, por non dispoñeren de vías de comunicación axeitadas ou por ambas as razóns a un tempo, conseguisen progresar cara ao centro da Península Ibérica. Singularidades lexicais do latín galaico serían abouxar (< AD-BUCĪNĀRE), acadar (< AD-CAPITĀRE), acougar (< AD-COLLOCĀRE), adoito (< ADDUCTU), agás (< *CAPSE ou QUASI), agra (neutro colectivo de AGER - AGRUM), almallo (baseada no colectivo ANIMĀLIA), bágoa (< BACULA), dioivo (< DILUVIU), meigo (< MAGICU), xebre e enxebre (derivados posverbais de SEPĀRĀRE), etc, ou topónimos como Graña ||||(< GRĀNEA)||||, que na lingua común caería máis tarde como forma léxica ante o galicismo granxa, Compostela ‘a Ben-posta’ (< COMPOSITA + sufixo diminutivo-apreciativo -ELLA) Vigo (< VĪCU) . A distancia e as dificultades para a comunicación tamén deberon obstaculizar a chegada das novidades lingüísticas á Gallaecia, que chegarían á Hispania sobre todo a través dos portos tarraconenses. A pesar de que o NO pasou a depender administrativamente de Tarraco (13 a C), a vía que desde esta cidade mediterránea se introducía romanizadora e latinizadora polo N da Hispania non abondou para que certas mudanzas lingüísticas que atinxiron os actuais territorios de Catalunya, S e SL de Francia, Aragón ou Castela a Vella chegasen a ser acollidas tamén na Gallaecia. Non triunfaron, por exemplo, as monotongacións dos ditongos decrecentes /ai/ (AREA > *aira > eira), /εi/ (MATERIA > madeira) e /au/ (AURU > ouro) nin a asimilación e posterior simplificación do grupo consonántico /mb/ (LUMBU > lombo), como tampouco o deberon de facer na conservadora área meridional da Bética (mozárabe: carrayra ‘carreira’, yenair ‘xaneiro’, lauxa ‘lousa’ ou palomba). Tampouco se impuxeron no centro e no O hispánicos novidades lexicais coma PARABOLĀRE ou FORMATICUS, que si triunfaron polo centro do Imperio (ital: parlare, formaggio; fr: parler, fromage; cat: parlar, formatge); no latín galaico, coma no castelán ou na lingua doutras áreas periféricas coma a sarda, a romanesa ou a rética, permaneceron as voces antigas FABULARI e CASEU (falar e queixo).
Do latín tardío ao romance galego
O Regnum Suevorum ou Galliciense Regnum do pobo xermano dos suevos (411 d C) presentouse como un continuador da provincia romana da Gallaecia e non perdeu tal carácter nin sequera cando foi anexionado pola monarquía hispano-visigoda (585). A dominación xermana do NO perdurou como un extenso período de notable autonomía só parcialmente perturbado pola irrupción dos musulmáns na Península Ibérica (711). Durante este tempo triunfaron no latín galaico certas innovacións que non se coñeceron ou non correron a mesma sorte en territorios situados máis ao L ou máis ao S, cos que probablemente a comunicación non era demasiado fluída. É o caso do debilitamento articulatorio e a subseguinte desaparición das consoantes /l/ e /n/ en posición intervocálica e tamén o da palatalización en /tÙʃ/ dos grupos consonánticos homosilábicos /pl/, /kl/ e /fl/ en posición forte. As consoantes nasais intervocálicas ocasionaron unha nasalización anticipatoria das vocais que as antecedían, de tal xeito que no galego arcaico chegou a haber unha serie de fonemas vocálicos nasais que axiña se viron sometidos a un proceso de desnasalización con resultados diversos. Estes cambios consonánticos maniféstanse regularmente nas Cantigas de Santa María (s XIII): DOLĒRE > doer, (HŌRA) *MANEĀNA > manãa, PLĀNU > chão, CLAMĀRE > chamar, FRAGRĀRE > FLAGRĀRE > cheirar. Así mesmo, o relativo illamento da Gallaecia sueva e visigoda debeu de impedir que a ditongación das vocais latinas Ĕ e Ŏ tónicas, triunfante no centro da península, chegase a impoñerse no NO. Así, unha vez fechado o ciclo que conduciu desde o sistema vocálico do latín clásico ata o sistema vocálico máis estendido do latín vulgar (e tamén do romance galego), alcanzouse un sistema con sete fonemas vocálicos en posición tónica: /a/ < Ă, Ā; /ε/ < Ĕ, AE; /e/ < Ē, Ĭ, OE; /i/ > Ī; /ɔ/ < Ŏ; /o/ < Ō, Ŭ; /u/ < Ū. Sistema vocálico que xa se recolle nas Cantigas de Santa María, na lírica profana dos tres cancioneiros (da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Biblioteca Vaticana) ou na Crónica Xeral e Crónica de Castela (texto 1). A situación de contacto lingüístico latino-xermano do NO ibérico (ou, en xeral, en toda a Península Ibérica) orixinou un importante legado toponímico e antroponímico e unha serie de formas lexicas a maioría pertencentes ao vocabulario propio da vida rural: agasallar, banco, elmo, escaa ‘medida para grans’, escanciar, esmagar, espeto, gabián, ganso, luva, roca, sopa, xabón, etc. Esta predominancia pode explicarse porque, se non o idioma ou idiomas xermanos no seu conxunto, polo menos algúns vocábulos del ou deles deberon de conservarse mellor entre as camadas humildes da poboación asentadas nos medios rurais ca entre unha nobreza que incluso puido chegar altamente romanizada á Hispania e que se instalaría preferentemente nas grandes cidades hispanogodas (Barcelona, Toledo, etc). Este carácter de oligarquía altamente asimilada, unido a outros importantes factores concomitantes (nivel cultural medio moi inferior ao das elites hispanolatinas, etc), axuda a comprender que a romanización das elites xermanas que se instalaron na Península Ibérica foi moito máis intensa ca a xermanización que elas puideron proxectar sobre os hispanorromanos. Nin o suevo nin o visigodo lograron desterrar o latín do territorio hispánico durante a Alta Idade Media. Non aconteceu o mesmo coa lingua árabe (ss VIII-XV) que se constituíu como lingua dominante nos usos orais e escritos en territorios do S, o centro e mesmo o nordés ibéricos. Mais Galicia, e sobre todo a Galicia setentrional, permaneceu esencialmente á marxe do Islam, xa que moi pouco despois da irrupción árabe e bérber (711), durante o reinado de Afonso I (739-757), a fronteira meridional do reino galaico-astur-leonés xa estaba situada na liña do río Miño. Esta fronteira non descendeu ata o Douro ata o tempo de Afonso III (866-910), de modo que o influxo arabizante e islamizante foi máis intenso na zona interamnense ca nas terras de aquén Miño; en todo caso, tal influencia foi en todo o NO moito máis liviá ca a que se exerceu polo centro e o S da península. Por suposto, isto non significa que non houbese contactos entre galegos e xente de Al-Andalus, unhas veces a través de expedicións militares ou de viaxes doutra índole, noutras ocasións debido ao asentamento de colonias probablemente mozárabes no territorio galaico (de Coimbra nos lugares chamados Cumbráns ou Cumbraos). Por todo isto, os topónimos árabes de Galicia non son numerosos (Alcázar de Milmanda, Alfoz, Rábade) e os arabismos lexicais do galego son na súa inmensa maioría compartidos con todos os romances ibéricos centrooccidentais (alcalde, aldea, arroz, xadrez). Só unha minúscula parte deles semella tomada directamente da fonte árabe, dado que a súa conformación fonética se axusta ás pautas evolutivas propias das voces patrimoniais do romance galego (acea, argola, laranxa, maquía, tafona). Durante os primeiros anos da dominación musulmá da Península Ibérica debía de estar bastante adiantada a progresiva disgregación do espazo lingüístico románico. É certo que o latín clásico e os preceptos gramaticais universalmente acatados para o desempeño das funcións formais deberon de permanecer durante moito tempo como garantes dunha consciencia lingüística unitaria que, aínda que con dificultades crecentes, conseguiría superar os estímulos desintegradores derivados das tendencias dialectalizantes alentadas pola ruptura da unidade política. Falaríase entón por toda a Romania un latín dotado dunha enorme variedade interna, pero todos os que o tiñan como lingua de cultura, da administración e de rezo estarían convencidos de que as diferencias con que oralmente o usaban non abondaban para fragmentar a súa unidade esencial. Ademais, no heteroxéneo latín vulgar (s VIII), terían un alto grao de consolidación algunhas mudanzas que, comúns á totalidade dos dialectos, posibilitarían aínda a intercomprensión entre todos os falantes neolatinos: a preferencia pola orde sintáctica SUX-V-OBX ou, cando menos, pola posición interior do verbo; a flexión nominal moi simplificada, pese a que en certas rexións de Francia subsistiu durante un tempo unha declinación bicasual; a desaparición do neutro; o abandono da voz pasiva expresada mediante procesos morfolóxicos e a aparición de procedementos de expresión analíticos non só para a pasiva, senón tamén para os futuros e para os perfectos; e a palatalización de /k/ e /g/ ante as vocais palatais (texto 2). Pero para que se producise a emerxencia do romance como lingua fundamentalmente distinta do latín era preciso que na consciencia lingüística dos europeos occidentais madurase a idea de que, efectivamente, latín e romance eran xa entidades esencialmente diferentes. Que isto sucedese dependía non só de factores relacionados coa distancia lingüística, senón tamén de diversas circunstancias socioeconómicas e culturais que non se deron nin simultánea nin homoxeneamente por todo o amplo territorio latinfalante. Os indicios seguros máis antigos que constatan esta diferenza proceden da Francia carolinxia: no Concilio de Tours (813) (texto 3) e no de Maguncia (847), acordouse que os textos das homilías se lles lesen en rusticam Romanam linguam a aqueles fieis que a tivesen como propia, para así asegurarse de que as ensinanzas relixiosas lles eran transmitidas eficazmente. Na mesma área e na mesma época elaborouse o máis antigo texto románico que se coñece: os Serments de Strasbourg (842). A emerxencia da consciencia de que o romance era xa esencialmente distinto do latín alentou, na Francia carolinxia, as primeiras tentativas da escritura románica. Probablemente haberá que identificar tales circunstancias coa reforma educativa inspirada por Alcuíno de York (735-804), que entre outras cousas implicaba a volta do latín escolar á prístina pronuncia do latín, presuntamente deturpada polos hábitos articulatorios que a foran “corrompendo” nos distintos territorios románicos. Esta reforma non tardou demasiado en chegar á nacente Catalu-nya, pero, o resto do N ibérico, non comezou a recibila ata a segunda metade do s XI, cando a influencia francesa se foi materializando coa expansión da orde beneditina de Cluny, moi influente en Compostela a través de Diego Xelmírez (s XI-XII). Esta reforma provocou o aumento da distancia entre a lingua dos actos solemnes e a lingua das situacións informais, entre o respectado código aprendido nas escolas monacais e catedralicias e o falar espontáneo utilizado decote por todos para atender as necesidades comunicativas máis elementais. Concomitantemente, cómpre destacar a influencia doutros dous factores: a formación de grupos sociais que desenvolveron unha cultura allea á tradición latina e tamén, en parte, á Igrexa, como foi o caso de certos círculos nobiliarios galegos e portugueses que, amparados polos poderes reais, elaboraron ou patrocinaron a lírica galego-portuguesa; e a crecente importancia dunha burguesía baixomedieval que promovía a redacción en romance de variados documentos xurídico-administrativos. Así, sustentados por poderes fundamentalmente civís mais tamén en parte eclesiásticos, durante a Baixa Idade Media foron agromando algúns incipientes estándares románicos entre os que a partir da segunda metade do s XIII se colocou con certa solidez o galego. No territorio galaico, a consciencia de que existía un falar románico diferenciado do latín exprésase xa nun documento de 1136 contido no Liber Fidei bracarense (“Dedit illis unum coopertorium lecti quod romane alifaf dicitur”). Décadas despois, o galego aparece como unha das linguas poéticas da época no descort plurilingüe de Raimbaut de Vaqueiras (ca 1197-1201), e arredor destes mesmos anos parece poderse datar a máis antiga cantiga profana de que se ten noticia, “Ora faz ost’o senhor de Navarra” (ca 1196) (texto 4), do trobador Johan Soarez de Paiva. Ao redor de 1290, nas súas Regles de Trobar, o catalán Jofre de Foixà recoñecía o “gallego” como unha das catro linguas internacionais da lírica trobadoresca da época (provenzal, francés, siciliano e galego). O filólogo portugués Luis F. Lindley Cintra conxectura que nos inicios do s XIII, con Afonso IX como rei de Galicia e León, debeu de redactarse para a vila leonesa de Castelo Rodrigo un foro extenso romanceado do que probablemente derivaría a copia (anterior a 1296) elaborada nunha variedade lingüística híbrida fundamentalmente galego-leonesa. Segundo Ana Maria Martins, os primeiros textos romances non literarios escritos no Reino de Portugal son unha Noticia de fiadores (1175), de Paio Soares Romeu, e outros dous documentos que, escritos sobre o mesmo pergamiño en que se redactou esa Noticia, conteñen anotacións que se presumen feitas no mesmo 1175 ou incluso antes. Entre os textos portugueses arcaicos débense salientar ademais a bracarense Noticia de Torto (ca 1214) e mais o Testamento de Afonso II (1214). Mais esta práctica non comezou a xeneralizarse ata a segunda metade do s XIII: no Reino de Portugal, auspiciada polos reis Afonso III e don Denís, e no Reino de Galicia coñécense algúns textos non literarios escritos en romance pouco antes de 1250. En 1260, o Rei Afonso X decretou o emprego do vulgar nas escrituras públicas. Por outra parte, segundo Ramón Mariño, pode conxecturarse que entre os primeiros textos redactados con escritura románica galega puido haber tamén sermóns, ao estilo do que aconteceu en Francia ou Catalunya (Homílies d’Organyá, s XI-XII). En Galicia, onde as formas culturais francesas tiveron acceso fluído durante os tempos de Diego Xelmírez (s XII), puideron darse naquela época condicións para que no ámbito da prédica relixiosa fosen xermolando tentativas de escritura relativamente próximas á lingua oral espontánea. Por todo dedúcese que no Reino de Galicia foi común unha situación de endodiglosia funcional estendida tamén por moitos outros espacios europeos occidentais: a que impoñía o uso dunha variedade alta para o desempeño de determinadas funcións formais (composicións litúrxicas, documentos notariais) e unha variedade baixa, o falar románico de cada zona, axeitado para a comunicación oral espontánea; nesta situación, ninguén aprendería a falar na variedade alta, que sería patrimonio dunha elite que o adquiriría mediante o estudo e que non o empregaría na práctica lingüística espontánea ou informal. Neste período histórico os documentos notariais convértense en fundamentais fontes para o estudo do romance na época anterior á da súa plena manifestación literaria, pois o seu latín transparenta a miúdo formas ou estruturas lingüísticas románicas que poden aflorar cando menos por algún dos seguintes tres motivos: porque a competencia gramatical dos seus autores non era tanta que abondase para as peneirar convenientemente, porque a necesidade de precisión propia deles esixía o rexistro exacto de nomes de lugar ou de persoa ou de certos substantivos que na súa forma latina poderían mover a confusión (leira ou larea no canto de glarea) ou porque, aínda que escritos en latín, estes diplomas tiñan que ser comprensibles para persoas que só coñecían o romance, feito que explica que as formas románicas ou arromanzadas sexan especialmente frecuentes nas partes dispositivas. Polo tanto, nestes documentos encóntranse os primeiros ensaios do que haberían de ser as futuras escritas románicas; a eles e aos primeiros textos enteiramente románicos de finais do XII ou do s XIII hai que recorrer para rexistrar as primeiras documentacións das innovacións lingüísticas propias do galego arcaico.
O esgazamento político do NO ibérico e as súas consecuencias lingüísticas
No NO ibérico viñérase constituíndo desde varios séculos antes da era cristiá unha singularidade cultural que se traduciu en formas históricas como a civilización castrexa, a provincia romana da Gallaecia e o reino suevo. O latín falado neste territorio foi adoptando tamén unhas formas peculiares que durante a Alta Idade Media o diferenciaron das modalidades mozárabes de máis ao S e das modalidades asturleonesas de máis ao L. O esgazamento político do NO ibérico (ss XI-XII) acabou por impedir que as variedades lingüísticas románicas faladas a unha e outra beira do río Miño, tan próximas entre si, puidesen experimentar unha evolución converxente. Á morte de Afonso III (910), a fronteira occidental da Reconquista estaba consolidada na liña do río Douro. Durante o s X, e os seguintes, pesou moito sobre o S galego a influencia da nobreza laica e eclesiástica do N; ademais, o avance por esta banda de terra a custa dos musulmáns tiña como consecuencia a propia extensión do romance galego, que así entraba en contacto e relación de dominio co árabe e co mozárabe e daba lugar a mesturas de dialectos que, quitando o árabe, serían mutuamente comprensibles para os seus falantes e que, por tanto, tenderían a converxer mediante procesos de nivelación e simplificación. No reinado de García I (1065-1071), Galicia constituía unha unidade político-cultural que se estendía desde o Cantábrico ata máis alá do río Mondego. A súa fractura debeuse inicialmente a Afonso VI, quen, logo de destronar a García, dividiu o reino (1093) cando deixou as terras ao N do Miño para a súa filla Urraca e entregou o condado de Portugal, ao S do Miño, á súa filla Tareixa. Xa no s XII a nobreza portuguesa, ante a ameaza asimilacionista das nobrezas galega e castelán-leonesa, e singularmente polo expansionismo do arcebispo compostelán Diego Xelmírez, uniuse ao redor da figura de Afonso Henriques para declarar a independencia do Reino de Portugal. A investidura real portuguesa foi recoñecida en 1143 por Afonso VII de Castela e León e en 1144 pola Santa Sé. O centro neurálxico do novo reino, situado nun principio ao redor de Braga, non tardou en irse movendo cara ao S: Lisboa converteuse en capital definitiva en 1255. Esta nova situación política provocou a longo prazo que o N de Portugal se fose desgaleguizando conforme foi recibindo e aceptando a norma lingüística portuguesa de feitura lisboeta e o idioma galego, pola súa parte, viviu unha deriva propia, allea aos influxos estandarizantes de Lisboa e exposta á castelanización. Polo tanto, a propia historia impediu a evolución converxente das falas neolatinas do NO ibérico, que, aínda que inicialmente conformaban unha unidade, contiñan unha certa variación interna. Esta variación xa se percibe nos textos da segunda metade do s XIII, cando nestas terras se comeza a escribir regularmente en romance. Entre os textos producidos ao N e ao S do Miño existen xa certas diferencias lingüísticas, consolidadas nos ss XIV e XV, que nuns casos serán simplemente a manifestación de diferencias dialectais de base e noutras ocasións deberán interpretarse como o resultado do feito de os escribas se inseriren en distintas tradicións escriturarias. Algunhas destas diferencias son, por exemplo, as diferentes solucións que seguiron as vocais nasais nas falas galegas e portuguesas. O galego foi alleo ás igualacións en [-ãw] que se deron no portugués común para substantivos, verbos e outras clases de palabras e que semellan xa asentadas ao se iniciar o s XVI (mão, cão, leão, servidão; cantaram > cantarão, hoxe escrito cantaram; cantarom > cantarão, hoxe escrito tamén cantaram; tão, não, então). Os textos galegos dos ss XIV e XV evidencian que ao N do río Miño persistiron distinguidos os resultados das terminacións latinas -ĀNU (MĀNU > mão), -ĀNE (CĀNE > can) e -ŌNE (LEŌNE > león), e tamén as outras formas antes aludidas (servidume, dan, son). Por outra parte, nos textos galegos rexístranse incluso desde o s XIII solucións gráficas tras das cales deben de estar xa os resultados que para diversas terminacións nominais se impuxeron no período posmedieval: formas con desnasalización vocálica (irmao, irmaa, caes), formas con desenvolvemento de consoante nasal implosiva (a irmáán, beens), formas con asimilación vocálica, crase do hiato resultante e desenvolvemento de consoante nasal implosiva (condiçons) e formas en que se produciron a asimilación e mais a crase pero con posterior desnasalización (Ramiráás, capoos). Nas falas galegas e nas portuguesas setentrionais, como ocorreu en xeral en toda a metade N da Península Ibérica, nunca debeu de chegar a haber un fonema labiodental sonoro /v/ procedente do /w/ latino ou do /b/ latino en posición débil, aínda que si puido habelo como consecuencia da sonorización do /f/ latino en posición intervocálica (DĒFĒNSA > deuesa, PRŌFĒCTU > pro-ueito). Mesmo a oposición entre bilabiais sonoras oclusiva e fricativa (/b/ e /β/) que debeu de haber nun principio no NO semella en proceso de disolución no s XIII, pois xa entón se documentan formas gráficas que contraviñan as normas que se seguían na época (debes ou estaba no canto de deues e estaua). Esta desfonoloxización faise cada vez máis visible na documentación galega dos ss XIV e XV. Canto ao subsistema conformado polas consoantes fricativas e africadas, cómpre dicir que os procesos galegos de desonorización e desafricación teñen raíces medievais e seguramente estaban culminados en amplas zonas do territorio antes do s XVI. Así o demostran xa fontes do s XIII: misa por missa, rrefaçer por rrefazer, sexa por seja, Garsia por Garcia ou Garçia, etc. No ámbito da morfoloxía e a sintaxe, citar unha innovación que tamén se coñeceu en Portugal pero que só en Galicia chegou a cristalizar: o estudo das fontes galegas dos ss XIII, XIV e XV apunta a que o clítico de P2|||| sing ||||te (ou a variante ti) conservaba practicamente intacto o seu valor como marca de CD pero ía cedendo terreo no espazo do CI ante a competencia exercida pola forma innovadora che (ou a variante chi). Na Crónica Troiana (s XIV) alternan pasaxes en que te mantén por completo as súas antigas funcións con outras en que se advirte a irrupción de che (texto 5). No galego común posmedieval o clítico che consagrouse como o propio do dativo e te, do acusativo, incluído o reflexivo (entrégoche a carta/entrégote/entrégaste). Na morfoloxía verbal hai peculiaridades galegas que xa se rexistran na documentación medieval: creación dunha desinencia -n para a P1 do pretérito de indicativo dos verbos irregulares e dos regulares da CII e da CIII (recebin, scriujn), irrupción e expansión da desinencia palatalizada -schi/-sche para a P2 do pretérito de indicativo (amaschi, faleçische), preferencia pola desinencia -o na P3 dos pretéritos perfectos fortes (disso, fezo), paso para a CIII de verbos que historicamente foran da CII (reçibir, escriuir), etc. Canto ao léxico, destacar a existencia dun grupo de voces exclusivas ou case exclusivas dos textos galegos medievais, entre as que figuran os nomes pagáns dos días da semana (lũes, martes, mércoles, joues, uernes), arrequeixado ‘apremado, posto nun apuro’, lee(s) ‘lei(s)’ e notario. O máis habitual é que haxa palabras (ou variantes fonéticas delas) máis comúns nos textos galegos ca nos portugueses (ou ao contrario), sen que isto signifique que as galegas non poidan aparecer nos documentos portugueses ou viceversa. Por outra parte, os préstamos léxicos tomados do castelán son máis abundantes nas obras e documentos galegos ca nos portugueses, pero non todos estes castelanismos estaban efectivamente integrados na fala galega da época: uns só serían traducións desafortunadas de orixinais casteláns (ayer, lexoos, moro), outros formarían parte unicamente do acervo léxico da elite dos letrados (mayordomo, renta, testigo), talvez con algunhas sinaladas excepcións, como poderían ser algunhas voces do léxico relixioso (Dios, limosna). Estas e outras peculiaridades do galego de entre os ss XIII e XVI, non puideron evolucionar en sentido converxente coas do portugués por causa da independencia de Portugal. Aínda que as diferencias entre as dúas variedades lingüísticas eran ben perceptibles desde bastante antes, a máis antiga conceptualización desta distinción recóllese no relato dos actos que se celebraron (1572) con motivo do traslado a Monterrei dos restos mortais do conde Alonso de Acevedo e Zúñiga; segundo conta o cronista, fixéronse composicións “en lenguas latina, griega, hebrea, española, italiana, gallega y portuguesa”.
Emerxencia e declive do romance galego (ss XIII-XVI)
A asunción de novas funcións que para o romance galego supuxo o seu acceso á escrita (s XIII) marca un antes e un despois na liña do seu devir histórico. Esta ampliación funcional estaba asociada a un proceso de toma de consciencia lingüística que impulsaba cara a unha redefinición da situación anteriormente imperante. Dado que todo parece indicar que ao finalizar o s XII o latín e o romance xa se concibían en Galicia como dúas linguas distintas, pódese afirmar que daquela existía unha situación de diglosia clásica: o latín, idioma A, xa non sería nin lingua inicial nin lingua habitual de ninguén, pero acapararía o conxunto das funcións de prestixio; e o galego, idioma B sería lingua inicial e lingua habitual de case todos na comunicación oral espontánea. Polo contrario, cara ao final do douscentos, o romance galego xa comezaba a disputarlle ao latín o exercicio das funcións nobres, aínda que a falta de autonomía de Galicia respecto de Castela comezase a traducirse en síntomas que ameazaban a emerxencia do galego na época tardomedieval. Así, no s XIV consolidouse e xeneralizouse o uso administrativo do galego, pero tamén, co esmorecemento da lírica profana e relixiosa anterior, comezou un período de declive literario que durante algo menos de cincocentos anos o confinou practicamente á literatura popular de transmisión oral. Por outra parte, durante a segunda metade do s XV o seu uso non literario foise retirando cara ao ámbito da documentación notarial particular, da que tamén acabou por desaparecer (s XVI). Pódese dicir, daquela, que o galego padeceu polo menos desde o XV un bloqueo exercido polo idioma castelán que se consumou ao principiar a Idade Moderna. As causas desta frustración están na propia historia da Galicia baixomedieval. Despois da invasión árabe (s VIII) a nobreza galega mantivo durante moito tempo importantes cotas de independencia fronte á monarquía asturiana ou asturleonesa, e que mesmo se produciron varias tentativas de converter Galicia en reino independente: no s X foron monarcas galegos Ordoño II e seu fillo Sancho Ordóñez, e no XI Galicia volveu constituír unha efectiva unidade política co Rei García I (1063-1071). Ademais, no s XI a nobreza galega conformaba aínda un grupo sólido e pouco disposto á facil submisión fronte aos monarcas castelán-leoneses (sublevación contra Fernando I, as revoltas contra Afonso VI dirixidas por Rodrigo Ovéquiz e o bispo Diego Páez). O proceso político que levou á independencia de Portugal (s XII), ademais de provocar a disgregación do bloque político-cultural do occidente da Península Ibérica, significou un achegamento de Galicia cara á órbita política de León e Castela: Afonso Reimúndez, pretendente a ser rei dunha Galicia independente, acabou por reinar en Castela e León (1126). Despois dos reinados de Fernando II (1157-1188) e Afonso IX (1188-1230), monarcas de Galicia e León, o territorio galego foi perdendo capacidade de autoxestión e pasou a ser un dominio periférico da monarquía castelán-leonesa. No plano político e social durante o s XII a aristocracia galega de primeira liña tivo un gran protagonismo na vida dos distintos reinos hispánicos e a burguesía urbana empezou a fortalecerse, pero a situación virou a partir do momento en que Fernando III reunificou baixo o seu mando as coroas de Galicia, León e Castela. Este monarca, rei de Galicia (1230-1252), acostumou a enviar forasteiros para gobernaren nestas terras e acabou por colocar nobres non galegos nos postos cruciais da administración civil e eclesiástica. Isto tivo importantes consecuencias sociolingüísticas, pois as cortes destes nobres foráneos irradiaban o prestixio do castelán sobre a nobreza galega baixomedieval. Ademais, tamén, Afonso X (1252-1284) foi dando a cobertura ideolóxica necesaria para as empresas unificadoras que habían de desenvolverse dentro da península, con Castela como núcleo aglutinador e reitor dos diversos territorios. A presión castelanizante sobre Galicia acentuouse durante o s XV. A crise dinástica (s XIV-XV) da Coroa de Castela significou a derrota dos nobres galegos máis sobranceiros e intensificouse a práctica de enviar a Galicia unha aristocracia forasteira para ocupar os postos básicos da administración civil e eclesiástica, producíndose así un relevo na cúpula rectora da sociedade galega que había de ter importantes consecuencias sociolingüísticas. Esta “ocupación nobiliar” fixo que os nobres fóraneos crearan ao seu redor pequenas cortes que se ían converter en focos de castelanización en territorio galego e galegofalante: a práctica unilingüe en castelán destas persoas iría inculcando a mentalidade diglósica na aristocracia galega que se relacionaba con elas. O relevo aristocrático foi así acompañado dun relevo idiomático na cúpula da sociedade, e xa desde o s XV o galego foille cedendo ao castelán as funcións de prestixio que el mesmo lle fora arrebatando ao latín desde o s XIII: a lingua A sería a lingua inicial e habitual dunha minoría privilexiada inicialmente allea ao país. Esta castelanización das clases dirixentes de Galicia debeu de comezar a converter a etnicidade galega en marcador social negativo antes incluso do s XVI. Nesas condicións, a lingua galega comezaría xa a sentirse como signo externo de inferioridade social, ao tempo que a castelá iría empezando a considerarse como marcador social positivo. A nobreza galega baixomedieval, eclesiástica e laica, non acometeu realmente a tarefa de construír unha estrutura política que dese sentido e contido real á expresión “Reino de Galicia”. Mentres que, polo menos, desde o s XIII comezaban a sentarse os alicerces do futuro estado-nación español, a construción nacional de Galicia non chegaba a madurar na Idade Media, de modo que na segunda metade do s XV se daban condicións idóneas para unha definitiva integración asimiladora na Coroa de Castela. A frustración do galego como lingua normalizada antes de se iniciar o s XVI foi unha consecuencia de todo isto.
A dialectalización da lingua galega (ss XVI-XVIII)
O galego (ss XVI-XIX) chegou a ser considerado como unha simple variedade xeográfica, rústica e vulgar do castelán. Por esta razón, o Padre Sarmiento (s XVIII) defendía e escribía que o galego non era “dialecto de la lengua castellana, ni antigua ni moderna”. Finalizado o s XV, o Reino de Galicia estaba plenamente integrado na monarquía dos Reis Católicos. Ata 1833 foi nominalmente un “reino” adscrito á Coroa de Castela, administrado por un vicerrei que, na maioría dos casos, non era galego (nin tampouco o eran a maioría dos oidores da Real Audiencia). Esta estrutura gobernativa á penas se mudou ata 1833, momento en que se reformou en profundidade o Estado español (marcáronse os límites orientais de Galicia). De par disto, sinalar tamén que durante estes séculos permaneceu como dato obxectivo a galeguidade cultural e lingüística das terras do N de Portugal e de boa parte do O das actuais provincias de Asturias, León e Zamora. Durante todo este tempo a sociedade galega permaneceu fundamentalmente como agraria e rural e nela madureceu unha cultura tradicional de raíces multiseculares e reacia ás mudanzas. A asistencia ás escasas escolas existentes era baixísima e o analfabetismo estaba tan estendido que a capacidade para ler e escribir supoñía unha marca de status social superior. Por outra parte, foi o momento de pulo agrario e demográfico, pero a partir da segunda metade do s XVIII foise entrando nun período recesivo que, antes de se iniciar o XIX, conduciu cerca de 350.000 galegos á emigración. O castelán seguiu a penetrar en Galicia da man das elites civís ou eclesiásticas, e os acontecementos históricos convertérono no único código lingüístico capaz de transmitir mensaxes oficiais e produtos literarios serios dentro da Coroa de Castela (“lengua compañera del imperio”, Nebrija, 1492). O galego, ao igual ca outras variedades románicas (asturiano, leonés), irase depreciando e chegará a ser, en pouco tempo, un marcador social negativo. A alta nobreza galega irase facendo absentista e cortesá desde a segunda metade do s XV, e alá na corte o paso das xeracións irá condenando o galego. Así e todo, o paso ao monolingüismo en castelán debeu de demorar bastante mesmo entre estas persoas, que probablemente conservaron durante certo tempo o galego como lingua axeitada para a comunicación íntima e espontánea, aínda que non para a vida oficial e, salvo moi contadas excepcións, para a cultural (consérvanse algunhas cartas privadas, escritas en lingua galega, que lle foron enviadas ao conde de Gondomar, XVI-XVII). Desde os principios da Idade Moderna o castelán consagrouse como lingua propia da Igrexa en Galicia, dirixida por arcebispos, bispos e superiores de conventos na súa gran maioría foráneos. Así, amodo de exemplo, en 1528 o bispo de Ourense introduciu o castelán como lingua das oracións dentro da súa diocese, e o Concilio de Trento (1563) ordenou que o vulgar escollido pola Igrexa para Galicia fose o castelán. Por outra parte, a aprendizaxe e o uso habitual do castelán por parte dos sacerdotes galegos debeu de ir cobrando importancia na medida en que as autoridades eclesiásticas foron convertendo en necesidade prioritaria a sacralización, individualización e diferenciación da figura do sacerdote no seo das comunidades campesiñas; este distanciamento sacralizador seguramente foi encontrando no distanciamento lingüístico un aliado eficaz. Pódese afirmar que durante a Idade Moderna e a Idade Contemporánea a Igrexa funcionou como un dos principais axentes castelanizadores. Ausente a alta nobreza cortesá, en Galicia cobrou importancia a fidalguía, que sustentou o seu progreso sobre todo na cobranza de rendas agrarias. Para ela o proceso de adquisición e uso do castelán tivo que ser máis lento ca para os grandes aristócratas, xa que a súa vida se desenvolvía maiormente dentro das fronteiras de Galicia e en contacto frecuente coa poboación labrega. Pola súa parte, os labregos, mariñeiros, artesáns e a xente humilde en xeral non tiña nin motivacións nin medios para aprender e usar habitualmente o castelán. No s XVIII instaurouse en España a monarquía borbónica, e con ela acentuouse a política unitarista que xa practicaran antes os Austrias (co decreto de 1566 prohibiron o uso da lingua árabe no Reino de Granada). O Real Decreto de Aranjuez (1768) dispoñía que a lingua castelá era a única do ensino e que se debía estender a toda a “nación”. Pero, cómpre insistir en que o analfabetismo xeneralizado e a dispersión rural da poboación galega obstacularizaron a penetración e extensión masiva do castelán: ao redor de 1750 só o 5% da poboación galega vivía en vilas ou cidades de máis de 300 h e que, segundo o dicionario de Madoz, en 1845 só o 3,34% da poboación estaba escolarizada. Ao rematar o s XVIII dábase en Galicia un bilingüismo social con lingua dominante minoritaria (galego=lingua B/castelán=lingua A; galego=lingua rural/castelán=lingua das elites urbanas; galego=lingua do atraso/castelán=lingua do progreso). O pulo ascendente do castelán para o desempeño das funcións altas semellaba, a principios do s XIX, vitorioso fronte ao latín pola supremacía na vida escolar, universitaria e cultural; o galego, nesta situación, non se convertería en lingua escrita. O galego foi nesta época o vehículo transmisor dunha rica literatura de tradición oral, pero foron poucas as pezas escritas que nel se compuxeron e menos aínda as que se imprimiron: as primeiras publicacións en galego son dous sonetos (texto 6) aparecidos en 1612 no marco dun volume maioritariamente escrito en castelán (Relacion de las exequias que hiço la Real Audiencia del Reino de Galiçia a la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria, Nuestra Señora). As composicións para as que se utilizou o galego foron sobre todo poéticas e de carácter festivo ou popular. Sobresaen pola súa extensión e pola súa riqueza lexical as 1.201 coplas (1746-1747) que escribiu o Padre Sarmiento (texto 7-8). Outro xénero que convén recordar é o das falsificacións históricas, sobre todo no s XVII: as realizadas en Galicia, por estaren supostamente escritas nalgún momento da Idade Media, redactábanse en galego porque as elites cultivadas sabían que o galego fora lingua escrita asiduamente no pasado. A falsificación histórica galega máis célebre foi a Historia de don Servando (1625-1635). Tanto as coplas de Sarmiento coma a Historia de don Servando, os máis extensos textos en galego da época que se conservan, estaban destinados á transmisión manuscrita debido a que o castelán, lingua falada por unha minoría foránea ou descendente de foráneos, ou ben polo selecto grupo de galegos de alta condición inclinados a asimilarse lingüisticamente, era o idioma da vida oficial e disputáballe cada vez máis seriamente ao latín importantes parcelas da vida relixiosa, educativa e cultural. O galego, falado en réxime monolingüe pola inmensa maioría dos galegos, carecía de todo o creto para a expresión oficial, relixiosa e cultural, pero subsistía amparado por unha estrutura socioeconómica que impedía o avance masivo do castelán. A ideoloxía lingüística dominante na Coroa de Castela e na monarquía española do Antigo Réxime non soamente avogaba por que o Reino de Aragón (onde se falaban o aragonés e mais o catalán) lle cedese a primacía lingüística ao de Castela, senón que tamén quería que dentro deste se impuxese definitivamente como único “lenguaje esmerado” o da corte e se relegase os restantes -por seren “groseros”, “ásperos”, “rudos” e “gruessos”- ao abandono, como foi o caso do galego. Deste tempo debe de datar o estereotipo dos galegos como individuos groseiros, pobres, falsos e porcos, segundo as fontes escritas castelás e portuguesas. Contra este tópico menosprezo alzouse unha tradición de obras históricas en que se facía apoloxía do Reino de Galicia pero non da lingua galega. Entre as poucas defensas da lingua galega, a máis lúcida e completa foi a do Padre Sarmiento (1695-1772). Sarmiento demandou ensino en galego e do galego para os rapaces galegos e galegofalantes e tamén a esixencia do coñecemento e o uso do galego a todos aqueles individuos que tivesen que desenvolver as súas actividades profesionais en Galicia e entre xente galegófona. No discorrer deste período consumáronse no galego unha serie de cambios lingüísticos con raíces na Idade Media que, sen desvinculalo abertamente do portugués, acabaron conferíndolle unha personalidade propia. O sistema vocálico máis estendido xa no s XVI distinguía sete fonemas en posición tónica con catro graos de altura diferenciados. Os textos da Idade Moderna ofrecen xa solucións do galego moderno (cadea, coello, gando, tendes, buxáns, mao/man, la/lan, bens/bes, abellóns/abellós/abellois). Do s XVIII datan as primeiras noticias da existencia dunha consoante nasal velar (non /’noŋ/, unha /’uŋa/). Algo anteriores son os máis antigos indicios da gheada e da deslateralización da consoante /ʎ/, dúas mudanzas que seguen o seu curso, recesivo no caso da primeira delas e próximo á consumación no segundo. Canto ás sibilantes, os procesos medievais de desafricación e desonorización foron dando paso a un subsistema de transición ʃ/s/s˙ en posición explosiva que puido conducir a ʃ/θ/s˙ ou, trala neutralización da oposición s/s˙, a ʃ/s ou a ʃ/s; por outra parte, habería con certeza falas que experimentaran a desafricación pero non a desonorización (Z/ʃ, z/s, ż/s˙), como se mantén na Limia Baixa ourensá e en Hermisende (Zamora). Na Idade Moderna probablemente existise unha tendencia progresiva ao avance do subsistema ʃ/θ/s˙ en dirección L-O. Mantívose a concorrencia entre as variantes patrimoniais, xa improdutivas de certos sufixos, e as correspondentes variantes cultas que desde a Idade Media viñeran tomando o relevo para o acrecentamento vocabular interno e que agora encontraban no castelán un aliado. Nas fontes da Idade Moderna adoitan alternar ambos os resultados e nas obras literarias o habitual é que todos os autores empreguen os dous tipos sen excluíren completamente ningún e con distintas proporcións de uso entre uns e outros: nun romance de 1697 aciòs aparece xunto a admirazon, comparazon ou maldiçon e naçon; no Coloquio de 24 gallegos rústicos documéntase, xunto a procesion, procision e religions, acramazon, benzón, conguergazon, intenzon, orazon e pubricazon; cara ao final do s XVIII o Padre Sobreira rexistrou nas súas Papeletas de un dicionario gallego a tríade vezo/vizo/vicio, con diferenciación semántica. Datan desta época os primeiros testemuños inequívocos dos pronomes persoais masculinos il(es) e dos demostrativos tamén masculinos iste(s), ise(s) e aquil(es) (da área lucu-auriense). Por outra parte, debéronse de tornar formas de uso corrente os demostrativos estoutro/esoutro/aqueloutro. Tamén son deste tempo os primeiros testemuños do uso do alomorfo no(s)/na(s) tras formas verbais rematadas en ditongo: botouno (Historia de Don Servando) e arrolouno no romance galego (1697) de Joseph Gil Taboada. Así mesmo, foi notable a renovación que se produciu no ámbito dos adverbios, as preposicións, as conxuncións e as súas correspondentes locucións, coa emerxencia de formas novas (paseniño, engorde, cara a, canda, emporiso). Na morfoloxía verbal estendéronse as solucións con perda da consoante intervocálica /d/ no sufixo de número e persoa da P5 (botais, ollais, catay; bastás, dirés, empregá). Os perfectos sistematizaron a desinencia -n para a P1 dos irregulares e dos regulares das CII e CIII (reçevim, presumín, dijem) e a palatalizada -che para a P2 (barballoache, perdiche, podeche), e -ches (cun -s analóxico das outras P2 verbais), innovación xeneralizada durante os ss XIX e XX (barballoaches, perdiches). Os pretéritos fortes sigmáticos impuxeron o radical con consoante palatal /ʃ/ no tema de perfecto (puxen, puxeche, puxera, puxese): estas propagacións analóxicas, iniciadas na Idade Media, impuxéronse maioritariamente na Idade Moderna e consolidaron as solidariedades paradigmáticas que cohesionan os tempos do tema de perfecto dos verbos dicir, facer, poñer, querer, traer e os seus derivados. Finalmente, na xeneralidade das falas galegas perdéronse os tempos compostos con aver, ser e tẽer da época medieval. Na Idade Media o uso de complementos directos construídos con preposición a amósase como infrecuente e falto de estabilización. Entre os ss XVI e XVIII o seu emprego debeu de ir progresando, mais só chegou a gramaticalizarse cando esa función sintáctica estaba desempeñada por un pronome persoal tónico (así o demostran textos de Proezas de Galicia, 1810, e A Gaita Gallega, 1853). Do s XVI ao XVIII a castelanización do galego sería aínda leve e superficial, máis leve e superficial na fala dos rústicos e iletrados e probablemente algo máis grosa na da xente vilega e urbana con algún verniz cultural. A influencia máis evidente foi a incorporación de determinados préstamos lexicais innecesarios que substituían antigas voces galegas. As interferencias lexicais máis antigas producíronse nos sectores do vocabulario directamente relacionados cos máis potentes axentes castelanizadores do momento: a Igrexa (Dios, apóstol, iglesia, obispo, limosna), a administración civil e o mundo escriturario e académico (escrivano, deuda) ou o mundo urbano (ciudá, calle). Tamén se foi erosionando a tradicional antroponimia galega, e así no glosario do Coloquio de 24 gallegos rústicos os rústicos levan nomes galegos (Bras, Mingo(s)) e os señores, casteláns (Blas, Domingo). Na esfera das formas de tratamento, a prevalencia do castelán nos niveis máis elevados da sociedade determinou a aparición e o triunfo de vostede (documentado en 1697) e vosté (utilizado en diálogos de 1836), e tamén de vusté e vustede (documentados nun texto de 1731). A paralización, ao final da Idade Media, do incipiente proceso de elaboración do galego trouxo como consecuencia unha patente redución do seu abano funcional, cunha aceptación xeneralizada de que era o castelán a lingua propia para o desempeño das funcións de prestixio. De aquí, e do contexto en xeral ágrafo do galego dese tempo, derivou a desorientación que sentiron os poucos que entre os ss XVI e XVIII escribiron algo nel. Nestas circunstancias reveláronse como criterios orientativos o apego á fala da comarca de onde eran naturais ou onde residían os distintos autores (aínda que non sen certo grao de mestura dialectal), a querenza polos rexistros populares (por outra parte esixidos polo tipo de temas e ambientes dos que entón tendía a escribirse en galego), a referencia do castelán (sobre todo para a ortografía) e, en casos contados, unha actitude purista que puido estearse nalgúns coñecementos do galego medieval ou do portugués para evitar aquilo que se percibía como castelanismo (deus no canto de dios, colúa no canto de coluna ou columna). Todas estas circunstancias impediron que o galego coñecera no s XVI, canda outros romances privilexiados (portugués, castelán, francés, toscano), a expansión do interese polo seu estudio. Antes do s XVIII só sobresae o pequeno glosario galego-castelán (1536) elaborado polo bacharel Olea. No século da Ilustración realizáronse os traballos lexicográficos de Sarmiento, Sobreira e Cornide, que no seu tempo quedaron inéditos.
A loita pola estandarización: reemerxencia e elaboración da lingua galega
A loita contemporánea pola consecución da estandarización do galego, aínda que conta con precursores como o Padre Sarmiento (s XVIII), arranca de feito no XIX, en sintonía coa emerxencia do movemento galeguista. Chegado o s XIX, o galego continuaba na deriva descendente en que estaba inmerso desde o XV. Falábao aínda en réxime monolingüe a inmensa maioría dos galegos, pero xa non a minoría que os gobernaba, que tiña no castelán a lingua culta, oficial e distinguida que era imprescindible coñecer e empregar se se quería progresar. As remotas posibilidades de promoción social dos humildes resultaban inconcibibles sen o abandono do seu galego inicial. O s XIX, e sobre todo o XX, alteraron esta situación: por unha parte, os revolucionarios cambios sociais e culturais experimentados pola Galicia contemporánea (en sintonía con todo o occidente europeo) propiciaron unha extensión masiva do coñecemento e o uso do castelán que anteriormente non fora posible e que agora resultaba ademais extraordinariamente favorecida polas disposicións emanadas do novo Estado español centralizado que se construíu a partir de 1833; por outra, a aparición e o desenvolvemento do galeguismo e do nacionalismo galego supuxo a elaboración dun discurso alternativo que demandaba a rehabilitación do galego como idioma apto para o desempeño de todo tipo de funcións comunicativas. O s XIX trouxo algunhas novidades que, ao produciren unha maior mobilidade social e xeográfica e abriren algunhas esperanzas de progreso para certas minorías, foron despexando novas vías para a asimilación lingüística de pequenos sectores privilexiados. No XIX xa se produciron algunhas mudanzas de importancia como a implantación do aparato administrativo propio do novo estado liberal centralizado, que liquidaba a estrutura organizativa do Antigo Réxime e situaba nas cidades principais as delegacións provinciais dun estado concibido á maneira napoleónica. Ao mesmo tempo, nos núcleos urbanos comezaba a adquirir certa relevancia unha burguesía non raras veces foránea. Deste xeito o castelán, durante séculos recluído nos círculos aristocráticos como marca estamental, irá pouco e pouco estendéndose no corpo social, primeiramente nas clases acomodadas. É evidente que a diferente historia e composición sociolaboral das cidades e vilas principais determinou que cada unha delas tivese na época contemporánea unha distinta potencia castelanizadora, mais pódese afirmar que esta potencia foi maior e actuou desde máis antigo nos núcleos urbanos do litoral atlántico (A Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra), onde tendeu a concentrarse o desenvolvemento industrial de Galicia. En troques, nas cidades do interior (Santiago, Lugo, Ourense), cunha maior vinculación co mundo rural, produciuse un proceso de substitución lingüística máis lento. Con todo, a grande transformación, e a conseguinte extensión masiva do coñecemento e o uso do castelán, é aínda moi recente, xa que o gran salto urbanizador de Galicia non se deu ata despois de 1960. Os cambios experimentados ata o 2000 mudaron Galicia: en 1900 traballaba na agricultura ou na pesca o 86% dos galegos, ao final do s XX só vivía do agro ao redor do 20% da poboación ocupada. Outros dous factores colaboraron tamén decisivamente neste proceso de asimilación lingüística. A emigración determinou unha viraxe castelanizadora na historia lingüística de moitas familias. Os emigrantes retornados, segundo o Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG, 1994-1996), aséntanse preferentemente nos núcleos urbanos e a maior parte deles usa só ou maioritariamente o castelán. Igualmente determinante resultou a reforma e extensión do ensino primario desde o s XIX, presidida en materia lingüística polos criterios uniformizadores herdados do XVIII. En Galicia, e en case toda España, prevaleceron ata pouco despois de 1975 as liñas de actuación encamiñadas a fomentar o uso da lingua castelá. Agora ben, hai que dicir que a escola, ao longo dos ss XIX e XX, funcionou sempre como axente difusor do discurso diglósico oficial, pero tardou bastante tempo máis en converterse en efectivo elemento castelanizador. Neste marco histórico, o proceso de adopción voluntaria do castelán por parte das camadas sociais máis próximas ao poder político e económico progresou lenta pero continuadamente ata as primeiras décadas do s XX. En troques, nin os estímulos para a castelanización de grandes masas nin as vías para que estas puidesen acceder a ela efectivamente estiveron operativos ata ben entrado o s XX, pois resultaban imposibles no contexto de atraso socioeconómico e escasa mobilidade social que seguía caracterizando a Galicia. Nestas condicións, Galicia chegaba a 1900 nunha situación que continuaba a ser de bilingüismo de lingua dominante minoritaria: o castelán, lingua inicial e habitual propia das elites, ocupaba o desempeño das funcións altas e era imprescindible para o ascenso social; o galego, lingua inicial e habitual da inmensa maioría allea ao poder, aínda estando nos albores dun proceso de rehabilitación literaria e elaboración técnica, seguía a ser un marcador social negativo. O discurso alternativo do galeguismo e o nacionalismo, socialmente difundido no s XX, alterou seriamente esta repartición de prestixio e de funcións. Despois dos acenos pregaleguistas que se foron sucedendo durante as catro primeiras décadas do oitocentos, o conxunto de iniciativas e actividades do Rexurdimento rendeu grandes froitos no cultivo poético (Rosalía, Curros, Pondal) e algo menos rotundos na produción gramatical e lexicográfica (coa publicación das primeiras gramáticas e os primeiros dicionarios bilingües galego-casteláns) e nas publicacións periódicas (coa aparición dalgunhas escritas integramente en galego coma O Tío Marcos d’a Portela, O Galiciano e A Monteira). Tampouco o labor desenvolvido polos axentes impulsores do Rexurdimento abondou para que o galego, ao inicio do s XX, gozase xa de rango académico e institucional, como pon de manifesto o acto de inauguración da Real Academia Galega (30.9.1906), en que o galego quedou recluído na recitación de poemas e o castelán acaparou o campo da disertación. Durante o primeiro terzo do s XX o galego avanzou cara á súa rehabilitación político-social e á súa elaboración formal. O nacionalismo, a través de organizacións como as Irmandades da Fala (1916), o Partido Galeguista (1931), ou a través das actividades desenvolvidas pola Xeración Nós ou polo Seminario de Estudos Galegos (1923), configurou unha nova situación que fixo posible que o pobo galego plebiscitara afirmativamente un Estatuto de Autonomía (28.6.1936) en que se recoñecía o galego como lingua oficial de Galicia ao lado do castelán, ao tempo que se lle abrían perspectivas para a súa introdución na vida administrativa e nos diferentes niveis do ensino. Ademais, especialmente a partir de 1936, o idioma galego viñérase consolidando como medio apto para cultivar todo tipo de xéneros literarios e tamén para ser utilizado na oratoria académica e na política. Por outra parte, o monolingüismo en galego aínda estaba daquela socialmente moi difundido. A rebelión militar (1936) e a ditadura posterior tronzaron este pulo ascendente. A ditadura franquista (1936-1975) desterrou o galego (e o catalán e o vasco) da administración pública, da educación, dos novos medios de comunicación audiovisual que entón aparecían, da prensa escrita e do exército e da Igrexa. O nacionalismo e o galeguismo, tras unha fase de clandestinidade ou mera resistencia, comezaron a actuar desde Galicia cunha incidencia crecente desde aproximadamente 1950: primeiro a través da Editorial Galaxia (1950), creada como transmutación do Partido Galeguista para dar paso a unha acción de carácter cultural; máis tarde por medio de organizacións clandestinas como o Partido Socialista Galego (1963) e a Unión do Pobo Galego (1964), que converteron a reivindicación e o uso militante do galego nun principio irrenunciable ao que tamén se foron achegando asociacións e partidos políticos opostos á ditadura pero alleos ao nacionalismo galego desde os días das folgas obreiras de Vigo e Ferrol (1972). Desde o exterior, a xente da emigración e o exilio creou tamén plataformas que forneceron medios para que o galego reemprendese o camiño da rehabilitación, o cultivo e a elaboración formal. A Constitución Española (1978), o Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) e a Lei de Normalización Lingüística (1983) configuraron o marco legal do galego. A pesar de que estes tres textos deseñan unha situación de igualdade só aparente entre os dous idiomas oficiais en Galicia, o certo é que o idioma propio de Galicia, desde aproximadamente 1980, deu importantes pasos adiante en campos como os das administracións públicas, os diferentes niveis de ensino, o mundo político e institucional e os medios de comunicación audiovisual (Radio Galega e Televisión de Galicia, 1985). Mais, por outra parte, a secular dinámica da substitución lingüística, impulsada especialmente desde mediados do s XX, acabou deteriorando severamente as redes de transmisión interxeracional do idioma galego, de tal maneira que, segundo o MSG, entre a xeración nacida en 1877 e a de 1974 o monolingüismo en galego descendeu 70,8 puntos, ao tempo que as condutas bilingües aumentaron ata 51,1 puntos. No limiar do s XXI, este conxunto de transformacións sitúanos nun contexto conflitivo en que a repartición de funcións e de prestixio lingüístico imperante en Galicia resulta seriamente cuestionada: por unha parte, o galego dispútalle ao castelán o desempeño de funcións que anteriormente lle eran negadas e consecuentemente parece situarse no camiño de gañar prestixio e de librarse de prexuízos; mais, por outra, acontece que o castelán penetrou nos ámbitos que eran de uso do galego (a vida rural, a vida familiar das clases medias, as relacións veciñais e amicais, etc). Sucede ademais que, se a extensión do galego a novos ámbitos de uso non deixa de suscitar resistencias ou oposicións en determinados sectores reacios ao cambio, a súa perda de vitalidade no discurso oral espontáneo das clases medias e baixas contrapésase coa aparición de persoas e asociacións empeñadas na súa utilización militante e ideoloxizada. Semella, pois, que as dúas linguas faladas en Galicia compiten tanto polo tipo de funcións que deben desempeñar coma pola adquisición de novos falantes e o mantemento dos que cada unha delas xa ten. Mais, a pesar de que vai desaparecendo o prexuízo sociolóxico do galego, nos espacios urbanos, maioritarios e profundamente castelanizados, a lingua de interacción por defecto, a non marcada, é o castelán. En tales espacios optar polo galego é optar pola lingua marcada e en non poucas ocasións entraña un acto de militancia. A elaboración dun estándar que permitise o uso do galego para unha diversidade de funcións formais e o desprendemento dos prexuízos que pesaban sobre el son dúas cuestións imprescindibles para a estandarización. Do proceso de elaboración do estándar galego na Idade Contemporánea pódese dicir, que, aínda que se foron publicando gramáticas, dicionarios e mesmo propostas normativas, nunca se contou cunha autoridade individual ou colexiada que co seu prestixio lograse impoñer unha norma. Durante todo este tempo os escritores mantiveron en xeral un comportamento libre de ataduras normativas, resolvendo os problemas que se lles presentaban case sempre con criterios propios e en ausencia de modelos nítidos e indiscutibles; amais disto, foi habitual entre eles o polimorfismo, a variación interna, a falta de coherencia no relativo ás solucións gráficas e morfolóxicas adoptadas. Así e todo, algunhas constantes si se poden sinalar neste proceso: a tendencia a remontar o dialectalismo para incorporar elementos de extracción dialectal diversa e para chegar a un modelo supradialectal; a procura da pureza lingüística, perseguida a través do arcaísmo (vegada por vez), do lusismo (camponés por labrego ou campesino) ou mesmo do hiperenxebrismo (montana por montaña); ou o seguimento do modelo castelán (coma na obra de Rosalía de Castro, onde parece buscarse un galego natural, directo, pouco intervido ou regaleguizado). A dirección planificada do proceso a través de institucións coma a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) circunscríbese ao derradeiro cuartel do s XX e ten que ver coa constitución de Galicia como comunidade autónoma de España e coa declaración do galego como lingua cooficial. Outra cuestión diferente, aínda que tamén encadeada ao proceso de elaboración do estándar, é a do progreso do uso do galego para a composición de todo tipo de textos literarios e non literarios. Durante a segunda parte do s XIX, o cultivo da prosa non ficional foise abrindo paso a través do artigo xornalístico máis ou menos elaborado, complementado xa nos inicios do s XX co uso oral académico ou mitinesco do idioma e mais co nacemento do ensaio galego: entre 1916 e 1936 asistiuse á confirmación da prosa galega ficional e non ficional, á superación do ruralismo e do folclorismo poéticos, á consolidación da nosa lingua na oratoria política e académica e a unha certa normalización das publicacións periódicas en galego. O galego recupera o que xa tivera na Época Nós e avanza nos terreos das administracións públicas, dos medios de comunicación audiovisuais e dos textos educativos, pero os seus progresos son aínda moi tímidos na prosa científica e, en xeral, na produción de textos orixinais sobre todo tipo de materias. Unha dimensión importante da estandarización contemporánea da lingua galega é a constituída polo pulo que experimentaron os estudios precientíficos e científicos sobre ela; durante o Rexurdimento materializáronse as primeiras publicacións da lingüística galega, entre as que cómpre salientar os dicionarios galego-casteláns de F. X. Rodríguez (1863) e de M. Valladares (1884) e a Gramática gallega (1868) de X. A. Saco Arce. Durante aproximadamente un século os progresos acadados neste campo foron chegando fundamentalmente da man de especialistas estranxeiros con formación lingüística universitaria ou de galeguistas e nacionalistas galegos. Esta situación comezou a mudar entre 1960 e 1970, cando en Galicia se implantaron a docencia e a investigación universitarias en materia de lingua galega. A investigación sobre o galego realízase fundamentalmente nos departamentos correspondentes das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, así como no ILG (1971), no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1994) e nalgúns outros centros universitarios situados en diversas partes do mundo. As mudanzas experimentadas polas estruturas lingüísticas galegas nos últimos douscentos anos viñeron determinadas pola desruralización, pola castelanización e, ultimamente, polo notable grao de consolidación e socialización dun estándar. A intensa transformación experimentada polo vocabulario debe poñerse en relación co progreso castelanizador e co declinio contemporáneo das formas de vida tradicionais, que na súa desaparición arrastraron canda si importantes sectores lexicais que estaban intimamente ligados a elas. Con todo, a potente expansión contemporánea do castelán estendeu os seus efectos ata o conxunto das estruturas lingüísticas galegas; por exemplo, no plano da sintaxe, continuou a estenderse (ss XIX-XX) o uso da preposición a na construción do CD. Esta mudanza foise producindo en parte debido a factores que operaron desde dentro do propio galego, pero tamén obedeceu ao influxo do castelán. Desde finais da década de 1970 viñeron actuando sobre o galego importantes factores anteriormente inoperantes ou pouco relevantes: a súa declaración de cooficialidade derivou na súa introdución no ensino, na vida política e parlamentaria, na administración ou nos medios de comunicación audiovisual, ao tempo que en 1982 se instauraba un modelo normativo que, aínda que contestado desde certas asociacións ou colectivos, debeu de ir exercendo algunha influencia sobre o galego espontaneamente falado polo común da poboación. Pódese dicir, por exemplo, que no marco dun vocabulario galego profundamente estragado pola penetración do castelanismo lexical en todas as xeracións, van aparecendo tendencias que na fala dos grupos de idade máis novos semellan conducir á recuperación de palabras ameazadas pola interferencia pero salvagardadas e postas de novo en circulación a través do ensino e dos modernos medios de comunicación de masas (avó, castelán, concello, coñecer, galego). Observacións semellantes pódense facer para outros planos do sistema lingüístico en que se percibe tamén que certos procesos da lingua estándar empezan a estenderse e a entrar en variación contextual coas formas populares (plurais tipo animais, que comezan a penetrar no repertorio dos falantes con máis alto nivel de estudios e máis características urbanas). Afirmacións idénticas cabe facer a propósito da variación entre formas coma mentalidade ou universidade e mentalidá ou universidá, ou ben entre plurais coma mans ou xamóns e mas ou xamós en falantes que inicialmente teñen como propios os segundos, ou entre demostrativos neutros coma isto e esto por parte de individuos que en principio teñen esto como a variante propia do seu dialecto.
Sistema lingüístico
Fonoloxía e fonética
Fonemas
Segundo a vibración ou non das cordas vocais, os fonemas do galego clasifícanse en sonoros (b, m, d, g, n, ŋ, m, ɾ, r, , ʎ e mais todas as vocais) e xordos (p, t, k, f, θ, s, ʃ, tÙʃ). Segundo o punto de articulación, en labiais (b, p, m), labiodentais (f), dentais (d, t), interdentais (θ), velares (g, k, ŋ), palatais (ʃ, , ʎ, tÙʃ) e alveolares (s, n). E, atendendo ao modo de articulación, divídense en vocais e consoantes. Á súa vez, as consoantes divídense en nasais (m, n, ŋ, ), oclusivas (b, d, g, p, k, t), fricativas (f, s, θ, ʃ), africadas (tʃ) e líquidas (ɾ, r, l, ʎ). Os fonemas vocálicos diferéncianse entre si polo punto de articulación -vocais anteriores ou palatais (i, e, ε), centrais (a) e posteriores ou velares (u, o, ɔ)-, e polo grao de abertura -vocais abertas (a), medias abertas (ε, ɔ), medias pechadas (e, o) e pechadas (i, u). En posición tónica existen sete vocais (‘bala/‘bεla/‘bela/‘bila/‘bɔla/‘bola/ ‘bula), igual ca en posición pretónica (a‘taɾ/ εmi‘tiɾ/es‘taɾ/i‘ʎaɾ/ɔ‘ɾaɾ/o‘paɾ/u‘saɾ) (cadro 1) ; en posición átona postónica só se detectan cinco vocais pois desaparecen as da serie media aberta. Nas palabras patrimoniais, en posición átona final, só aparecen tres vocais (a, e, o). O /i/ e mais o /u/ documéntanse en cultismos e en estranxeirismo (virus, mapamundi, zombi). Cando as vocais pechadas forman sílaba ou ditongo con outra vogal adquiren características semellantes ás das consoantes; de aí que neses contextos sexan consideradas semivocais: xeito [‘ʃejto], sapiencia [sa‘pjεŋθja], vou [‘bow], guapo [‘gwapo]. As consoantes son: p, t, k, f, θ, s, ʃ, ʧ, b, m, d, g, n, ŋ, m, ɾ, r, , ʎ (cadro 2). Os fonemas oclusivos sonoros /b/, /d/, /g/ teñen alófonos aproximantes [β<], [ð<], [ɰ] en posición intervocálica e tras consoante que non sexa nasal nin líquida alveolar ([esβ gheada). O fonema nasal velar sonoro /ŋ/ aparece en posición explosiva non absoluta ([aŋ‘εlo] e en posición final absoluta [noŋ]. No interior da palabra tamén se manifesta cando a consoante seguinte é velar [‘kaŋkɾo], alveolar [‘aŋsja] ou nasal bilabial [iŋma‘ð seseo). O fonema fricativo alveolar xordo /s/ presenta, en posición implosiva, un alófono sonorizado [z] ante consoante sonora ([‘dizmo]). No cadrante sudoriental existe ↪ rotacismo ([‘θiɾma], [eɾfo‘ʎaɾ]). O fonema líquido lateral alveolar sonoro /l/ pode aparecer en posición explosiva (la) e en posición implosiva (tal). Ten a posibilidade de combinarse coas oclusivas, agás con -d-, e coa labiodental para formar sílabas (omóplata, ablativo, atlas, globo, claro, flor). O fonema líquido vibrante simple alveolar sonoro /ɾ/ aparece en posición intervocálica e implosiva (caro, mar). Pode tamén combinarse coas oclusivas e coa fricativa labiodental para formar sílabas (obrar, prato, tras, adrenalina, agravio, crema, fraco).
Sílabas
As estruturas silábicas das palabras patrimoniais do galego presentan a seguinte composición: vocal (e, a, o); vocal + vocal (eu, ei, ai); vocal + vogal + consoante (eis, ais); vocal + vogal + vogal (iou, iai, uou, uau); vocal + vogal + vogal + consoante (uaus); vocal + consoante (el, uz, ir); vocal + consoante + consoante (Ons); consoante + vogal (fe, la, bo); consoante + vogal + vogal (meu, dou, deu); consoante + vogal + vogal + consoante (meus, dous); consoante + vogal + vogal + vocal (miau, piou, Bueu); consoante + vogal + vogal + vogal + consoante (miaus); consoante + vogal + consoante (pon, mal, mel, tul); consoante + vogal + consoante + consoante (mans, cons, pans); consoante + consoante + vocal (gra, cre); consoante + consoante + vogal + consoante (crer, prol, tres); consoante + consoante + vogal +vocal (frei, grei, grou); consoante + consoante + vogal + vogal + consoante (freis, grous); consoante + consoante + vogal + consoante + consoante (trens, grans). Esta estrututra presenta as seguintes restricións: a) na sílaba formada por dúas vocais unha delas ten que ser necesariamente i ou u; na de tres vocais, a primeira e a última teñen que ser necesariamente un i ou un u. b) En posición final de sílaba, nas palabras patrimoniais, só aparecen as consoantes /l/, /ŋ/, /ɾ/, /s/ e /θ/. De existiren dúas consoantes en posición final, a derradeira é necesariamente un /s/. c) En posición inicial de sílaba aparece calquera consoante agás //, /ʎ/, /ŋ/, /ɾ/, que poden ser explosivas en interior de palabra, pero nunca se atopan en posición inicial na primeira sílaba da palabra. Cando se dá a combinación de dúas consoantes en posición inicial de sílaba, a primeira delas ten que ser unha oclusiva ou a fricativa labiodental e a segunda, a líquida lateral alveolar ou a líquida vibrante simple: bl, br, cl, tl, tr, etc. Nos cultimos e nos estranxeirismos practicamente non existen restricións na formación das sílabas pois en posición inicial ou final pode aparecer calquera consoante ou grupo de consoantes: ñu, pneumático, psicoloxía, gnose, mnemotécnico; coñac, boabab, talmud, leifmotiv, sóviet, álbum; biceps, relax; observar, subxectivo, sinécdoque, adlateral, digno, hipnose, eclipse, etc.
Palabras
Substantivo
Sintacticamente caracterízase por ser núcleo da frase nominal, morfoloxicamente, por admitir os morfemas de xénero e número; e semanticamente porque denota entidades, concretas ou abstractas. Todos os substantivos teñen unha marca xenérica, pero non todos presentan posibilidade de alternancia xenérica (mesa vs nena). Así os substantivos clasifícanse en invariables e variables. Os invariables non presentan oposición xenérica e adoitan denotar seres non sexuados, aínda que neste grupo tamén están incluídos algúns que denotan seres sexuados (congro, anguía, nécora). Os variables permiten a súa inclusión en calquera dos dous grupos xenéricos delimitados. A variabilidade xenérica márcase por heteronimia (cabalo/égoa, carneiro/ovella); por medio dun determinante (o/a atleta, o/a cónxuxe); ou por un morfema para o masculino e outro para o feminino (neno/nena, poeta/poetisa). Atendendo ao seu comportamento verbo do morfema de número, tamén se clasifican en variables e invariables. Os variables presentan variación numérica (árbore/árbores, pedra/pedras) e os invariables non. Dentro destes distínguense os que só aparecen en singular (concordia, xeo), e os que só aparecen en plural (tebras, témporas). Os substantivos continuos (abstractos e concretos non contables) só se empregan en singular. Algún destes substantivos admite, con todo, o plural, pero nunca no seu significado primario. Así, por exemplo, viño e maldade admiten o plural, pero só para se referiren a ‘botellas’ ou ‘vasos’ ou a ‘actuación mala’, respectivamente. Só é posible o seu uso en plural cando se produciu neles unha transformación que permite consideralos elementos individualizables. A partir de aquí, o emprego do plural pode responder a unha especialización do significado da palabra, como acontece, por exemplo, con augas (‘baños’). O uso dun substantivo en singular ou en plural responde a distintas necesidades comunicativas. Así e todo, existe un grupo de substantivos usados primitivamente en plural que formaron sobre este un singular: das primitivas tesoiras, medias, pantalóns pasouse a tesoira, media, pantalón. O emprego dunha ou doutra forma non implica a referencia a realidades distintas: merquei un pantalón/merquei uns pantalóns.
Adxectivo
Caracterízase semanticamente por expresar calidades e funcionalmente por ser núcleo da frase adxectiva e por admitir a modificación adverbial. Morfoloxicamente, defínese por admitir morfemas de xénero e número, aínda que condicionado gramaticalmente polo substantivo ao que se refire. En relación co xénero, distínguense os variables que presentan no masculino as terminacións -o -n, -r, -z e -l; e os invariables, que non admiten o morfema de xénero feminino. Neste grupo inclúense os rematados en -e (alegre, grande, ceibe) e algúns dos rematados en consoante (feliz, mol). Os adxectivos invariables non admiten variación morfemática, pero si a variación xenérica (o papanatas/a papanatas). Admiten a variación numérica, agás uns poucos rematados en -s que presentan sincretismo formal (o/os mexiricas). O adxectivo debe presentar o mesmo número e o mesmo xénero ca o substantivo ao que cualifica (o atleta rápido/as atletas rápidas). Con todo, cando o adxectivo se refire a máis dun substantivo prodúcense alteracións á regra xeral. Polo que atinxe ao xénero o adxectivo irá en feminino se os dous son femininos e en masculino se cada un é de seu xénero ou se son os dous masculinos (lingua e literatura romanesas, un mozo e unha moza moi simpáticos). No tocante ao número o adxectivo pode concordar coa suma dos dous (un recital e mais un concerto reivindicativos). Outra posibilidade, aínda que pode provocar ambigüidade, é a da concordancia co máis próximo en xénero e número (lingua e cultura catalana, un país e unha rexión pobre). No caso de que o adxectivo vaia anteposto, un procedemento posible é o da concordancia co máis próximo (déronnos un bo almorzo e cea), aínda que a solución máis común é a repetición do adxectivo con cada un dos substantivos (un bo almorzo e unha boa cea). Os adxectivos poden ir pospostos ou antepostos ao núcleo da frase nominal ao que se refiran. A anteposición provoca a aparición da énfase e de valoracións subxectivas (un mundo novo/un novo mundo). Relacionados coa súa posición na frase están os casos de apócope que sempre aparecen no singular. Este fenómeno lingüístico afecta a tres adxectivos: malo, que no masculino singular anteposto presenta a forma mal (mal home); santo, que no masculino singular e anteposto a palabras que comezan por consoante, presenta a forma san (san Tomé); grande, que, cando vai anteposto a substantivos singulares, masculinos ou femininos, que comezan por consoante, se apocopa en gran (gran festa). Hai, con todo, outros dous casos de apócope, que se especializaron sintacticamente: moito e tanto (moito diñeiro, tanto viño) son determinantes do substantivo; moi e tan, modificadores adverbiais do adxectivo (moi grande, non é tan parvo).
Determinantes
Dentro deste grupo pódese facer unha primeira distinción entre os ↪ presentadores e os ↪ pospresentadores. Os presentadores máis comúns son o artigo indeterminado, os indefinidos e tamén a ausencia de determinante. Os pospresentadores son o artigo determinado e os demostrativos. Nos dous grupos sinalados pode facerse unha división entre formas non marcadas, que non engaden máis significado ca o propio da determinación (entre os presentadores, un e a ausencia de marca, e entre os pospresentadores, o artigo) e as formas marcadas, que proporcionan outros significados: os indefinidos, entre os presentadores, e os demostrativos, entre os pospresentadores.
Artigo indeterminado
Morfoloxicamente presenta alternancia de xénero e de número -un(s), unha(s)- e funcionalmente realiza a presentación dun nome no discurso (chegamos a unha casa na que nos ofreceron pousada. A casa era de pedra...). Ademais adquire un valor clasificador, cando inclúe un obxecto dentro da clase á que pertence ao mesmo tempo que lle concede as características propias que ten esa clase (non era un reloxo, que era unha pulseira). Outro valor é o xeneralizador, que adquire cando determina obxectos que son presentados como exemplo dunha clase (un ser humano non debe maltratar os animais). Os nomes que presentan o trazo +continuo (fariña, viño) son introducidos no discurso sen iren acompañados de ningún determinante (mercou fariña, bebeu viño), que si aparece cando son citados por segunda vez (bebeu viño na cea; era o viño que sobrara da mañá). De todos os xeitos, o uso do indeterminado é posible cando se quere enfatizar o significado do concepto: pasei un medo (vs pasei medo); vai un frío (vs vai frío). Os nomes que van en plural tamén escusan presentador (mercamos libros), pero, así e todo, é posible a súa presenza sen que se produza ningunha variación no significado (merquei libros/merquei uns libros).
Indefinidos
Verbo do tipo de determinación que realizan estes presentadores, pódese diferenciar entre os numerais cardinais, que segmentan e individualizan un conxunto; os cuantificadores (algún, pouco, moito, demasiado, varios, tantos, cantos, abondos, bastante), que segmentan un ou varios elementos sen delimitalos ben e sen individualizalos; os particularizadores, que segmentan elementos ben definidos pero non os individualizan (certo, cada, calquera, ningún, algún). Todo e outro, pola contra, individualizan e segmentan, aquel porque se refire á totalidade, estoutro porque se opón a un individuo xa segmentado e individualizado. Semanticamente poden ser clasificados en: negativos -negan a existencia de conceptos dunha determinada clase- (ningún, nada, ninguén); identificativos -suxiren unha identificación do obxecto nomeado que algúns non concretan e outros si -(certo, tal, mesmo, propio); alterativos -acompañan a presentación dun concepto que resulta da alteración da identidade ou da calidade doutro concepto da súa mesma clase que xa foi presentado con anterioridade- (outro); e os cuantificadores -indican a cantidade de obxectos que debe ser considerada- (numerais, varios, ambos, algún, etc). Morfoloxicamente, constátase a existencia de formas invariables (ninguén, nada, alguén, algo, cadaquén, quenquera, cada, demais, máis, menos, calquera) e formas variables. Dentro destas hai as que admiten variación de xénero e número (ningún, certo, propio, mesmo, outro, algún, todo, moito, pouco, tanto, canto, determinado, abondo, demasiado), as que só admiten variación de xénero (ambos, entrambos, varios) e as que só presentan variación numérica (tal, bastante). En función das posibilidades de combinación destes determinantes cun nominal, existen tres grupos de indefinidos: os que sempre son núcleos (ninguén, alguén, cadaquén, nada, algo, quenquera); os que esixen un núcleo ao que modificar (tal, certo, cada) e os que poden ir acompañados dun núcleo ou non (ningún, propio, mesmo, outro, varios, calquera, demais, máis, menos, algún, todo, moito, pouco, tanto, canto, demasiado, abondo). Hai indefinidos que non son presentadores propiamente ditos (ambos, propio e entrambos), senón que son pospresentadores (chegaron dous homes e ambos os homes levaban un pantalón vermello) ou acompañan a primeira mención do obxecto no discurso, sempre que este xa estea perfectamente segmentado e individualizado (a María quedoulle un sinal do accidente en ambas as pernas). Algún, ningún, todo, tanto, canto, bastante, máis, menos, calquera, certo, cada, demasiado son presentadores que só aparecen para acompañar a primeira mención dun obxecto; outro, pouco, moito, tal, varios poden aparecer tamén na segunda mención para insistir na segmentación feita polo determinante.
Numerais
Os numerais cardinais son determinantes presentadores (chegaron dúas finalistas), que tamén funcionan na pospresentación (o veredicto escoitárono as dúas finalistas collidas da man). Con respecto á morfoloxía o seu comportamento non é homoxéneo. Os máis deles son invariables (tres vacas, tres bois). Os que teñen variación son un/unha e dous/dúas, que manteñen esa variación en todos os seus compostos (un rei, unha raíña; dous coellos, dúas lebres; vinte e un reis, vinte e unha raíñas). Tamén son variables, mesmo nos compostos, as centenas superiores ao cen (cincocentos homes e cinconcentas catro mulleres mobilizaron dúascentas segadoras e setecentos tractores). Os numerais ordinais permiten coñecer o número de orde no que algo está colocado: primeiro, segundo, terceiro, cuarto, décimo segundo/ duodécimo, vixésimo, vixésimo primeiro, cuadraxésimo, centésimo, milésimo, millonésimo, etc; último, derradeiro. Todos teñen variación de xénero e número e deben ser considerados modificadores. Os numerais partitivos indican a parte dun todo considerado. O seu paradigma só ten formas propias para medio, metade, tercio. A partir de aquí empréganse as formas do ordinal, normalmente acompañadas do substantivo parte (quedou coa sesaxésima parte). Os numerais multiplicativos indican o número de veces que se contén algo. O seu paradigma ten como formas particulares dobre/duplo, triple, cuádruplo, quíntuplo, séxtuplo, décuplo. Para o resto de múltiplicativos hai que botar man da expresión perifrástica formada por un cardinal acompañado do sintagma veces máis (ten trece veces máis plantas ca ti). Os numerais colectivos indican unha cifra sen nomeala directamente. O seu paradigma confórmano par/parella, decena, ducia, quincena, corentena, centena/cento, milleiro, etc. As formas par, ducia, cento, milleiro, á parte da indicación da cifra concreta, teñen un valor de aproximación á cantidade indicada (bebín un par de cervexas).
Artigo determinado
Presenta tres alomorfos, dous con representación gráfica, o(s), a(s), e -lo(s), -la(s) e un terceiro sen ela -no(s), -na(s). Son variantes combinatorias en distribución complementaria que aparecen en contextos distintos. A terceira forma aparece cando a palabra anterior é un verbo rematado en -n ou en, nin, sen, tamén. Na fala este -n convértese en alveolar. Coa preposición en está totalmente asimilada na fala e na escrita: no(s), na(s). A segunda forma do artigo (-lo, -la, -los, -las) aparece cando o artigo vai precedido dunha forma verbal rematada en -r ou -s, das preposicións por, tras e des; do adverbio u; despois dos cuantificadores todos, todas, ambos, ambas, entrambos, entrambas; tralos pronomes átonos nos, vos, lles e despois dos tónicos nós, vós, eles, elas, sempre que sexa un adxacente do pronome (nó-los dous, ele-los listos); e despois da conxunción (e) mais. Aparece tamén fosilizada na expresión alomenos. A primeira forma aparece no resto dos contextos. E desta existe unha variante especial, hoxe sen case vixencia na fala, pero usada na literatura, el, que aparece con rei e señor (el-rei, el-señor) para enfatizar o respecto. A función básica do artigo é ser determinante pospresentador (onte viñeron dous homes; os homes dixéronme...), pero tamén pode ser presentador (hoxe quenta moito o sol; vimos da cafetería; na guerra estiven en Teruel; vémonos na cafetería; leveille a rosca ao meu afillado; o Sol e mais a Lúa; fun á tenda que está detrás da túa casa; como di o refrán; na terra dos lobos...; unha culler co mango marelo; durmín nun cuarto que tiña o teito vermello).
Demostrativo
Caracterízase morfoloxicamente por presentar alternancia de xénero e número, por posuír un xénero neutro e por ter formas diferentes segundo a persoa do discurso á que faga referencia: este(s), esta(s), isto; ese(s), esa(s), iso; aquel(es), aquela(s), aquilo. É un pospresentador que localiza temporal ou espacialmente o obxecto presentado (veu unha muller con meu tío e aquela muller comezou a falar...), pero tamén pode actuar como presentador (ese home do que che falei; ese libro non me gusta). Cando funciona como pospresentador só admite a presenza do determinante todo antes ca el (*o este home, todos estes homes). Ademais pode ter función nuclear (este non é bonito) e posporse ao nome. Cando vai colocado despois do nome, este debe levar antes un determinante que delimite a súa extensión (o lugar este), que se pode obviar para remarcar o significado do sintagma (os folletos non estiveron no momento preciso, circunstancia esta pola que non se produciu a inauguración). Caracterízase semanticamente por situar o obxecto que determina en relación coas persoas do discurso: este indica proximidade á P1 (persoa), ese á P2 e aquel acompaña o obxecto que non está próximo nin á P1 nin á P2. Esta situación ideal rómpese porque ese pode ser empregado para localizar un obxecto imprecisamente (andou por esas terras de Castela). Precisamente desta imprecisión deriva o valor despectivo que adquire ao serlles aplicado aos nomes propios (ese Pedro é un lacazán). Este pode designar os obxectos que estean no campo da P1 e da P2 (este país non ten remedio). Nos textos escritos e nos orais do rexistro elevado o demostrativo dá referencias anafóricas na medida en que este se refire a termos próximos no discurso e aquel aos termos máis afastados. Na conversa estas formas poden referirse ao dito: este, ‘o que eu digo’, ese, ‘o que ti dis’. Cando teñen referencia anafórica poden servir como reforzo afirmativo ou da negación afirmativa (iso xa, iso si, iso é) ou aparecer en frases feitas (nin por esas, esa érache boa). Tamén poden estar referidos á localización dun obxecto no tempo, daquela este emprégase para indicar a simultaneidade co momento do acto de fala (este día non é bo), e ese e aquel para indicaren a anterioridade (ese día non foramos ao cine). De resultas da amálgama do demostrativo co cuantificador outro obtéñense as formas estoutro(s), estoutra(s), esoutro(s), esoutra(s), aqueloutro(s), aqueloutra(s) que se empregan cando existiu unha mostración anterior e agora se quere indicar outro elemento parello (non quero esas botas, prefiro estoutras).
Posesivo
Caracterízase semanticamente por facer referencia á persoa á que pertence ou que posúe un determinado obxecto. Presenta o seguinte paradigma: (meu(s), miña(s); teu(s), túa(s); seu(s), súa(s); noso(s), nosa(s); voso(s), vosa(s); seu(s), súa(s)). Teñen unha referencia dobre: refírense ao obxecto posuído, e con el concertan en xénero e número; e relaciónanse co posuidor, do que non se indica o xénero pero si o número, a través dunha modificación do radical. Fronte a outras linguas románicas, o galego presenta un paradigma único para determinantes e núcleos (a miña chaqueta; a miña). Na lingua moderna, ben que en total regresión, documéntase o emprego da forma mi cos nomes de parentesco padre ou madre, como mostra máxima de respecto aos proxenitores. Sintacticamente o posesivo forma parte dunha frase nominal que debe ir necesariamente precedida dun determinante. Só en seis casos é posible a ausencia de determinante: a) cando vai acompañado dun nome de parentesco, aínda que si é posible a súa presencia: meu pai/o meu pai. b) Cando o posesivo está dentro dun enunciado apelativo (A ver ti, miña nena!) a súa ausencia é preceptiva. c) Tamén é preceptiva cando o posesivo se atopa nun enunciado exclamativo: “Miña casiña, meu lar/cantas onciñas de ouro me vales!”. d) O mesmo acontece cando o posesivo vai despois de adverbios de lugar como diante, detrás, embaixo, enriba (enriba túa, diante súa). e) En enunciados distributivos o artigo pode aparecer ou non: cada neno colleu o seu libro/cada neno colleu seu libro. f) Nas cláusulas copulativas a frase na que se atopa o posesivo pode levar ou non o artigo cando o posesivo non vai acompañado dun nome (é meu, é o meu), cando o nome é un substantivo de parentesco ou indicativo dalgunha relación como amigo, compañeiro, veciño, etc: son meus compañeiros/son os meus compañeiros. Polo que respecta á súa posición na frase, o posesivo pode ir colocado antes ou despois do substantivo, aínda que o máis común é a anteposición. A posposición é normal cando nas cláusulas copulativas a frase non vai precedida do artigo (é amigo meu) e cando o determinante é distinto do artigo (un primo teu). O posesivo inmobilizado en masculino singular precedido da preposición de (de meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu) indica propiedade exclusiva e emprégase con substantivos que designan propiedades alienables: miña nai dos traballiños/para quen traballo eu/traballo, mato o meu corpo/e non teño nada de meu. Serve tamén para indicar que unha característica se posúe pola propia natureza (é listo de seu) e para sinalar que algo se move polos seus propios medios: o asunto vai de seu. O posesivo distributivo (cadanseu(s), cadansúa(s)) emprégase cando se lles quere adxudicar a varios posuidores, considerados individualmente, un determinado obxecto para cada un (deilles cadanseu bolígrafo) ou cando se quere distribuír un número igual de obxectos: regaláronme candanseus libros.
Pronomes
Pronome persoal
Caracterízase por realizar as mesmas funcións ca un substantivo. No plano léxico a súa principal referencia é a de persoa; no morfolóxico o pronome caracterízase porque, nos de terceira persoa, presenta flexión de xénero e número. Distínguense formas tónicas e formas átonas. As tónicas funcionan como suxeitos e termos de preposición e as átonas como complementos directos (CD) e complementos indirectos (CI). Dentro do paradigma dos pronomes persoais tónicos, hai que distinguir as formas rectas, que funcionan como núcleos, e as formas oblicuas, que funcionan como complemento dunha frase preposicional. As rectas son eu, ti, el/ela, nós-nosoutros(as), vós-vosoutros(as), eles/elas. Nas dúas primeiras persoas de plural as formas nós/vós, inclusivas porque fan referencia a un plural que inclúe os interlocutores e mais un grupo que non ten ningunha limitación; e nosoutros(as)/vosoutros(as), exclusivas, refírense a un grupo pechado e ben delimitado: nosoutras, as feministas, non podemos; pero nós, as mulleres, si. O tratamento cortés realízase co pronome vostede(s), que, significativamente, corresponde a unha segunda persoa, pero sintacticamente é unha terceira: vostede ten unha casa, deixoulle un libro para vostede. O pronome tónico recto funciona como núcleo dunha frase nominal que pode realizar as funcións de suxeito (eu non vou), atributo (eu son vós e fágoo) e de vocativo (ei, vós, calade!). Este pronome nunca pode ir acompañado por un determinante e só admite como modificadores os indefinidos mesmo e todo (eu mesmo recollín o encargo, todos nós marchamos), o adxectivo só, soa (foi ela soa); unha cláusula de relativo, un adxectivo ou un substantivo en aposición (nós, que viñamos tan confiados, marchamos sen nada; ela, triste polos acontecementos, deixounos falar). Admiten tamén a interpolación da cláusula é que, que funciona como intensificadora do conxunto do enunciado: nós é que non podemos ir. Os pronomes de plural poden tamén levar como adxunto un numeral: nós os tres imos á festa, vós os dous quedades. Os pronomes fan referencia aos distintos participantes nunha conversa: eu, nós refírense ao emisor; ti, vós, vostede, vostedes, ao receptor; e el, ela, eles, elas, a todo o que non é nin emisor nin receptor e mesmo pode non ser persoa: O xamón? -Onde el vai! O seu uso é de regra cando se pode producir confusión polo sincretismo de certas formas verbais: deixou a porta aberta para que puidese entrar eu. Tamén é frecuente a súa presenza cando leva algún tipo de modificación: ela soa non o dá feito. Nas restantes circunstancias, a súa presenza introduce algún matiz enfático ou focaliza o interese do discurso na persoa indicada: non podes facerme iso/ti non podes facerme iso. As significacións antes presentadas para cada un dos pronomes persoais pódense ver alteradas en casos determinados: ti, P2, emprégase para facer referencia á P1 cando se quere provocar un distanciamento da acción e concederlle un valor máis universal (ti protestas e protestas, pero eles non che fan caso ningún); nós, P1 de plural, úsase no canto da P1 de singular para evitar o protagonismo dun único individuo -plural de modestia- (nós pretendemos demostrar neste traballo...); no canto da P1 de singular serve para darlle máis respecto á persoa que fala -plural de maxestade- (nós, o Comendador...); el, ela úsase nas amoestacións, con valor de P2, para provocar un distanciamento (mira que non se volveu el fino nin nada...); nas copulativas aparece cun uso pleonástico, repetitivo, para facer referencia a un suxeito xa expresado (o porco non che é el moi grande); na forma masculina pode empregarse como reforzo interrogativo (el sabes que morreu Pedro?); como suxeito gramatical de verbos unipersoais ou impersoais (el xa hai moitos anos que pasou isto); e como reforzo da narración: el era unha muller que viña dunha feira... Cando o pronome aparece como complemento dunha frase preposicional ou como segundo termo dunha comparación presenta as formas oblicuas min, ti, el/ela, nós, vós, eles/elas. A preposición con amalgamouse historicamente co pronome e deu como resultado comigo, contigo, con el-con ela; connosco, convosco. Na P3, de se dar unha identificación entre o suxeito e a persoa expresada polo pronome, empregarase a forma si/consigo: trouxo o libro para si/trouxen o libro para el; falaba consigo/falaba con el. Aínda que a maior parte das preposicións e adverbios en función preposicional rexen formas oblicuas, hai algunhas que esixen a presenza dunha forma recta como excepto, salvo, menos, agás, non sendo, salvante, conforme, consonte, segundo, senón, mesmo, incluso, aínda. No conxunto dos pronomes átonos distínguese entre as formas de acusativo e formas de dativo. As de acusativo (me, te, o-lo-no, nos, vos, os-los-nos), realizan a función de CD (levoume ao teatro), a de atributo (ti es algo parva. Pois sereino, ho, sereino) e a de predicativo do suxeito (disque era a moza de Pedro, pero a min non me parecía). A estas funcións hai que engadirlle a de suxeito do infinitivo nas estruturas de verbo finito + infinitivo + pronome: fíxenos chorar; ben o vexo estar enriba da casa. A principal función que desenvolve o pronome dativo (me, che, lle, nos, vos, lles) dentro dunha oración é a de CI (deiche un regalo). Ademais tamén pode realizar a de suxeito de infinitivo na estrutura verbo finito + infinitivo + pronome, cando o verbo en forma finita é impersoal (cómpreche bulir moito) ou cando o infinitivo leva o CD expreso (ordenoulle recoller o cuarto todo). No galego moderno hai unha marcada tendencia ao uso do pronome dativo mesmo cando o CI vai nomeado por outros mecanismos (mercoulle un libro a María). O dativo de solidariedade pretende involucrar o interlocutor nos feitos que se narran e é compatible co CI, agás co de P2: leveille un xamón/levéichelle un xamón. Só presenta formas de P2, te, vos, ou de P3, que corresponden a unha P2 de cortesía, lle, lles. O dativo de interese emprégase para indicar a persoa que ten especial interese na acción que se indica: marchoume cun libro para a súa casa. É compatible co CD, agás co da mesma persoa, e mais co pronome de solidariedade: mercóuchemelle un libro á nena. O pronome átono non pode aparecer nunca en principio absoluto dunha oración: *me vou. Pode ir anteposto (próclise) ou posposto (énclise) ao verbo, segundo as características da forma verbal da que depende e da oración na que se insire. Cando a oración é independente e presenta unha forma verbal finita, o pronome vai posposto. Non obstante , esta regra xeral pode non cumprirse se se quere enfatizar algún elemento da oración. Nese caso debe aparecer algunha palabra antes do pronome: o demo te coma (cómate o demo); negra me puxen cando a oín (púxenme negra cando a oín). Fóra destes casos, o pronome vai anteposto (Quen cho dixo?; Quen che mo dera!; nunca me obedecerá; aquí cho deixo; acolá o está; seguramente mas dea; algo me di que non vai vir). Cando a oración é dependente con verbo finito, o pronome vai proclítico. Pero tamén, nalgúns casos, pode ir enclítico (díxome que, xusto despois de chegares ti, pedíranlle un libro; marchade vós que os cafés pagámolos nós; non vés, pois dígollo; berrámoslle e enfadouse). Se o pronome se insire nunha oración con verbo infinito e este depende dunha preposición, o pronome pode ir antes ou despois do verbo: sen lle dicirmos nada, sen dicírmoslle nada; se o verbo infinito depende dun verbo en forma finita pode ir colocado antes ou despois segundo as regras que rexan no seu caso: sóuboo facer (non o soubo facer)/soubo facelo. Se a forma verbal infinita forma parte dunha perífrase verbal hai dúas posibilidades de colocación: co verbo conxugado -antes ou despois segundo as condicións- (non cho hei dar/heicho dar) e posposto ao verbo en forma infinita (está facéndoo). Cando existe un nexo de unión entre o verbo conxugado e a forma finita, o pronome admite unha terceira posibilidade: hei de cho dar. Os reflexivos (me, te, se, nos, vos, se) identifican o suxeito e o obxecto da acción indicada polo verbo (Pedro ergueuse). Tamén poden indicar unha acción recíproca (Pedro e Manolo saudáronse). Estes pronomes aparecen obrigatoriamente cos verbos pronominais e tamén poden aparecer con calquera verbo transitivo, sempre que se dea esa identificación: alimentar un animal/alimentarse. Realizan a función de CD polo que non son posibles construcións reflexivas nas que a acción se exerza só sobre unha parte dese suxeito que se expresa como CD (vestinme/vestín unha saia/*vestinme unha saia) nin as construcións reflexivas con valor causativo: *fíxose un traxe (=fixo un traxe); *imaxínate un mundo feliz (=imaxina un mundo feliz). Tampouco admiten o pronome reflexivo os verbos intransitivos (agás ir): morrer, acougar, adormecer, caer, saír, subir, etc. Nalgúns casos a presenza deste pronome provoca un cambio na estrutura sintáctica ao esixir a presenza dunha preposición para acompañar o CD das oracións non reflexivas: aproveitou a ocasión; aproveitouse da ocasión. O pronome reflexivo de P3 pode exercer a función de marca de suxeito, normalmente axente, nas oracións impersoais (falouse de moitas cousas), polo que é incompatible cun sintagma que presente o axente: aquí vaise facer unha casa/*aquí vaise facer unha casa por unha construtora.
Pronome relativo
Caracterízase funcionalmente por: a) habilitar a oración na que se atopa para realizar unha función propia dunha categoría de rango inferior (o veciño de quen che falei (Modificador) tivo un accidente); b) substituír dentro dunha oración un elemento presente noutra (antecedente) (volveu á casa que abandonara); c) realizar dentro da súa oración unha función primaria (maldiciu o día que (Complemento Circunstancial, CC) te coñeceu). Os relativos que e quen son invariables en xénero e número. Canto admite as dúas flexións (cantos, canta, cantas), igual ca o cal (os cales, a cal, as cales). Quen e canto presentan restricións no seu uso, pois o seu antecedente deberá ser unha persoa e unha indicación de cantidade, respectivamente (a nena a quen llo regalei, todas as historias cantas che contou). Que e mais o cal, os cales, a cal, as cales poden ter calquera antecedente, pero o segundo, que se usa fundamentalmente cando depende de preposicións, está restrinxido ao estilo formal. Que debe ir precedido necesariamente do artigo cando non leva antecedente expreso ou este é todo o dito anteriormente (non é o que quero); aínda que cando o seu antecedente está expreso non é necesaria a presenza do artigo, este adoita aparecer (os xogos cos que enreda/os xogos con que enreda). Os pronomes interrogativos (que, quen, cal, canto) coinciden cos relativos na súa capacidade de realizar distintas funcións dentro da oración na que se insiren (quen (SUX) chegou?; onde (CC) está?), pero diferéncianse deles porque son tónicos e porque non se refiren a un antecedente, senón a un consecuente: onde está? Na casa. A nómina de pronomes exclamativos coincide coa dos interrogativos, pero diferéncianse no valor ponderativo e na ausencia de antecedente e de consecuente (Quen mo dera!, que día!).
Verbo
Caracterízase morfoloxicamente por posuír sufixos flexionais de número e persoa, e de tempo e modo; e sintacticamente por ser o núcleo da frase verbal, por admitir complementos e por concordar en número e persoa co suxeito da oración na que se insire. O máis característico da morfoloxía do verbo é a presenza de tres sufixos flexionais, a vogal temática (VT), o sufixo de modo e tempo (SMT) e o sufixo de número e persoa (SNP). A VT clasifica os verbos en tres clases mórficas ou conxugacións: a CI na que se inclúen os verbos con VT -a-; a CII con VT -e- e a CIII con VT -i-, con distintos alomorfos (cadro 3). O SNP, tamén con alomorfos (cadro 4), expresa a persoa gramatical que é suxeito da acción expresada polo verbo. Na oración debe concordar a persoa e o número do suxeito e a persoa e o número do verbo (o coche freou/María e Xoana brincaron). Na lingua falada, fundamentalmente cando o suxeito é un nome que designa un colectivo, é posible que exista discordancia entre o verbo (en pl) e o suxeito (formalmente un sing, pero significativamente un pl): unha banda de corvos cubrían os fíos da luz. O SMT, con distintos alomorfos (cadro 5), recolle a indicación do modo e do tempo. Existe o modo indicativo (non sei que fago) e o modo subxuntivo (non sei que faga). Os tempos do modo indicativo son o presente (IPte: a música amansa as feras; chego mañá ás seis), o copretérito (Copr: cando cheguei choraba pola nai; díxome que saía mañá para Cuba), o pretérito (IPr: apañou os grelos; tardan tanto que cando cheguen xa acabou a obra), o antepretérito (Antpr: antes de dicir iso falara da vida noutros planetas; quixera preguntarlle a súa opinión), o futuro (IF: cantará en Roma; terán 15 anos) e o pospretérito (Pospr: dixo que chegaría cedo; daquela andaría polos 40). No subxuntivo existen catro tempos, o presente (SxPte: posiblemente o faga), o imperativo (Imp: faino agora), o futuro de subxuntivo (como sementares e estercares, así collerás cando segares) e o pretérito de subxuntivo (SxPr: díxolle que andase). As formas infinitas do verbo, que non expresan nin tempo nin modo, son o infinitivo (fíxonos ler ese parágrafo), o xerundio (atopeina correndo pola rúa) e o participio (homes perdidos nas rúas). Unha das principais características do verbo galego é a existencia do infinitivo conxugado (de chegares tarde, avísame). En función das variacións que se dan na conxugación das formas verbais, hai que distinguir entre verbos regulares e verbos irregulares. Os verbos regulares son aqueles nos que se produce identidade entre o tema de presente e o tema de perfecto (canta-ba; canta-ches); e irregulares nos que non se produce esa identidade (cabe-s; coube-ses). Os verbos regulares manteñen unha raíz única ao longo de todo o paradigma, aínda que pode estar suxeita a determinadas variacións. Por exemplo, os verbos rematados en -aer, -aír, -oír e -oer aumentan a súa raíz na P1 do IPte e en todo o SxPte nunha semiconsoante con función antihiática (cai-o, ca-e-mos, cai-a-mos); ou o verbo valer, e o seu derivado equivaler, teñen un radical regular val- (val-es) e outro irregular vall- que aparece na P1 do IPte e no SxPte (non vallo para nada, vállame san Bieito). A vogal radical (VR) pode sufrir variacións ao longo da conxugación dos verbos regulares (alternancia vocálica). Cando a VR é un -a-, un -i-, un [ε] ou un [ɔ] non presentan alternancia: canto, varres, elixo, elixes, [‘kεθo], [‘kεθes], [a‘mɔlas], [a‘mɔles]. Se a VR é un [e] ou un [o] o comportamento varía segundo as conxugacións. Na CI mantense pechada en verbos como aconsellar, soar, achegar. Noutros como xogar, atopar, esperar preséntase aberta nas formas rizotónicas (P1, P2, P3 e P6 do IPte e do SxPte e na P2 do Imp) e pechada nas restantes ([es‘pεɾo] [espe‘ɾamos]). Na CII aparece a VR aberta na P2, P3 e P6 do IPte: c[o]mo, c[ɔ]mes, c[ɔ]me, c[ɔ]men, c[o]me, c[o]mamos; b[e]bo, b[ε]bes, b[ε]be, b[ε]ben, b[e]ba, b[e]bía. No resto dos tempos o -e- ou o -o- consérvanse pechados. Todos os verbos da CII con VR -[o]- e -[e]- teñen alternancia vocálica agás deber, crer, ler, sobreser (e os seus derivados) e os verbos rematados en -ecer. Na CIII os verbos que teñen VR -[o]- mantéñeno pechado sempre. Os que teñen VR -[e]- compórtanse de dous xeitos: a) presentan un -i- para as formas rizotónicas (pido, pides, pida) e un -[e]- para as arrizotónicas (pedides, pediría). Segundo este modelo conxúganse adherir, advertir, agredir, divertir, transgredir, conferir, diferir, inferir, preferir, proferir, referir, transferir, competir, repetir, concernir, discernir, espelir, espir, dixerir, inxerir, suxerir, inserir, medir, pedir (e der), reflectir, vestir, investir, revestir. b) Presentan unha VR -i- na P1 do IPte, no SxPte e na P2 do Imp, -[ε]- na P2, P3 e P6 do IPte e -[e]- nas restantes persoas e tempos: sirvo, s[ε]rves, s[ε]rve, s[e]rvimos, s[e]rvides, s[ε]rven; s[e]rvía, s[e]rviu, s[e]rvirei; sirva, sirvas, sirvamos, sirvan; sirve. Presentan esta alternancia: servir, ferir, malferir, desmentir, asentir, consentir, resentir, conseguir, perseguir, proseguir, seguir, sentir, mentir. Cando a VR é un -u- este mantense sen alteración na CI (amuar, suar, conxugar). Na CIII hai dous comportamentos diverxentes: a) aparece un -[ɔ]- nas P2, P3 e P6 do IPte e mantense o -u- no resto: durmo, d[ɔ]rmes, d[ɔ]rme, durmimos, durmides, d[ɔ]rmen; durmía, durmiches, durmira...;durme, durmide. Segundo este modelo conxúganse acudir, bulir, rebulir, cubrir, descubrir, encubrir, recubrir, cumprir ‘ser mester’, cuspir, durmir, engulir, fuxir, lucir, deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir, mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir, consumir, ensumir, tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir. b) Mantense o -u- sen ningunha variación. Así acontece con verbos que non aparecen no apartado a (curtir, reducir, asumir, diminuír, seducir, inducir, difundir, resumir...). Os verbos irregulares levan o acento sobre a VR na P1 e P3 do IPr (fixo). O terceiro elemento común á gran maioría dos verbos irregulares é que a súa VT é normalmente un -[ε]- en todas as súas formas, agás na P1 do IPr que, por ir en posición postónica, se realiza como pechada: fix-[ε]-ra, fix-[ε]-se-mos, fix-[e]-n. Malia estas características comúns, entre os verbos irregulares poden establecerse varias diferencias que permiten realizar os seguintes grupos: a) aqueles que presentan o mesmo radical nos dous temas, pero varían a súa VT (d-a-ba-s/d-[ε]-se-mos; v-[e]-ria-des/v-i-ra-des). b) No segundo grupo, no que se inclúen os verbos caber, dicir, estar, facer, haber, poder, poñer, pór, pracer, querer, saber, ter e traer, a variación afecta tanto ao radical coma á VT e presentan as seguintes características: 1) A VT é aberta en todas as persoas agás na P1 do IPr: fix-e-n, soub-e-n, fix-[ε]-ra, soub-[ε]-ches. 2) A VT presenta o alomorfo º na P3 do IPr: soub-o. c) Os verbos ser e ir distínguense do resto: 1) por non teren VT no tema de perfecto; 2) por usaren dous radicais, fu-, na P1 e P2 do IPr e fo-, nas outras formas e tempos; 3) e por presentaren o alomorfo -i para o SNP da P3 do IPr. d) O verbo vir caracterízase por non ter VT na P1 e na P3 do IPr e por posuír tres radicais: vi- (na P1 do IPr), v[ε]- (na P3 do IPr) e viñ- (no resto dos tempos e persoas). Ademais estes verbos tamén posúen irregularidades no tema de presente. As perífrases verbais, que presentan unidade funcional e significativa, clasifícanse, verbo do seu significado, en temporais, modais e aspectuais. As principais perífrases temporais son ir + inf e haber (+ de) + inf, que indican unha acción futura, estar a/para + inf, que expresa a inminencia da realización da acción. Haber (+ de) + inf, haber (+ que) + inf, ter que + inf, ter de + inf, deber (+ de) + inf, poder + inf son perífrases modais obrigativas as primeiras e de probabilidade as últimas. Aspectuais imperfectivas son as que teñen o xerundio como verbo auxiliado e como auxiliar estar, andar, levar, seguir, ir, vir. Tamén son imperfectivas estar a, andar a e ser acompañadas de infinitivo. Dar, levar, ter, haber, estar, ir seguidos de participio conforman perífrases aspectuais perfectivas, xunto con acabar de, rematar de, vir de, deixar de máis infinitivo. Volver e ter con participio teñen un valor aspectual reiterativo e o significado aspectual incoativo queda reservado para botar a, pór a, dar en, romper a, pegar a, comezar a, empezar a acompañadas de infinitivo.
Adverbio
Caracterízase morfoloxicamente por non posuír ningún tipo de flexión. Aínda que maioritariamente son monomorfemáticos, algúns poden admitir sufixos derivativos: tardeiro, cedísimo, pretiño. Funcionalmente defínese por ser núcleo da frase adverbial (chegou moi tarde), posición dende a que pode desenvolver a función de modificador do núcleo doutra frase, fundamentalmente dun adxectivo (víanse ben contentas), doutro adverbio (ponas máis lonxe), ou dunha preposición (non o vin por ningures). Dentro da oración, o adverbio realiza a función de CC (deixárono atrás, axiña cho devolvo). Poden tamén funcionar como modificadores oracionais (nada se puido facer, malfadadamente) e coma conectores supraoracionais (será ben, daquela, marchar). Semanticamente expresan circunstancias (onte choveu pero mañá non; aquí mo dixo e alí o deixou; falou ben mais actuou mal; tardou moito en entrar e nada en saír; ultimamente non viñan tanto; ata o deixei aberto). Agrúpanse, seguindo criterios semánticos, en adverbios de modo, de tempo, de dúbida, etc. As locucións adverbiais realizan a mesma función dos adverbios e tamén expresan unha circunstancia (chegou á deshora, viuna de fronte, falou a modo, de primeiras non soubo que dicir). Aínda que gozan dunha considerable liberdade posicional dentro do enunciado, nalgúns contextos prodúcense certas restricións (ben grande, moi axiña, *grande ben, *axiña moi). O adverbio de negación non sempre debe preceder ao verbo (non quere) e só admite a interpolación do pronome átono entre eles (dixo que non mo dá). Sequera, xamais, nunca e ningures poden ir inmediatamente antes do verbo (sequera o probei) ou despois da forma verbal, esixindo nese caso a presenza previa de non (non o probei, sequera). Tampouco pode ir, aínda que non obrigatoriamente, acompañado de non (eles tampouco non pensaron en levalas/eles tampouco pensaron en levalas). Os presentativos (velaquí, velaí, eis) esixen o primeiro lugar da oración (velaí o tes), igual ca os inclusivos (mesmo, incluso, ata), pero estes admiten outras posicións (ata lle chorou para convencela; foi falar co presidente incluso). Os adverbios e locucións empregados para expresaren a dúbida adoitan ir ao comezo da oración ou inmediatamente antes do verbo (os do Couto seica mercan a roupa nas rebaixas/seica os de Couto mercan a roupa nas rebaixas). Cos adverbios de dúbida que rexen subxuntivo non é posible a posposición (*a miña filla pida un préstamo quizais). Cando o adverbio realiza a función de CC as súas posibilidades combinatorias son maiores: a oradora marcaba as palabras ben/a oradora marcaba ben as palabras/a oradora ben marcaba as palabras. A posición non marcada do adverbio é, dentro da FV, a posterior aos argumentos. Unha aproximación ao lugar do verbo demostra unha intencionalidade focalizadora, que se acentúa cando o adverbio se disloca ao lugar da FN ou SUX: as miñas curmás estaban hoxe aquí; aquí estaban hoxe as miñas curmás. Relacionada coa posición do adverbio na oración está a distinta influencia que exerce sobre a posición dos clíticos. Aqueles que se sitúan sempre ou principalmente en posición inicial de oración ou antes do verbo esixen a próclise do pronome (velaquí o tes, case che cae, disque llo dixo). Ese mesmo comportamento inducen aínda, axiña, sempre, só, tamén, algures, cedo, tarde, ben, mal, mellor, peor cando se sitúan ao comezo da oración (berroulle só/só lle berrou). Pola contra, outros adverbios de lugar, tempo e modo (onte recollino e hoxe fíxeno; embaixo atábanos e enriba curábanos) manteñen o pronome enclítico. Algúns esixen unha ou outra posición do pronome en razón do seu significado: logo cho fago ‘axiña’/logo fágocho ‘despois’; agora cho ensino ‘axiña’/agora ensínocho ‘neste momento’; sequera cho pagara ‘se polo menos’/sequera pagoucho ‘polo menos’; mentres eu envolvíallo ‘entre tanto’/mentres eu llo envolvía ‘cando’; así mo pagas ‘desa maneira dita ou vista’/así págasmo ‘como consecuencia do dito ou feito’. Os adverbios combínanse con preposicións orixinando locucións preposicionais (está lonxe da casa) e teñen a potestade de trasporen oracións á función de CC (chegou mentres eu ceaba; xa que o tes, dámo; aínda que non queiras, obrigarante). Como, onde e cando son adverbios relativos porque, ademais de habilitaren unha oración para desenvolver a función dun adxectivo (a casa onde o coñeceu), substitúen dentro da súa oración o antecedente. Ademais caracterízanse porque na súa oración desenvolven necesariamente a función de CC (a maneira como cho dixo, o momento cando o vin, o río onde afogou, lévame onde queiras). Os adverbios interrogativos preguntan sobre o elemento que realiza a función de CC (onde está o libro?, como chegaron á praia?, cando escolleron o persoal?) e os exclamativos ponderan unha circunstancia (como mola!, cando chegará!).
Preposición
Morfoloxicamente é invariable e sintacticamente caracterízase por ser dependente e por funcionar como relacionante entre unha unidade léxica e outra que subordina a primeira. Cando vai acompañada dun pronome tónico, esixe a presenza dunha forma oblicua (de min, para ti, por nós). O valor léxico non é igual de relevante nin de visible en todas as preposicións. Fronte ás que, como desde ‘punto de orixe’ e sen ‘privación’, posúen un significado único e preciso, existen outras nas que ese valor é múltiple e moi tenue, caso de, por exemplo, con ‘compañía’ (chegou cuns amigos), ‘modo’ (fíxoo con amor) ‘instrumento’ (comeuno con garfo), ‘causa ou consecuencia’ (morreu co susto). Son átonas e, consecuentemente, forman unidade cos elementos que as seguen. A preposición a contrae co artigo determinado (á, ás, ó, ós); de e en amalgámanse cos demostrativos (deste, dese, naquela, nisto), co indefinido outro e algún (doutro, dalgunha, noutras, nalgún) e co artigo indeterminado (dun, dunha, nuns, nunhas) e determinado (do, da, nos, nas). Con únese ao artigo determinado e indeterminado (co, coa, cun, cunhas) e por, cando vai seguido do artigo determinado, esixe a presenza da súa segunda forma (polo, pola). Funcionalmente caracterízanse por seren núcleos da frase preposicional, que, ademais, expresa o adxacente dun substantivo (mobles de cociña), dun adxectivo (malo de facer), dun demostrativo (esta de aquí), dun indefinido ou dun numeral (algún deles; dous de cada) ou dun adverbio (máis alá da casa). Como complementos seus poden aparecer substantivos, adxectivos, determinantes, pronomes tónicos e adverbios, pero tamén frases (estaban todos agás os meus curmáns) e oracións (deulles instrucións para faceren a comida). A preposición a introduce o CI (merqueille un libro a María) e o CD cando este é un pronome tónico, un nome de parentesco ou un nome propio (vin a André, elixírona a ela); por introduce o complemento axente das oracións pasivas (foi analizado pola presidencia). No paradigma tradicional das preposicións distínguense as preposicións propias e as preposicións impropias. Son preposicións propias a, ante, ata, baixo, cabo, canda, cas, con, contra, de, deica, dende, des, desde, en, entre, malia, onda, para, perante, por, sen, so, sobre, tras e xunta. As impropias son orixinariamente adxectivos, verbos ou adverbios que se habilitaron para realizaren o papel das preposicións (agás, bardante, conforme, consonte, durante, excepto, mediante, menos, quitado, quitando, sacado, sacando, salvo, segundo e senón). As locucións preposicionais desenvolven as mesmas funcións ca as preposicións e presentan unha constitución formal moi variable: á beira de locucións coa estrutura palabra + preposición (beira de, cara a, verbo de, encol de) existen outras coa estrutura preposición + (artigo) + palabra + preposición (a causa de, con respecto a, a carón de, etc).
Conxunción
Existen dous tipos de conxuncións, as coordinantes -que conectan dúas ou máis oracións que poderían existir individualmente- e as subordinantes -transpositores que habilitan unha oración para realizar unha función propia de unidades menores. As coordinantes conectan unidades sen intervir na estrutura de ningunha delas (leva zapatos e botas). Existen tres tipos de conectores segundo o significado que engadan á relación: copulativos, disxuntivos e adversativos. As copulativas reúnen nunha mesma unidade funcional dous ou máis elementos homoxéneos sintacticamente que poderían cumprir a mesma función eles sós: zapatos encarnados e con botóns=za-patos encarnados/zapatos con botóns. Os principais conectores copulativos son e e nin. E aparece nos enunciados afirmativos (vacas e ovellas pacían libres) e pode incrementarse con mais (tiñan alí aparcados o coche e mais a moto), que tamén aparece só (Lola mais a nai) ou baixo a forma a mais (eles a mais vós). Nin aparece nas oracións negativas (non come nin deixa comer) e pode acompañar todos os elementos coordinados (nin empregan a muxidora nin refrixeran o leite), acompañamento que resulta obrigatorio cando van situados antes do verbo (non había música nin bebidas; nin música nin bebidas había naquela festa). A disxuntiva é ou, que se sitúa entre os termos conectados ou ante cada un deles (merca ribeiro ou albariño/ merca ou ribeiro ou albariño). O valor que lle engade ao enlace é o de alternativa, que pode ser de incompatibilidade entre os elementos ou de equivalencia (dende o cuarto escóitase ou séntese o que falan no do lado). As adversativas -pero, mais e senón- unen dous elementos que se presentan como contrapostos. Pero e mais introducen enunciados que expresan unha restrición ao outro co que están coordinados (era de noite pero víase moi ben; nada mal mais resiste moito). Senón expresa incompatibilidade entre dous termos e esixe que o segmento precedente sexa negativo: non é neve, senón xeada. Cando a negación vai reforzada polos adverbios só, soamente, simplemente, senón ten valor copulativo: non só lle impediu o paso, senón que agachou a reliquia. Pero e mais tamén poden aparecer no inicio dunha secuencia sen conexión directa co precedente. Neste caso considéranse concectores oracionais con valor enfático: pero, ti cando viñeches?; mais non pode ser así. Esta mesma función téñena sen embargo, nembargantes, con todo, así e todo, agora ben, ora ben, agora que, ora que, por iso, etc. A conxunción subordinante por excelencia é que, que pode aparecer soa ou acompañada dun índice funcional: mercouno para que se divertise; non o volvín ver dende que chegou. A conxunción se habilita oracións que expresan a condición (se o queres, veno buscar) e emprégase para presentar como CD oracións interrogativas directas (pregúntome se o conseguirá). Admite a anteposición de preposicións impropias ou locucións preposicionais (gústanme as patacas excepto se son cocidas). Ca e coma son transpositores comparativos que se empregan cando o verbo está elidido: é tan grande coma ti (‘como es ti’), é máis duro ca unha pedra (‘é máis duro que dura é unha pedra’). Nestas oracións cando o verbo está presente, os transpositores son como e que (fai como queiras, fala máis do que debe). As locucións conxuntivas poden ter diversas formas, entre as que destacan as combinacións adverbio (ou locución adverbial) + conxunción (mal que, mesmo que), preposición (ou locución preposicional) + conxunción (desde que, pese a que), participio + conxunción (visto que, dado que), preposición + adverbio + conxunción (a pouco que, por máis que), preposición + substantivo + conxunción (de xeito que), etc.
Frase
Unidade superior cunha función única, que ten un elemento obrigatorio, o núcleo, e outros aleatorios subordinados a este. Segundo o núcleo, distínguense cinco tipos de frases: a frase nominal, que ten como núcleo un substantivo (un día chuvioso); a frase adxectiva, co adxectivo como núcleo (moi alegre); a frase adverbial, co adverbio en función nuclear (cedo de máis); a frase preposicional, que ten unha preposición como núcleo (baixo as nubes); e a frase verbal, co verbo como núcleo (pasan coches). Na frase nominal existen dous complementos diferentes, os determinantes, que se sitúan antes do núcleo e serven para actualizar o nome, e os modificadores, complementos que precisan o significado do núcleo: unha (Det) cerdeira (Núc) pequena (Mod). Os modificadores dunha frase nominal poden ser adxectivos ou frases adxectivas (unha cadela moi inquieta), frases preposicionais (a música dos noventa), ou oracións de relativo (estes libros que ves). Nas frases adverbiais e adxectivas aparece só a función de modificador, que pode ser desenvolvida por adverbios ou frases adverbiais (moi axiña; tan delgado) ou frases preposicionais (mañá pola mañá; contento de que veñas). Na frase preposicional, ademais da preposición tamén debe aparecer un modificador, que serve para completar o significado do núcleo: púxoo sobre a mesa. Igual que nas frases nominais, o modificador pode ser unha palabra ou unha frase. Na frase verbal, que ten como núcleo un verbo, existe un número moi amplo de complementos: o CD (lanza pedras), o CI (mercoulle o xamón ao veciño), o Cprep (lembrouse de ti), o Cpvo (marcharon lixeiras para a casa), o CC (chove moito) e, nas oracións pasivas, o complemento axente (foi absolto polo tribunal).
Oración
Unidade superior á frase. No seu interior distínguense dúas funcións, a de suxeito, realizada por unha FN; e a de predicado, desenvolvida por unha FV (as nubes -SUX/FN- cobren o Pico Sacro -PRED/ FV). Unha oración existe cando aparece o predicado -FV-; o suxeito -FN- pode estar ausente (comen repolo) ou non existir (ventou moito esta noite). En función do seu predicado, as oracións divídense en oracións predicativas -o núcleo do predicado é o verbo- (o vento abanea as follas) e en oracións atributivas ou de predicado non verbal, que teñen un núcleo complexo formado por un verbo auxiliar e unha palabra léxica ou unha frase (o cazo está quente/na cociña). Verbo da súa estrutura interna, as oracións poden ser simples, só posúen unha FV (aquí cabemos todos); compostas, formadas por dúas ou máis FV unidas por coordinación (derramaron o salgueiro e tallaron o pradairo); e complexas, que presentan dúas ou máis frases verbais unidas por subordinación (seleccionaron as plantas que levarán á exposición). Mentres que nas oracións compostas, unidas por conxuncións coordinantes, cada unha das FV mantén a súa independencia, nas oracións complexas unha das FV contén outra no seu seo onde realiza unha función. Os nexos que habilitan unha FV para realizar unha función no interior doutra poden ser conxuncións subordinantes (díxome que non te vira), pronomes ou adverbios relativos (foi o alcalde quen o denunciou), preposicións (conectaron os ordenadores para rendabilizaren mellor o traballo) e adverbios (mentres eu lía, el enredaba na area). As oracións complexas clasifícanse en substantivas, que son aquelas nas que a función da oración é a mesma dun substantivo ou dunha FN (acusárono de malversación/acusárono de que malversara fondos públicos); adxectivas, que realizan a mesma función que pode desenvolver un adxectivo ou frase adxectiva (cortaron as pólas danadas/cortaron as pólas que danara a xeada); e adverbiais, que desenvolven a mesma función ca un adverbio ou frase adverbial (alí vai moito vento/onde nós vivimos vai moito vento).
Dialectoloxía e estándar
Delimitación xeográfica do galego
O territorio galego falante comprende a actual Galicia administrativa e as comarcas estremeiras da Terra Eo-Navia (Asturias), Os Ancares orientais e O Bierzo occidental (León) e As Portelas (Zamora) -a este territorio lingüístico hai que engadir tamén o grupo dialectal que se fala en Cáceres e que comprende os falares de San Martín de Trevejo, Eljas e Valverde del Fresno. Lingüisticamente non é doado establecer a fronteira oriental e meridional do galego por non existiren límites ríxidos entre linguas cunha mesma orixe e con escasa distancia estrutural. Aínda así, tendo en conta fenómenos caracterizadores do galego verbo dos falares asturleoneses occidentais e dos portugueses miñotos e trasmontanos e tendo tamén en conta criterios extralingüísticos, e de xeito especial a consciencia lingüística dos falantes, pódese trazar a xeografía aproximada do territorio galego falante (mapa 1).
Fronteira oriental do galego
Hai fenómenos propios do galego que tamén o son do asturleonés occidental; é o caso dos ditongos ei, ou (cantei, cousa) ou o do mantemento de F- latino (facer), que neste caso tamén caracteriza o asturleonés central. Outros fenómenos galegos só aparecen en parte do asturleonés occidental, como a palatalización dos grupos latinos PL-, CL-, FL- (chover, chousa, cheirar) ou a dexeminación de -NN- (ano). Por outra parte, hai fenómenos asturleoneses que se rexistran nalgúns falares da Terra Eo-Navia, como ocorre coa palatalización de L- inicial e de -LL- (llobo ‘lobo’, caballo ‘cabalo’); ou ben poden rexistrarse na práctica totalidade das falas eonaviegas e nas de Lugo estremeiras con Asturias, caso da conservación de -L- (molín ‘muíño’). Non obstante, tamén existen diversos fenómenos fonéticos e morfolóxicos (e algún sintáctico), en boa parte coincidentes no seu trazado, que permiten establecer unha fronteira aproximada do galego co asturleonés ou ben co castelán, que especialmente no Bierzo desprazou falas leonesas orixinarias. Os fenómenos máis relevantes para a delimitación da fronteira oriental do galego son os seguintes:
a) Aditongación de Ĕ, Ŏ latinos tónicos en galego (terra e porta) fronte á ditongación asturleonesa e castelá (piedra e puerta).
b) Desaparición de -N- latino en galego (ter, lúa, chao) fronte ao mantemento en asturleonés e castelán (tener, ŝuna~lluna, chano~llano). Esta desaparición explica a existencia en todo o galego oriental (ó que pertencen as falas lingüisticamente galegas de Asturias, León e Zamora) do plural tipo pantalois e das formas verbais temáticas como teis e pois (gal común pantalóns, tes e pos) fronte ás asturleonesas e castelás pantalones, tienes e pones.
c) Pronome persoal eu (e variante eo en falares eonaviegos) fronte á forma you do asturleonés occidental (e yo do castelán e do asturleonés centrooriental).
d) Distinción entre os pronomes persoais che CI (collinche un libro) e te CD (vinte onte), mentres que fóra do dominio lingüístico galego só hai a forma te para as dúas funcións.
e) Desinencia -n na P1 dos perfectos fracos en -er e -ir (collín, partín) e nos perfectos fortes (dixen), característica do galego fronte ao asturleonés e castelán, que carecen desa marca, igual que o galego de Zamora e dos Ancares de León. Nalgúns falares eonaviegos (e noutros do galego oriental) rexístrase esa desinencia mesmo en verbos en -ar (cantein).
f) Desinencia palatalizada P2 dos perfectos galegos (cantaches, colliches, formas sen -s analóxico na práctica totalidade do galego oriental, e especialmente no eonaviego, berciano e zamorano), fronte ao asturleonés canteste, colliste, sen a palatalización característica do galego.
g) Presentes etimolóxicos teño, teña e veño, veña do galego, que corresponden aos analóxicos tengo, tenga e vengo, venga do asturleonés (e do castelán), que nalgúns falares poden aparecer ditongados (tiengu, tienga e viengu, vienga).
Consonte con estes fenómenos, a fronteira do galego no occidente de Asturias parte uns km máis alá do río Navia. No concello de Navia o límite pode situarse no río Freixulfe, pois, á dereita deste río, lugares como Villapedre, Puorto de Veiga ou Polaviella do mesmo concello xa presentan formas ditongadas (tierra, puorta). Mentres nos concellos de Navia e Villayón non hai unha fronteira lingüística moi tallante entre galego oriental e o asturiano occidental, no caso de Pola de Allande e Santo Antolín de Ibias, os cordais montañosos de El Palo, Os Lagos, Valledor, Valvaler, Valdebois e Rañadoiro establecen unha nítida separación entre os dous dominios lingüísticos. En Ibias só a parroquia de Astierna pode considerarse de fala non galega. A fronteira do galego en León parte de Guímara (concello de Peranzanes), falar de transición galegoleonés pois presenta ditongación en formas como tierra, amariello e you. Continúa pola estrema entre o concello ancarés de Candín (fala galega) e o de Peranzanes (fala asturleonesa, agás Guímara), para limitar aproximadamente na divisoria dos ríos Cúa e Sil. Contra o S, comeza a coincidir a fronteira administrativa de Ourense e León coa lingüística entre galego e asturleonés: o concello berciano de Puente de Domingo Flórez é de fala galega, pero o veciño de Benuza, da comarca de La Cabrera, é de fala asturleonesa. En Zamora, entre a Portela da Canda e a Portela do Padornelo, os concellos de Porto, Pías, Lubián e Hermisende son de fala galega. En Calabor (do concello de Pedralba de la Pradería) fálase unha variedade galega.
Fronteira meridional do galego
A totalidade das falas galegas e a maior parte dos falares portugueses setentrionais comparten diversos fenómenos, con solucións diferentes nos falares centromeridionais de Portugal. Na fonética son relevantes os seguintes trazos:
a) A pronuncia do de viño, avó como bilabial [b] ou [β<], fronte á pronuncia labiodental [v] do portugués padrón e centromeridional.
b) A pronuncia de de chover como africada palatal [tÙʃ], que na pronuncia portuguesa padrón e na maior parte dos falares centromeridionais é unha fricativa [ʃ].
c) O mantemento dos ditongos ou, ei de formas como cantou, primeiro, característico do galego e do portugués do N, fronte á pronuncia monotongada do portugués centromeridional, que é a padrón no caso de [ow]. O ditongo ei, pronunciado como [αj], é o propio da pronuncia padrón portuguesa e da zona de Lisboa, que mantivo o ditongo.
Na morfoloxía, aínda se manteñen trazos moi galegos como onde ides? ou nós cantamos, tanto en falares miñotos e trasmontanos como na zona do Porto, en calquera tipo de falante. A carón destes fenómenos propios de todo o dominio galego, tamén hai no portugués trazos característicos do galego oriental (e parte do central), como as formas cuatro ‘catro’, pronome tu ‘ti’ e cantais ‘cantades’, que tamén se rexistran nos falares arraianos do Baixo Miño. Outros fenómenos propios do portugués fronte ao galego só caracterizan falas dos estremos do galego meridional, como o uso de te (e ausencia de che) en frases como deite o libro do Baixo Miño e do galego da Mezquita e das Portelas de Zamora ou a ausencia de -n en collí, dixe destas mesmas falas orientais. Para a delimitación da fronteira lingüística entre o galego e portugués poden terse en conta os seguintes fenómenos fonéticos:
a) A existencia de gheada (amigho, ghato), inexistente en portugués, que no galego meridional chega á parte oriental de Ourense.
b) Existencia na maioría das falas galegas dunha interdental xorda [θ] en formas como ceo e facer, que en portugués corresponde a unha sibilante xorda (ceio) e unha sonora (fazer).
c) Inexistencia en galego da fricativa prepalatal sonora /Z/, grafada en portugués con j ou g antes de e ou i. En galego o representa unha fricativa xorda /ʃ/, mentres que en portugués existe unha oposición entre a xorda da grafía (peixe) e a sonora de e (hoje, gente). Só en falares arraianos da Limia Baixa ourensá existen sibilantes sonoras semellantes ás portuguesas, igual ca en Hermisende (Zamora), aínda que neste caso practicamente desaparecidas.
d) A inexistencia en galego de vocais tónicas nasais (cancións/canciós/canciois), mentres que en portugués se mantén a nasalidade característica do galego antigo (canções).
Fenómenos diferenciadores das variedades xeográficas do galego
O material recollido para a redacción do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) revela que, a mediados dos anos 70 do s XX, o galego en todo o seu territorio lingüístico mantiña unha grande unidade estrutural. Pero a unidade do galego popular non impedía a existencia dunha gran riqueza de fenómenos dialectais, de moi desigual extensión xeográfica.
Fonética
a) Gheada
A ↪ gheada rexístrase en áreas compactas das dúas provincias atlánticas e na metade sudoccidental de Ourense. En Lugo rexistrábase nunha franxa próxima ás provincias da Coruña e de Pontevedra, así como en puntos da Terra Chá e do sudoeste da provincia, non existindo constancia da súa presenza na zona centrooriental, agás en puntos das terras de Cervantes, Pedrafita e As Nogais. Tampouco se rexistrou nos concellos de Asturias e de Zamora de fala galega, mentres que en León se documentou nos Ancares (mapa 2).
b) Seseo
O ↪ seseo explosivo ou prenuclear (faser, sento) rexístrase nas falas occidentais da Coruña e nas máis próximas á costa en Pontevedra, con áreas de realización lámino-alveolar (ou predorsal), que é a maioritaria, ou ben ápico-alveolar (ou apical). Nas zonas da Coruña de seseo predorsal hai vilas costeiras onde o seseo se realiza como apical (Camariñas e Rianxo, por exemplo), mentres que nas parroquias do rural veciñas a realización é predorsal (Xaviña no concello de Camariñas ou Taragoña e Asados no de Rianxo). E esa oposición seseo apical (vilego e mariñeiro) fronte a predorsal (rural e labrego) consérvase en boa parte. Na provincia de Pontevedra o seseo prenuclear (faser) rexístrase en puntos próximos á costa e con frecuencia caracteriza os falares mariñeiros fronte aos non mariñeiros veciños, como ben se aprecia en concellos do Salnés. Caso ben claro é o do concello do Grove formado por dúas parroquias, a de San Martiño (mariñeira) con seseo prenuclear con realización ápico-alveolar e a de San Vicente do Mar (labrega), onde só se rexistra seseo implosivo ou posnuclear (des, lus), que tamén se documentaba na maior parte das dúas provincias atlánticas. E o mesmo ocorre no Baixo Miño no concello da Guarda, con mariñeiros que sesean e con xente non mariñeira (p ex da parroquia de Salcidos) que non sesea (mapa 2).
c) Resultados dos grupos -ŬLT-, -ŬCT-, -ŎCT, -ŌRĬ-, -ŎRĬ- latinos
No galego popular sinálanse seis sistemas principais (cadro 6, mapa 2). O sistema A (só ditongo oi) é o maioritario do galego popular. O sistema B é propio das comarcas occidentais da Coruña situadas ao N da ría de Muros (terras de Soneira, Xallas, Nemancos e Fisterra, pero non a terra de Bergantiños). O sistema D é propio de falares centromeridionais de Pontevedra, mentres que os sistemas C, E e F se rexistran no galego oriental. As formas muto, escutar probablemente son reducións de *mouto, *escoutar, cun ditongo que se debeu propagar a formas como noute, louta que no canto de noite, luita se rexistran esporadicamente en falas orientais. Voces como couro, vasoura, devadoura son resultado da confusión dos ditongos oi e ou en favor deste. En falas do galego de Zamora rexístranse formas como dois, toiro, oitro, coi, foi, que corresponden ao galego común dous, touro, outro, couce, fouce con disimilación no ditongo; e o mesmo ocorre en voces portuguesas como coisa, oiro, dois.
Morfoloxía nominal
a) Plural cans/cas/cais
A perda do -N- latino nos nomes e adxectivos rematados en -ĀNES, -ŌNES vai dar lugar en galego antigo a hiatos coas vocais nasalizadas, que aínda se manteñen nos Ancares de León. No galego moderno perdeuse a nasalidade vocálica en favor dun ditongo en todo o galego oriental (cais, canciois), aínda que en falas do Bierzo concorren estas formas coas que manteñen o hiato (caes, cancioes). No resto do dominio lingüístico houbo asimilación das dúas vocais, con contracción a favor da tónica; de aí os resultados cas, canciós do galego central e cans, cancións do occidental. Esa solución -ns (galego estándar) tamén é propia de falares arraianos ourensáns da Limia Baixa e do S do val de Verín (mapa 3).
b) Resultados das terminacións -ĀNŬM, -ĀNĂM, -ĀNŌS, -ĀNĀS latinas
Establécense nove sistemas diferentes (cadro 7).O sistema A (galego medieval) consérvase nos Ancares de León. O sistema B, con indistinción xenérica tanto en singular como en plural, caracteriza o galego occidental: (o/a) irmán, (o) verán, (a) mazán, cos plurais irmáns, veráns, mazáns. O sistema C, propio da maioría das falas centroorientais, presenta diferenciación xenérica: masc irmao(s)/fem irmá(s), masc verao(s)/fem mazá(s). Os sistemas D, E, F, G e H rexístranse en falas de transición entre o galego occidental e o central, mentres que o sistema I corresponde a falares arraianos do L ourensán e das Portelas de Zamora. O paradigma do galego estándar, con distinción xenérica -án(s) para masc (propio do galego occidental) e -á(s) para fem (propio do galego centrooriental) é o froito dunha convención moderna que practicamente non se rexistraba no galego popular (mapa 4).
c) Suxeito pronominal ti/tu
A forma pronominal ti para o suxeito de P2, propia do galego estándar, é unha innovación das variedades occidentais, que tamén se rexistra en falares do galego central. A forma conservadora tu é propia do galego oriental e de boa parte do central, anotándose tamén nas falas occidentais do Baixo Miño (mapa 5).
d) Demostrativos e pronome el/il
Existen tres principais paradigmas de demostrativos. O máis estendido é este, esta, esto (e ese, esa, eso; aquel, aquela, aquelo) cunha soa marca para a diferenciación do xénero. O paradigma propio do centro e S de Lugo e da maior parte de Ourense presenta hipercaracterización nas formas masculinas (iste, esta, esto), mentres que no nordeste da Coruña e no centro e S de Pontevedra son as formas neutras as hipercaracterizadas (este, esta, isto). Este paradigma é o máis usado no galego común, ao que sen dúbida contribuíu o feito de que na normativa vixente estea secundarizada a solución neutra maioritaria esto. A distribución do pronome persoal el/il é semellante á de este/iste, aínda que il ocupa unha extensión lixeiramente maior ca iste, especialmente no centro de Lugo (mapa 5).
Morfoloxía verbal
a) Distribución das terminacións -des/-ndes/-is/-s
O conservador SNP -des (galego estándar) é a solución maioritaria da P5 dos tempos verbais (cantades, cantabades). No Baixo Miño e no S ourensán rexístrase -ndes (cantandes, cantabandes), mentres que no galego oriental (e en falas do Baixo Miño) o xeral é a solución innovadora -is (cantais, cantábais), ás veces en concorrencia con -des. Outra solución innovadora é o sufixo -s, que forma área en falas occidentais da Coruña, rexistrándose sobre todo en xente maior, e tamén en concorrencia coa conservadora -des. No imperativo as terminacións son -de, -nde, -i, -Ø (cantade, cantande, cantai, cantá) cunha distribución xeográfica semellante a -des, -ndes, -is, -s, aínda que nas falas meridionais de Pontevedra e na maior parte de Ourense á forma cantades correspóndelle un imperativo cantai. No perfecto a terminación xeral da P5 é -stes (cantastes, collestes, partistes), forma do galego estándar, coa variante -steis nalgún punto oriental. Minoritarias son as terminacións hipercaracterizadas -stedes, -chedes que aparecen en puntos dispersos de todo o dominio galego. En falas occidentais, especialmente fisterrás, onde existe sincretismo entre P2 e P5 de perfecto (ti e vós cantastes, e mesmo ti e vós cantaches), a forma hipercaracterizada permite distinguir P2 cantastes de P5 cantástedes (e P2 cantaches de P5 cantáchedes).
b) A vogal temática (VT) da P2 dos perfectos fracos da CII
Nas zonas occidentais da Coruña e Pontevedra e en parte da Limia Baixa a P2 dos perfectos fracos da CII presenta unha VT e (colleche(s) e colleste(s)), innovación por analoxía con outras formas do tema de perfecto. No resto do territorio lingüístico o xeral é o mantemento da vogal etimolóxica i (colliche(s), vendiche(s)), solución do galego estándar (colliches), cunha illa no centro de Galicia coa solución conservadora e innovadora (mapa 6).
c) A VT da P3 dos perfectos fracos da CII e CIII
A P3 dos perfectos fracos da CII presenta VT e (colleu, vendeu) na maioría das falas galegas (forma do estándar). No occidente coruñés (terras de Bergantiños, Soneira, Xallas, Fisterra...) esa vogal é i (colliu, vendiu), por analoxía con partiu. Nos verbos da CIII a VT é i (partiu, subiu) na zona coruñesa de colliu e nunha amplísima área que abrangue o galego oriental, o centro e S de Lugo, case todo Ourense e o S de Pontevedra. No resto do galego popular rexístrase vogal e (parteu, subeu), por analoxía con colleu. No galego de León tamén se di colliu, vendiu, como en falas fisterrás; pero mentres nestas a vogal analóxica só se rexistra na P3 do perfecto, en ancarés e en falas bercianas a vogal i pode aparecer en todo o tema de perfecto dos verbos da CII (collimos, collira, collise). No galego estándar diferénciase a P3 do perfecto dos verbos da CII (colleu) e da CIII (partiu) pola presenza da VT e ou i propia de cada unha das conxugacións (mapa 6).
d) Radical dos verbos irregulares
Son moi numerosas as variantes rexistradas, especialmente no radical. Algunhas teñen moita tradición no galego escrito, como ocorre con traguer, rexistrado en moi diversos puntos de Lugo e Ourense, xeralmente como única. O verbo traguer non é descoñecido de falares coruñeses (Costa da Morte, A Capelada, A Ulla), onde concorre coa forma estándar traer, á vez que se rexistrou nalgún falar do galego estremeiro. Tamén conta con tradición literaria faguer ‘facer’, propio das falas do occidente e centro de Ourense onde pode concorrer con faer. E tamén foron moi usadas as formas mindonienses esteña ‘estea’ e seña ‘sea’.
Sintaxe
Na maior parte do territorio lingüístico galego úsase o pronome te para CD (vinte na festa) e che para CI (deiche o libro), distinción do galego estándar. Pero nalgunhas falas non hai tal distinción ao empregarse só un deses pronomes para as dúas funcións:
a) Cheísmo
Emprégase o pronome che para o CD (vinche na festa) e o CI (deiche o libro), característico das falas occidentais da Coruña (Fisterra, Soneira, Xallas, Barbanza...). Cos verbos reflexivos non hai cheísmo senón o pronome te do galego común (lávaste e non *lávasche) (mapa 7).
b) Teísmo
Emprégase o pronome te para o CD (vinte na festa) e o CI (deite o libro), propio sobre todo de falas arraianas do Baixo Miño, da Mezquita ourensá e dos concellos de Lubián e Hermisende nas Portelas de Zamora (mapa 7).
Léxico
No galego popular moitos conceptos presentan un único significante (ou practicamente único) en todo o dominio lingüístico (p ex masc can/fem cadela, con sinónimos como cuza no L de Lugo e cuza, e mesmo canza, no galego da Terra Eo-Navia, onde insolitamente se pode oír cuz para can). Unha forma léxica pode coñecerse en todo o territorio lingüístico, pero con diferentes significados. É o caso de cheirar, que en falas do occidente coruñés e do galego meridional, en principio, ten unha significación neutra, polo que cómpre especificalo cun adverbio como mal ou ben. No galego centrosetentrional dáse unha distinción semántica entre ulir (e variantes oler e olear), cun sentido xeralmente positivo, e cheirar con significación negativa. Outras veces un concepto pode ter moitas denominacións, como ocorre na Galicia centrooccidental coas formas para designar a folla do piñeiro: agulla, agulleta, candea, faísca, fronza, gueldo, louza, paúlo, penica, pruma, pobela e moitas outras entre as que está arume, propia de falas da Terra de Bergantiños. Como mostra da variación léxica do galego popular pódense mencionar como exemplos os seguintes conceptos:
a) Concepto ‘amencer’
Popularmente existe unha gran variedade de formas para a expresión do concepto amencer. A repartición das áreas léxicas dos derivados galegos da forma latina *ADMANESCERE é a seguinte: amaecer (e variantes amaicer e ameicer) é propia do galego da Terra Eo-Navia e de falas de Lugo na estrema con esta zona de Asturias; amencer (e variantes mencer e amancer) é característica do NO da Coruña e do N e L de Lugo, con puntos illados no resto do dominio lingüístico; amañecer (e amañeser con seseo) é a forma das Portelas de Zamora e dunha grande área que abrangue as falas ourensás, as do S de Lugo e boa parte das coruñesas e pontevedresas. O castelanismo amanecer (e amaneser con seseo) desprazou a correspondente forma patrimonial no galego do Bierzo (e en parte do das Portelas de Zamora) e nas falas costeiras entre Cedeira e Vigo, á vez que forma unha cuña entre a área léxica de amencer e a área de amañecer. A expresión do concepto amencer tamén se recolle con diversos sintagmas verbais nos que está presente o substantivo día ou sol. A área máis extensa corresponde a abrir o día, propio do galego central e setentrional, sintagma que ademais pode usarse para ‘estiñar’ ou ‘parar de chover’; romper o día é característico do galego meridional e ser día é propio de falas eonaviegas e bercianas, con mostras espalladas na Galicia administrativa. No interior destas tres áreas citadas, ben como forma única, ben en concorrencia con abrir o día, romper o día ou ser día rexístranse os sintagmas raiar o día, nacer o día, apuntar o día, salir o día e vir o día. Co substantivo sol, raiar o sol (e variantes arraiar o sol e arrear o sol) é o máis estendido. No galego de Asturias, León e Zamora e nalgúns puntos da Galicia administrativa o sintagma é sa(l)ir o sol, aínda que non é forma lexicalizada para ‘amencer’ xa que tamén se di sa(l)ir o sol despois dunha treboada ou dunha nube. Outras formas son verbos como alborexar, clarear e lumbrigar e variantes, así como substantivos ou adxectivos e participios substantivos como madrugada, alba, amañecida, abrente e frases baseadas na forma luz como luz do día, luz da mañán e luzada.
b) O día da semana ‘mércores’
A forma xeral recollida para o ALGa era o castelanismo miércoles, con algunha mostra da patrimonial (forma estándar) mércores no L de Lugo e no Bierzo. En varios puntos espallados na provincia de Lugo, nun de Asturias e do occidente da Coruña rexistrouse mércoles, que podería ser, especialmente en puntos orientais, evolución de mércores máis que galeguización da forma castelá. No material do ALGa as denominacións con feira, de tradición cristiá, para luns e martes practicamente non se rexistraron. No caso de ‘mércores’ anotouse cuarta feira (e as variantes corta feira, carta feira), que pode aparecer sen o substantivo (cuarta ou corta). Á parte dalgún punto illado na Terra Chá e N de Lugo, a denominación con feira para ‘mércores’ anotouse, sobre todo, no occidente de Ourense e en localidades das dioceses de Santiago e Tui-Vigo.
c) A ‘Asterias rubens’
Nas falas mariñeiras do litoral galego é moi rara a forma estrela para designar este invertebrado equinodermo, pois só se recolleu no porto de Espasante no mar de Ortegal e no fisterrán Sardiñeiro, xunto con estrela de mar en Ares. En moitos portos úsase o castelanismo estrella, ás veces como única forma rexistrada, que nalgún caso leva a especificación de mar~do mar. En portos da Mariña de Lugo e da ría de Vigo dise grade (con gheada nos portos desta ría), forma que provén da semellanza da Asterias rubens coa grade (‘apeiro de labranza’). E dun diminutivo de grade procede o termo ghradisela, propio da ría de Pontevedra e de portos do Salnés da ría da Arousa, mentres que noutros portos desta ría se rexistra o castelanismo estrella, que no caso do Carril convive coa forma comeostra. Na costa comprendida entre Ribeira e Malpica denomínase tallanta ou tixeira (ou tixeira do mar), posiblemente pola súa semellanza cunha tixeira aberta. Téñase en conta que tallanta é forma tradicional de falares fisterráns no canto do común tesoira e tixeira. Outras denominacións relaciónanse co ‘polbo’ porque a cor violeta escura e os longos brazos danlle certa semellanza cos raxos do polbo, feito que pode explicar formas como pulpo cegho en Miño e Sada, nai do polbo en Caión e pólbera macha na Guarda. Neste caso e no de Caión trátase de costa moi batida polo mar, onde moi probablemente a Asterias rubens se alimente de polbos, como ocorre no litoral miñoto, feito que tamén contribúe a relacionar eses animais. Formas rexistradas só nalgún porto foron sersella en Cangas, rapaconas en Laxe e rapacricas en Rinlo (Ribadeo), voces que como tallantas (e tixeiras) da Costa da Morte posiblemente aludían á práctica de raer os pelos fretando a pel coa Asterias rubens. E tamén se anotou curcetas (diminutivo de ‘cruz’) e sartaña ‘tixola’ (mapa 8).
Variedades xeográficas do galego
Tendo en conta a repartición xeográfica de moi diversos fenómenos diferenciadores dos falares galegos, fundamentalmente fonéticos e morfolóxicos, o mapa do galego moderno pode dividirse en tres grandes bloques lingüísticos: occidental (máis innovador), central (pouco caracterizado) e oriental (máis arcaico). Cada bloque contén áreas ou zonas lingüísticas, con posibles subáreas e mesmo microsubáreas, todas elas de desigual extensión xeográfica e desigual unidade. O bloque occidental e o oriental presentan moitos trazos comúns a todos os seus falares, polo que podería falarse dunha macroárea occidental (ou atlántica) e outra oriental. O bloque central é un enorme “corredor” onde van morrer fenómenos propios dos outros dous bloques. Aínda que hai algúns trazos innovadores exclusivos de falares do galego central que permiten delimitar áreas (e subáreas), en xeral estas non presentan a unidade de áreas dos bloques laterais. A falta de conciencia de isoglosas fonéticas e morfolóxicas, e mesmo léxicas, dificulta que se poida falar de dialectos en galego (mapa 9).
Bloque occidental
Constitúeno os falares occidentais da Coruña e de Pontevedra, con innovacións esencialmente na fonética e na morfoloxía. O bloque occidental, que se delimita do bloque central coa isoglosa do plural dos nomes en -n (cans/cas), presenta os seguintes fenómenos xerais:
-Gheada (amigho, ghato; domingo~domin-gho~dominco).
-Seseo posnuclear (lus, rapás).
-Metafonías e outras alteracións das vocais de grao medio (ela [‘ε], tempo [‘e], hora [‘ɔ], ollo [‘o]).
-Terminación -án (irmán masc e fem, verán, mañán).
-Plural -ns (cans, pantalóns).
-Pronome suxeito ti.
-VT e [‘e] analóxica na P2 de perfecto colleches.
-Sufixo de número e persoa (SNP) -des maioritario (cantades), en concorrencia cos minoritarios (e innovadores) -s, -ndes e -is (cantás, cantandes, cantais).
-Forma cantei maioritaria, en concorrencia coas minoritarias (e innovadoras) cantein, cantén e cantín.
Comprende tres áreas:
a) Área fisterrá (B)
Presenta seseo nuclear (faser) e cheísmo (xa che vin) na práctica totalidade das falas, xunto con fenómenos de reducida extensión pero característicos desta área como a distinción entre nós e nosoutros e o uso da forma de tratamento vós, propios de falantes da primeira xeración, ou a aspiración de -s posnuclear en falantes con seseo predorsal. No seo desta área hai catro subáreas, destacando a do Xallas (B-1), no N, con formas co ditongo ui (muito, uito) e|||| VT ||||i na P3 dos perfectos da CII (colliu) e CIII (partiu) e a subárea do Tambre-Barbanza (B-2), no S, co ditongo oi (moito, oito) e formas de perfecto colleu, parteu.
b) Área bergantiñá (A)
Carece de seseo nuclear (faser) e da inestabilidade do [ʃ] (dixo), e non ten o cheísmo fisterrán. O ditongo é oi (moito) e a|||| VT ||||é i (colliu, partiu).
c) Área pontevedresa (C)
Caracterízase pola ausencia de cheísmo e polas formas cantabamos, cantaramos con acentuación etimolóxica, fronte a cantábamos (e cantábanos), cantáramos (e cantáranos) con desprazamento acentual propio das falas fisterrás e dalgunhas bergantiñás. A isoglosa esto/isto permite separar unha zona ao N, a subárea Ulla-Umia (C-1), e outra ao S, a macrosubárea Verdugo-Miño, con diversas microsubáreas nun e noutro caso. Os falares da subárea Ulla-Umia carecen do cheísmo fisterrán, pero presentan fenómenos comúns ás falas fisterrás do S, como o ditongo oi (moito, oito), paradigmas de demostrativos sen a forma neutra hipercaracterizada (este, esta, esto) e formas de perfecto colleu, parteu, mentres que a macrosubárea Verdugo-Miño presenta o ditongo ui (muito) e oi (oito), os demostrativos isto, iso, aquilo e a distinción na|||| VT ||||da P3 dos perfectos da CII e CIII (colleu/partiu).
Bloque central
Abrangue os falares da Galicia central, que se delimitan dos occidentais coa isoglosa cans/cas e dos orientais coa isoglosa cas/cais. Caracterizan este bloque os seguintes fenómenos:
-Gheada (amigho, ghato; domingo~domin-gho) na parte occidental do bloque e ausencia de gheada na parte oriental.
-Ausencia xeral de seseo, agás nalgunhas falas da Coruña (lus, e mesmo faser) e de Pontevedra (lus, rapás).
-Ditongo oi maioritario (moito, loita, oito, coiro).
-Terminación -ao(s)/-á(s) maioritaria (irmao/irmá), como no bloque oriental, xunto con solucións minoritarias (masc e fem irmá; masc irmao/fem irmán).
-Plural cas, pantalós.
-VT i etimolóxica na P2 de perfecto fraco da CII (colliches), como no bloque oriental.
-SNP -des maioritario (cantades), en concorrencia co innovador -is (cantais) na estrema co bloque oriental (e o minoritario -ndes).
Neste bloque hai dúas grandes áreas con relativa unidade nos respectivos falares:
a) Área mindoniense (D)
Comprende as falas da zona setentrional do bloque, que se delimitan pola presenza de sufixo modal temporal (SMT) e [‘ε] na P4 e P5 do presente de subxuntivo de todas as conxugacións (cant[‘ε]mos, coll[‘ε]mos, part[‘ε]mos) fronte á distinción e [‘e]/a (cantemos/collamos, partamos) do resto do territorio lingüístico e do galego común. Os falares mindonienses presentan os pronomes nosoutros e vosoutros no canto de nós e vós, así como a distinción lle/lles e llo/llelo do galego común fronte á indistinción da maioría das falas galegas que só usan lle e llo; formas verbais colleu e parteu maioritariamente e desprazamento acentual nas formas cantábamos, cantáramos no canto das etimolóxicas cantabamos, cantaramos do galego común. Presenta ademais radicais característicos nos verbos irregulares (esteña ‘estea’, seña ‘sexa’, faigo ‘fago’ ou sallo ‘saio’) e léxico propio só dalgunhas falas da área (cosco ‘caracol’, golpe ‘raposo’) ou ben de uso xeral (felgo ou folgueira ‘fento’).
b) Área lucu-auriense (E)
Comprende as falas da zona centromeridional do bloque central, á que pertencen os falares co pronome persoal il e os demostrativos iste, ise e aquil. Rexístrase a distinción do galego común colleu/partiu e as formas con acento etimolóxico cantabamos, cantaramos, xunto con formas exclusivas de falas desta área, especialmente ourensás, como os imperativos culle e bibe no canto do galego común colle e bebe. No interior da área pódese delimitar unha subárea lucense (E-1) con distinción llo/llelo (deillo a teu pai/déillelo a teus pais) e unha subárea auriense (E-2) sen esa distinción (deillo a teu pai, deillo a teus pais). Os falares do bloque central que quedan entre as áreas mindoniense e lucu-auriense pertencen á extensa e heteroxénea área central de transición (F), mentres que os do sueste non incluídos na lucu-auriense forman a pequena área oriental de transición (G).
Bloque oriental
Abrangue o L de Lugo e Ourense e as comarcas estremeiras de fala galega do occidente de Asturias, León e Zamora. Trátase dun bloque de falas con fenómenos conservadores, aínda que nel tamén se rexistran algunhas innovacións. A isoglosa do plural cas/cais delimita o bloque central do oriental, mentres que a isoglosa das formas aditongadas (pedra e porta) e a das formas sen n intervocálico (chao e pantalois) permiten delimitar todo o galego oriental verbo do asturleonés occidental, que presenta palabras ditongadas (piedra e puorta~puerta) e mantemento dese n (chano~llano e pantalones). Caracterizan o bloque oriental os seguintes trazos:
-Ditongo oi (oito e noite); ditongo ui (muito e truita, ou ben muto e truta, mutio e trutia).
-Conservación do u (cuatro, cuando e guardar), formas propias tamén de case todo o galego ourensán e do Baixo Miño, no canto do estándar catro, cando e gardar.
-Formas baxo, caxa e faxa no canto das maioritarias baixo, caixa e faixa.
-Terminación -ín (camín, lin), agás no galego das Portelas de Zamora e nas falas ourensás deste bloque, coa solución -iño do galego común (camiño, liño).
-Plural en -is (animais e caracois) nas formas polisílabas agudas rematadas en -l no singular, que son as formas do galego común. No galego de Asturias e falas de Lugo veciñas o xeral é o mantemento do -L-.
-Plural en -is (cais e pantalois) dos nomes rematadas en -n.
-Formas partiuo, deixouo e canteio (agás no galego de Asturias e Ancares de León) no canto do galego común partiuno, deixouno e canteino.
-Formas verbais con desinencia -n na P1 do perfecto da CI (cantein~cantén ‘cantei’), nos futuros (cantarein~cantarén ‘cantarei’; collerei~collerén ‘collerei’) e na P1 do presente dos verbos irregulares (hein~hen ‘hei’; sein~sen ‘sei’) na maioría das falas do bloque oriental. Na estrema de Lugo co Bierzo, ademais, rexístranse formas como don ‘dou’; estón ‘estou’ e von ‘vou’, propias tamén da occidental área fisterrá.
-SNP -is maioritario (cantais, cantábais), en concorrencia con -des do galego común, especialmente no galego de Asturias.
-Formas verbais temáticas fais, fain ‘fas, fan’; pois, poin ‘pos, poñen’; teis, tein ‘tes, teñen’ e veis, vein ‘vés, veñen’.
-Radical arcaico fec- e fic- no tema de perfecto de facer, en concorrencia co innovador fix- do galego común: fecen, ficen, fixen... fecera, ficera, fixera.
O bloque oriental consta das seguintes áreas:
a) Área asturiana (H)
Abrangue a maioría das falas asturianas da Terra Eo-Navia e o concello de Negueira de Muñiz na estrema con Asturias e presenta moi diversos trazos caracterizadores, algúns exclusivos desta área:
-Conservación de -L- intervocálico latino: avolo ‘avó’, calente ‘quente’ e plural animales ‘animais’, agás no S da área (Negueira e Ibias) con plurais en -ais.
-Terminación -ín propia do bloque oriental e -íus, -ía exclusiva da área asturiana: molín ‘muíño’, vecíus ‘veciños’, vecía(s) ‘veciña(s)’.
-Artigo determinado el~l (el amigo~l’amigo, al riu), exclusivo desta área, pero no resto do paradigma as formas son as do galego común (a, os e as).
-Plurais etimolóxicos estos, esos, aque-los~aquellos e elos~ellos no canto das formas do galego común con plural sobre o singular.
-Posesivos meu(s), tou(s) ‘teu(s)’, sou(s) ‘seu(s)’ e mía(s) ‘miña(s)’, túa(s), súa(s).
-Pronome átono lo xeral en calquera posición: xa lo ves ‘xa o ves’, síntolo ‘síntoo’, seilo ‘seino’, deixoulo ‘deixouno’. No S da área (Ibias) rexístrase o pronome o do galego común, co alomorfo no en seino, canteino e cos alomorfos l~el en formas como síntol (tamén en falas orientais de Lugo) e deixóuel~deixóul, como nos Ancares de León.
-VT i na P2 dos perfectos fortes: tuviche ‘tiveches’, dixiche ‘dixeches’.
-Verbos irregulares como fer e faer ‘facer’, ouguir ‘oír’ e poer ‘pór, poñer’, que poden concorrer coas formas do galego común.
-A palatalización de L- e de -LL- latinos ou a inexistencia desa palatal permite separar a subárea Vegadeo-Oscos-Ibias (H-1), con formas como leite e cabalo da subárea Salave-Coaña-Boal (H-2) con palatalización en lleite e caballo.
Na división das zonas dialectais do galego de Asturias establecida por Babarro González, o autor delimita unha zona minoritaria que abrangue os concellos de San Tirso de Abres e Taramundi e as parroquias de Abres e Guiar no concello de Vegadeo e o lugar dos Coutos no concello meridional de Ibias, con trazos propios do galego común como o artigo o, as terminacións -iña(s) e -iños e os posesivos teu(s), seu(s); e unha zona maioritaria, á que tamén pertence o concello lucense de Negueira de Muñiz, onde se rexistran fenómenos que caracterizan o galego de Asturias propiamente dito, como artigo el (plural os), terminación -ía(s) e -íos (vecía, vecíos) e posesivos tou(s), sou(s). A maiores, distingue Babarro outra zona, na parte máis oriental dos concellos de Navia, Villayón e Ibias, de falares de transición, con trazos galegos e trazos do asturiano occidental.
b) Área ancaresa (I)
Comprende as falas dos Ancares de León caracterizadas pola existencia dun fenómeno vocálico arcaico como o mantemento de vocais nasais (abrãeiro ‘abelaira’, chão ‘chan’, tardĩa ‘tardiña’, xĩesta ‘xesta’, ũa ‘unha’) e dunha innovación fonética como a gheada (ghato, amigho), insólita no bloque oriental. Presenta fenómenos comúns á área asturiana (artigo l en l’horto, dixo’l padre, pero o padre; formas etimolóxicas estos e elos, tou e sou) ou ben comúns a falas desa área (alomorfos l~el do pronome o en formas como síntol, deixóuel~deixóul). E tamén trazos comúns ás falas do galego de Zamora (formas collí, dixe sen o -n do galego común) e ao galego do Bierzo (VT i de colliu, collira, collise).
c) Área zamorana (L)
Abrangue as falas dos concellos de Zamora e do ourensán da Mezquita, coas formas da P1 de perfecto collí ‘collín’, partí ‘partín’ e fice ‘fixen’ do ancarés. Caracterizan os falares desta área:
-A confusión nos ditongos oi e ou (noite, despois e dous do galego común, pero tamén noute, despous e dois) e ausencia de ditongo en muto ‘moito’ e truta ‘troita’.
-Terminación -iño do galego común fronte a -ín das outras falas orientais.
-Pronome tónico nós e vós, con timbre fechado fronte ás formas con [‘ɔ] maioritarias.
-Pronome persoal átono o(s), a(s) tras calquera forma verbal rematada en ditongo (haio, partiuo, deixeio, cantouo) no canto do galego común no(s), na(s).
Na área zamorana distínguese a subárea de Porto (L-1), coa distinción sintáctica che/te do galego común, e a subárea A Mezquita-Lubián (L-2), con teísmo (xa te dixen todo; vinte onte).
d) Área oriental-central (M)
Comprende todos os falares do bloque oriental non encadrados nas áreas asturiana, ancaresa e zamorana. Coas isoglosas da terminación -ín (pl -iños)/-iño(s) e llelo/llo, coincidentes no seu trazado, delimítase a subárea A Fonsagrada-O Courel-O Bierzo (M-1) ao N, coas formas camín e llelo propias das área asturiana e ancaresa, e a subárea O Valdeorras-Viana (M-2), ao S, coas formas camiño e llo (=lles o) da área zamorana.
Variedades xeográficas e variedade codificada
Por riba das variedades xeográficas existe unha variedade lingüística codificada que se emprega, fundamentalmente, na comunicación escrita e nos diversos usos formais (medios de comunicación, ensino, actos administrativos). Este galego estándar ou galego común é unha variedade supradialectal que pretende representar todas as falas galegas pero ningunha en particular, con solucións que recollen, en principio, o maior número posible das variedades xeográficas, á vez que ten en conta a tradición literaria antiga e moderna para codificar formas consagradas polo uso. Isto é o que explica escollas como moito, cans, cantades ou ti suxeito e paradigmas inexistentes na lingua popular como irmán (masc)/irmá (fem). En xeral os falares do bloque central son os mellor representados tanto na fonética como na morfoloxía; pero as escollas poden corresponder a variedades xeográficas dos outros bloques ou só dalgunha das súas áreas, ás veces con escasa demografía.
A codificación fonética e morfolóxica
Propio do bloque occidental é o plural cans e a terminación -án de (meu) irmán e de verán do galego estándar, como tamén o é o pronome suxeito ti, que penetra amplamente no bloque central. De uso xeral no bloque central e de moitas falas do bloque occidental é o ditongo oi de moito, noite e coiro e a terminación -des de cantades do galego común, mentres que se consideran dialectais formas como as fisterrás muito, nuite, cuiro e cantás ou as orientais mutio~muto~muito e cantais. A terminación feminina -á de irmá e mazá ou a VT i de colliches do galego estándar son solucións dos bloques central e oriental, polo que irmán (fem), mazán e vendeches, propias de todo o bloque occidental, son dialectalismos. A práctica ausencia de seseo e de gheada do estándar fai que o galego occidental (e en parte o central no caso da gheada) non se vexa representado no galego oral culto. Ás veces a escolla do estándar representa parcialmente o galego dos tres bloques, como ocorre coa distinción temática entre as formas colleu e partiu ou coa acentuación paroxítona etimolóxica de cantabamos e cantaramos. Unha forma estándar pode ser minoritaria xeograficamente, aínda que non tanto demograficamente, caso do deíctico neutro isto, iso e aquilo (priorizados na normativa vixente sobre as maioritarias esto, eso, aquelo), propio de falas coruñesas da área mindoniense (bloque central) e da moi poboada zona meridional da área pontevedresa (bloque occidental). Minoritario xeográfica e demograficamente é o plural animais, propio do galego de León e de Zamora e de falas ourensás orientais. Moi minoritario no galego popular era o imperfecto ía da Limia Baixa e de falas do bloque occidental (O Salnés, O Morrazo e O Condado), fronte á variedade iña de falas fisterrás e ao suposto castelanismo iba, que era de uso xeral no galego popular. E moito máis minoritaria era a forma verbal sexa adoptada como estándar, que só se rexistrara nuns puntos moi espallados e que se preferiu á forma maioritaria sea (e variante sía de falas asturianas) e a seña da área mindoniense (e de moitas falas próximas a esta área), con tradición no galego escrito. En todos estes casos (demostrativo isto,|||| pl ||||animais, formas verbais ía, sexa e outras como andei, andara no canto de andiven, andivera) a escolla de solucións minoritarias no conxunto das variedades xeográficas galegas obedeceu, fundamentalmente, á procura dunha harmonización e achegamento do galego estándar co portugués. Moitas destas escollas minoritarias tiñan como aval o feito de estaren documentadas no galego antigo, a onde se acudiu para estandarizar unha preposición como ata (portugués até, con certa tradición literaria no galego moderno) e rexeitar o castelanismo hasta e a variante hastra, únicas solucións do galego popular; e do galego medieval procede o sufixo -bel (port -vel) secundarizado na normativa vixente e propio hoxe do rexistro literario. A solución única do galego popular era -ble, coincidente co castelán (e co catalán), que hai anos tamén se rexistraba en falares portugueses setentrionais (Barcelos, Matosinhos...).
A codificación léxica
Na proposta de codificación léxica vixente (ILG-RAG, 1990) hai solucións que eran exclusivas dunhas poucas falas orientais, como mércores, ou de falas mindonienses e orientais veciñas como amencer. Fundamentalmente oriental é xabaril e a variante xabarín, de uso xeral no galego estándar, que ten como concorrentes populares, mesmo en falas orientais, porco bravo ou cocho bravo. Tamén é oriental xebrar, común ao asturiano occidental (di)xebrar, empregado con frecuencia no galego estándar no canto de separar, forma maioritaria xeograficamente e igualmente codificada. No galego estándar conviven formas como a occidental nai, de gran tradición no galego escrito, e a forma mai (port mãe) do galego central (e do L de Ourense e área zamorana), tamén usada literariamente. A forma madre, de emprego xeral en falas orientais, raramente se usa no estándar por suposto castelanismo. Na codificación léxica, ademais de terse en conta o galego popular e o literario, atendeuse ao portugués moderno para propostas de voces cultas; pero tamén para certo léxico popular, feito que explica que formas “portuguesas” como igrexa, testemuño desprazasen as “galegas” eirexa, testemoio. A forma nu do galego medieval (popular do Miño ao Algarve) tamén se codificou como sinónimo de espido (e variante despido), moi usada tanto no galego estándar como no popular, aínda que neste caso está a ser desprazada polo castelanismo desnudo. Ao galego antigo e ao portugués moderno acudiuse para introducir moitas outras voces con nula ou moi escasa presenza no galego popular, como Deus, estrada, rúa, alugar, pentear e tantas outras que en rexistros formais practicamente desprazaron os correspondentes castelanismos do galego popular. Outras veces as formas léxicas codificadas son froito de propostas de planificación lingüística, como romanés e beirarrúa (port romeno, passeio) para substituír os castelanismos rumano e acera.
Variedades sociais do galego
No momento en que se recolleu a información para o ALGa, os falantes do galego popular non tiñan practicamente contacto con usos formais da súa propia lingua. Isto permitiu que os posibles informantes dese atlas respondesen de xeito espontáneo; afirmaban que eles non falaban galego auténtico, senón que usaban un chapurrado, e que o galego cerrado era o de tal ou cal lugar, que se asociaba xeralmente cun lugar ou cunha comarca afastada xeograficamente de onde era natural a persoa enquisada. Era ademais unha época de xeral falta de estima dos galegofalantes polo seu propio idioma, totalmente sentido como estigma de pobreza e incultura pola ausencia de usos formais. O galego estándar é froito, sobre todo, da elaboración planificada polo ILG e a RAG desde comezos dos anos 80 do s XX. Esa variedade supradialectal foise socializando especialmente a través do ensino, dos medios de comunicación social e da administración. Os actuais falantes das variedades do galego popular están en maior ou menor contacto con esa variante estándar, a través da radio e da TV especialmente, e no caso das xeracións máis novas mesmo a aprenderon a través do ensino. En xeral, pode dicirse que a fala popular non é moi valorada polos seus propios falantes, que teñen como modelo o que se escoita nos media. Por outra parte, neofalantes con coñecementos lingüísticos acoden a ese galego popular por consideralo signo de autenticidade. As principais variedades sociais do galego son o galego enxebre, o galego apreso (ou neogalego) e o galego estándar, que coinciden no esencial co galego popular, co “novo galego urbano” e co galego estándar da análise de X. L. Regueira (1999).
Galego enxebre
No fundamental é a continuación da lingua galega histórica. Fálao sobre todo a poboación rural e a das pequenas vilas, pero tamén as clases baixas das vilas grandes e cidades. Na fonética afástase do castelán pola presenza xeral dun sistema de sete vocais tónicas, por presentar no vocalismo átono fenómenos de uso máis ou menos xeral como a labialización (lovar) ou harmonizacións vocálicas (dumingo, queixón) e pola existencia en determinadas áreas de subsistemas consonánticos con gheada e seseo ou de fenómenos como o rotacismo (or días) que non son propios do galego estándar. A morfoloxía nominal e a verbal poden coincidir ou non coa da variedade estándar; pero noutros aspectos da gramática, en xeral, corresponde co estándar, aínda que algúns fenómenos poden ser propios só de falantes maiores como ocorre co infinitivo conxugado ou coa colocación do pronome en frases como teño que llo levar fronte ao xeral teño que levarllo. Mantén gran riqueza léxica, con creatividade e precisión semántica, á vez que aínda conserva moita da fraseoloxía galega non interferida pola castelá. Pero tamén hai forte presenza de castelanismos en campos relacionados coa relixión (Dios, capilla), coa administración (ayuntamiento, concejal, sen adaptación fonética como colegio ou registro) ou en diversos campos (calle, parexa, conexo en zonas non rurais, pescado en falas afastadas do litoral).
Galego apreso ou neogalego
Emprégano, fundamentalmente, falantes sen base no galego enxebre, procedentes normalmente de familias que falan maioritariamente castelán ou que tenden a falar na variedade estándar. Trátase sobre todo de neofalantes urbanos que moitas veces pasaron ao uso do galego despois de o aprenderen no sistema escolar e que en xeral teñen actitudes moi positivas polo idioma, mostrándose sensibilizados en todo o relativo á normalización social e ao futuro do galego. Por outra parte, é constatable a existencia de xente nova (rural, vilega ou urbana), criada entre falantes de galego enxebre que na fonética, p ex, tamén pode usar trazos do neogalego por aprenderen a variedade estándar de xente que usa o galego apreso, por contacto con neofalantes urbanos que aínda non dominan ben a variedade supradialectal ou por outros motivos. Os que usan este galego tenden a unha entoación ben diferenciada do galego enxebre, especialmente á hora de leren un texto, e tenden a presentar cinco fonemas vocálicos tónicos, como no castelán. No consonantismo o fonema fricativo /ʃ/ tende a realizarse como apical e o /ŋ/ tende a realizarse como alveolar. Na sintaxe, por calco de estruturas castelás, téndese á anteposición do pronome átono (*Airas o viu) ou tende a neutralizar a distinción te/che en favor de te. A morfoloxía, en xeral, corresponde coa da variedade estándar, aínda que adoita presentar formas como a conxunción copulativa /i/ (pan i viño) por castelanismo (ou por lusismo) e pode non usar a contracción en formas como en un, con unha. No léxico téndese ao emprego dun vocabulario purista, evitando castelanismos do galego enxebre (ou supostos castelanismos como Galicia), pero cálcanse termos galegos sobre estruturas léxicas do castelán, de aí a pobreza da fraseoloxía do neogalego. Esta nova variedade de galego, tal como sinalou X. L. Regueira, parece que é un modelo estable de lingua, con boa valoración social, usado por moita xente nova urbana, pero tamén por moita outra xente comprometida coa normalización do galego e coas ideas galeguistas. Tamén a usan algúns profesionais que teñen que expresarse en galego (p ex, dobradores, xente do teatro e de medios de comunicación), xeralmente de procedencia urbana, co castelán como lingua inicial e interesados algúns en afastárense claramente do galego falado polas clases baixas, sobre todo oralmente, porque o galego enxebre para algunha xente aínda connota atraso e ruralidade.
Galego estándar
Esta variedade supradialectal en gran medida coincide coa variedade codificada, aínda que pode desbordala, especialmente no plano léxico, que é onde o falante, e de xeito especial o creador literario, ten máis liberdade de acción. Está consolidado entre xente de clase media urbana, especialmente relacionada coa cultura, co ensino ou coa política. Trátase en realidade dunha variedade media para a comunicación formal que, en principio, tanto a pode empregar quen habitualmente usa o galego enxebre como quen usa o galego apreso. Na fonética do estándar evítanse sistematicamente marcadores sociolingüísticos como a gheada e o seseo, mentres que na morfoloxía se usan solucións que no galego enxebre poden ser minoritarias (pl animais) ou que están en retroceso (o infinitivo conxugado, que se usa sobre todo na escrita) ou simplemente son inexistentes (o paradigma masc -án/fem -á). No léxico evítanse os castelanismos históricos (Deus, doazón, galego e non Dios, donación, gallego), á vez que se usan cultismos e estranxeirismos (investir, orzamento, hall).
||||Situación sociolingüística
||||O galego lingua propia de Galicia
A lingua propia de Galicia é o galego, e o Estatuto de Autonomía de Galicia así o establece. Este recoñecemento implica, polo menos: a) que o galego é a lingua histórica que singulariza desde o punto de vista lingüístico a nación galega, e que constitúe un dos trazos máis característicos da súa personalidade diferencial; b) que, como tal lingua histórica natural, debe ser a lingua de instalación da maior parte da poboación galega, con independencia do carácter oficial do castelán e do galego; c) que debe ser a lingua de todas as institucións de Galicia; e d) que debe ser a lingua preferentemente empregada pola Administración do Estado en Galicia, polas outras institucións e, en xeral, polas empresas e entidades que ofrecen servicios ao público. No Estatuto de Autonomía de Galicia tamén se establece a oficialidade do galego e do castelán en Galicia, linguas que todos teñen o dereito de coñecer e usar, e ínstase aos poderes públicos non só a garantiren o uso normal e oficial dos dous idiomas, senón tamén a potenciaren o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Por debaixo desta aparente paridade entre deberes e dereitos do galego e castelán en Galicia (e o mesmo ocorre co catalán e co éuscaro) agáchase unha desigualdade de base, derivada do tratamento que se lle dá ao castelán na Constitución Española, lingua para a que se establece o deber de que todos os cidadáns a coñezan. Pero non existe ningún recoñecemento da obrigatoriedade do coñecemento das outras linguas oficiais nin na Constitución Española, nin nos distintos Estatutos de Autonomía. Unha oportunidade para establecer a paridade completa neste aspecto era establecer este precepto na Lei de Normalización Lingüística (LNL, 1983). Nela propúxose un artigo “O galego é a lingua propia de Galicia. Tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito a usalo”, pero este deber foi declarado inconstitucional (26.6.1986). Desta LNL cómpre destacar o recoñecemento do dereito dos cidadáns a utilizar o galego no ámbito da comunidade autónoma nas súas relacións coa administración (incluída a de xustiza), a oficialidade do galego en todos os niveis educativos, e o establecemento de que o galego será a lingua usual nos medios de comunicación dependentes das institucións da comunidade autónoma.
A configuración dunha situación de bilingüismo social
Desde o s XV incrementouse progresivamente en Galicia a presenza do castelán ata chegar á situación en que existe unha parte da poboación que só coñece o galego ou o castelán e outra parte que coñece as dúas linguas e que adoita expresarse preferentemente nunha delas. É frecuente designar este tipo de situacións coa etiqueta de bilingüismo social. Pero nunha situación de bilingüismo social como a de Galicia, en que o uso dunha ou doutra lingua está con frecuencia relacionado co status social e coa función para a que se utiliza a lingua, precisa doutro concepto: o de diglosia. Na situación de Galicia obsérvase, na utilización de cada unha das linguas, unha diglosia funcional e unha diglosia de adscrición.
A diglosia de adscrición en Galicia
O galego viña sendo tradicionalmente a lingua propia dos estratos menos poderosos e de menor prestixio social, das capas máis pobres e menos cultas, mentres que o castelán era considerado como a lingua do poder, das clases con maior capacidade económica, do prestixio social, da cultura e das situacións formais. Como historicamente se vén producindo unha identificación do poder e da cultura co mundo urbano, explícase que o proceso de desgaleguización fose moito máis forte nas cidades ca no mundo rural, onde o galego se mantivo con moita máis vitalidade, xa que neste medio unicamente unha minoría (o mestre, o médico, etc) utilizaba o castelán, e inculcaba esta lingua nos seus fillos para diferencialos socialmente do resto da poboación rural e mariñeira. Pero ese código estase a modificar en sentidos opostos: a) Por un lado, moitos pais situados tradicionalmente no status correspondente ao galego, optaron por falarlles aos seus fillos en castelán para facilitarlles o ascenso na escala social (moitos pais falan galego entre si e cos membros das xeracións de máis idade, pero utilizan o castelán para se dirixiren aos seus fillos). De aí que se producise unha extensión da castelanización a sectores aos que non afectara tradicionalmente. A posibilidade ou o desexo de mellorar de status leva á adquisición da lingua A (con total abandono da lingua B ou coa conservación desta para certos ámbitos) por parte de sectores que se atopaban fortemente instalados no galego. b) Por outro lado, perdeu vitalidade a norma pola que os membros de certos estratos (os de status social alto e mellor posición económica, os residentes en núcleos urbanos, etc) debían falar castelán. Moitos galegofalantes que accederon a estratos sociais altos resistíronse á castelanización. Outros galegofalantes que renunciaran á súa lingua como medio habitual de expresión nunha etapa da súa vida volveron instalarse nela. E danse casos de galeguización entre os que tiñan o castelán como primeira lingua. Estes procesos desenvólvense paralelamente ao proceso de normalización lingüística.
A diglosia funcional en Galicia
Tradicionalmente considerouse que o galego era apto para a comunicación familiar, oral, e o castelán para a comunicación escrita e oral de carácter formal. Pero, neste sentido, tamén se produciron cambios significativos en Galicia, e mesmo nalgúns casos, deuse unha inversión dos papeis desempeñados polo galego e o castelán: o galego ocupa o lugar da lingua A (relacións formais) e o castelán o da lingua B (relacións máis familiares e coloquiais).
A vitalidade do galego
A lingua inicial en Galicia
Segundo os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG), un 62% dos habitantes de Galicia é galegofalante inicial, e só un de cada catro tivo como primeira lingua o castelán. Pero, para facer unha prospección cara ao futuro, é necesario ter en conta a distribución segundo a idade, xa que se observan diferencias significativas, pois mentres que o 81,8% dos maiores de 65 anos é monolingüe inicial en galego, a medida que se descende na escala de idade a porcentaxe vai diminuíndo ata chegar ao 34,4% do grupo de 16 a 20 anos. Este descenso é preocupante, máxime se se ten en conta que os que aprenden unha lingua no seo da familia tenden a utilizala no futuro na maior parte das situacións comunicativas. De feito, o 81% dos que adquiriron o galego na familia son galegofalantes habituais (e a porcentaxe sobe ata 94,8% dos que o adquiriron como primeira lingua), mentres que a porcentaxe descende ata un 26% entre os que o adquiriron cos amigos e ata o 7,9% entre os que o adquiriron na escola. Outro factor fundamental que incide na lingua inicial dos galegos é o hábitat. Nos concellos rurais de menos de 2.000 h con asentamento disperso o 86,5% da poboación ten como única lingua inicial o galego, e o 7,8% o galego e o castelán; nos concellos rurais de menos de 2.000 h, pero con trazos propios de núcleos urbanos, o 67,3% ten o galego como lingua inicial única, e o 13,8% as dúas; nas vilas, o 51,7% o galego, e o 16,2% as dúas; no hábitat periurbano, o 61,3% o galego, e o 17,5% as dúas; e no urbano, o 17,1% o galego e o 17,5% as dúas. A lingua inicial presenta tamén unha clara correlación coa clase social: o galego é a única lingua inicial do 76,9% da poboación de clase baixa, do 72% da de clase media-baixa, do 52,1% da de clase media, e do 29,6% da de clase media-alta.
O coñecemento da lingua
A práctica totalidade da poboación de Galicia ten un coñecemento receptivo ou pasivo do galego; é capaz de descodificar as mensaxes emitidas nesta lingua. Pero as porcentaxes baixan notablemente nas destrezas activas da lingua. A capacidade de falar o galego é aínda bastante alta (86,4% sabe falar ben ou moi ben o galego), pero é moito máis baixa a capacidade de ler (45,9%) e aínda máis a de escribir en galego (27,1%). No dominio das catro destrezas (entender, falar, ler e escribir) é ilustrativo ver a relación coa idade: mentres que a capacidade de entender o galego parece que non depende da idade, esta empeza a ser significativa no exame da capacidade de falalo (92,4% dos maiores de 65 anos; 80,3% do grupo de idade entre 16 e 25 anos). Un sentido xustamente oposto presenta a correlación da capacidade de ler e escribir coa idade, que aumenta se se descende na escala de idade (23,4% dos maiores de 65 anos le en galego; 72,9% da poboación entre 16 e 25 anos; só o 7,3% dos maiores de 65 anos escribe en galego; 64% do grupo entre 16 e 25 anos) (gráfica 1). Tamén no dominio destas destrezas se observan diferencias moi significativas segundo a clase social, a non ser na capacidade de entender o galego, que é case xeral para o conxunto da poboación galega. Pero, obsérvase unha notable diminución na capacidade de falalo a medida que se ascende na escala social e, inversamente, obsérvase unha diminución na capacidade de lelo e máis aínda de escribilo a medida que se descende na escala social. Chégase así ao paradoxo de que os pertencentes ás clases sociais máis baixas son os que teñen maior capacidade para falalo, pero menor para lelo e escribilo, e os das clases altas son os que presentan índices máis altos de capacidade para lelo e escribilo (gráfica 2).
O uso da lingua
a) Unha visión global
Se se examina a lingua habitual no conxunto da poboación de Galicia os datos son favorables ao galego: o 68,6% manifesta que no conxunto das súas interaccións usa só ou predominantemente o galego, fronte ao 31,4% que di usar só ou máis castelán. Un 38,7% da poboación declárase monolingüe en galego e un 10,6% monolingüe en castelán. No hábitat urbano existe un predominio do uso do castelán sobre o galego (gráfica 3). Prodúcese así mesmo unha diminución progresiva do galego como lingua habitual a medida que descende a idade (gráfica 4), e a medida que se ascende na clase social (gráfica 5). Do conxunto do sector que manifesta ter prácticas habituais bilingües, nun 29,9% predomina nestas o galego, por riba do 20,8% que fai maior uso do castelán. Resulta preocupante o descenso do monolingüismo en galego na xente nova, pero tamén o descenso da súa presenza nos que teñen prácticas bilingües, nas que o castelán desempeña un papel predominante (táboa 1). Con todo, neste sector de prácticas habituais bilingües, percíbese un feito que pode ser considerado un indicio dunha tendencia recuperadora do galego: os castelanfalantes iniciais (46,1%) introducen o galego nas súas prácticas en maior medida ca os galegofalantes (32,8%) o castelán.
b) Usos lingüísticos nas interaccións familiares
A familia tradicional galega era frecuentemente un lugar de encontro de tres xeracións: a dos avós, a dos pais e a dos fillos. Nela ten lugar un complexo sistema de interaccións que permite observar certos cambios evolutivos nos seus usos lingüísticos. Un dos medios onde se produce a substitución lingüística é a familia, por iso é ilustrativo examinar o uso dentro deste ámbito e ver se existen diferencias significativas na lingua usada nas relacións cos avós, pais, parella, irmáns e fillos. Segundo os datos do MSG, as interaccións cos distintos membros da familia son todas positivas para o galego, pero apréciase un perigoso descenso a medida que se interactúa cos membros máis novos da familia. Outro feito que poñen de manifesto os datos do MSG é a correlación existente do uso do galego co hábitat (gráfica 6) e coa clase social (gráfica 7).
Algunhas notas sobre crenzas e actitudes
Á lingua galega concédeselle unha importante función na configuración da identidade galega, tanto porque se considera que é a lingua propia dos galegos como porque se sente que a súa supervivencia é un factor indispensable para a conservación da cultura e identidade galegas. Máis da metade da poboación considera que a lingua dos galegos é o galego, e o feito de falalo constitúe para un 16,3% o principal factor de identificación co ser galego. Máis do 70% considera que, de deixarse de falar o galego, se perdería a cultura e a identidade de Galicia. A maioría da poboación ve positivamente que o galego sexa a lingua habitual da administración pública, os medios de comunicación, a toponimia, o dominio escolar e a liturxia. Estas actitudes son máis propicias canto menor é a idade e máis elevada a competencia lingüística en galego. Parece que a introdución do galego na escola debeu contribuír a mellorar estas actitudes cara ao galego nos sectores máis novos da poboación. O contacto permanente co galego en ámbitos nos que antes só era posible o castelán é un factor que axuda a que a súa presenza se considere como algo normal, non estraño. Ao redor de seis de cada dez galegos atribúenlle a mesma utilidade á lingua galega ca á castelá. Os que en maior medida consideran que o galego é igual de útil ca o castelán son os que, pola súa idade ou nivel cultural, manteñen maior contacto con esta lingua no nivel formal: docentes, estudiantes, e persoas novas que o estudiaron na escola. As estimacións máis negativas sobre a utilidade do galego corresponden aos monolingües en castelán con escasa competencia oral en galego. En canto ás opinións sobre o futuro lingüístico de Galicia, máis da metade cre que o galego será a lingua dominante, aínda que non a única. O resto da poboación divídese entre os que pensan que o castelán será a lingua máis empregada e os que consideran que se utilizarán as dúas linguas en igual medida. Tres de cada catro galegos son partidarios de que no ámbito familiar se transmitan os dous idiomas, e máis da metade da poboación rexeita que os pais galegofalantes lles falen castelán aos seus descendentes.
O galego nos distintos sectores
Administración e función pública
O novo marco legal, o compromiso das forzas políticas e sociais e o labor dos distintos gobernos posibilitaron que nas administracións públicas se pasase dunha situación de absoluto ermo en canto á utilización do galego a ser un dos ámbitos en que, polo menos de maneira formal, a lingua galega demostra unha maior presencia. En 2003, sobre todo na documentación escrita, algunhas das administracións presentan un nivel relativamente alto de utilización da lingua galega, aínda que en moitos casos este uso formal non se corresponde coa lingua utilizada oralmente polos funcionarios destas administracións, nin na atención dos mesmos aos demandantes dos servicios. A este avance contribuíu tamén o traballo de dinamización levado a cabo por organizacións comprometidas coa defensa e promoción do idioma galego, como a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística ou A Mesa pola Normalización Lingüística. A Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, establece o dereito dos cidadáns a utilizaren as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma, de acordo co previsto nesta Lei e no resto do Ordenamento Xurídico. En canto á lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado dise que será o castelán. Non obstante, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha comunidade autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela. E neste caso o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. Nos procedementos tramitados polas administracións das comunidades autónomas e das entidades locais, o uso da lingua axustarase ao previsto na lexislación autonómica correspondente. As administracións deben tomar as medidas necesarias para que os dereitos dos cidadáns estean garantidos. A teor disto, na Lei 30/1984, do 2 de agosto, na que se establecen medidas para a reforma da función pública, xa se prevía que nas convocatorias para acceso á función pública, as administracións públicas, no respectivo ámbito das súas competencias, deberían prever a selección de funcionarios debidamente capacitados para cubrir os postos de traballo nas comunidades autónomas que gozasen de dúas linguas oficiais (art 19). E na mesma liña, na Lei 10/1989, de modificación da Lei 4/1987 de creación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), decláranse como fins da EGAP: a difusión e a normalización do idioma galego na administración pública, a capacitación lingüística do persoal e mais a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega.
Administración autonómica
A comunidade autónoma galega posúe unha administración propia que está obrigada a potenciar a extensión e o uso do galego por mandato legal, pero tamén por ser a lingua propia do país que debe gobernar, e por ser un referente de prestixio. De aí que a Lei da Función Pública Galega (1988), modificada pola Lei 8/1992, recolla que nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da administración autónoma terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega (art 33). O cumprimento do deber de potenciar a extensión do galego leva aparellada a esixencia dun coñecemento suficiente da lingua galega por parte dos seus funcionarios. Co fin de asegurar esta capacitación dos funcionarios realizáronse cursos de formación lingüística (1983-1987), organizados principalmente pola Dirección Xeral de Política Lingüística. A partir de 1987 a EGAP organiza periodicamente cursos de formación en linguaxe administrativa dirixidos aos funcionarios de todas as administracións. A pesar disto, se ben existen consellerías en que a utilización da lingua galega (sobre todo na documentación escrita) é amplamente maioritaria, hai aínda outras nas que a situación do uso do galego dista moito da ideal, sobre todo cando se examinan as relacións orais entre os funcionarios (nas que o uso do castelán non é anecdótico) e mesmo a atención destes ao público, onde con frecuencia adoptan o castelán como lingua de partida. Segundo os datos do MSG, os galegos mostran un índice de utilización do galego nas súas relacións coa Xunta de Galicia dun 2,93 sobre 4.
Administración local
A Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais (Lei 5/1988, do 21 de xuño) establece, entre outros preceptos, que as convocatorias, ordes do día, mocións, propostas de acordos, ditames, etc se fagan en galego (podendo facerse ademais na outra lingua oficial) (art 1). Así mesmo, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á administración local se garanta o coñecemento da lingua galega (art 2.2), e dáse un prazo de dous anos para que os concellos apliquen este precepto (disposición transitoria). No Real Decreto 1732/94, polo que se regula a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional, e na Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a funcionarios da administración local con habilitación de carácter xeral prevese a inclusión nas bases do coñecemento da lingua propia da comunidade autónoma nos termos previstos pola súa lexislación e medios de acreditación. Na práctica diaria, a situación do galego varía considerablemente dunhas corporacións a outras. Algúns concellos normalizaron totalmente o uso do galego no seu ámbito de competencias, outros nin lles preocupa, e algúns mesmo adoptan unha postura máis ou menos belixerante en contra del. No ámbito da administración local é onde se manifesta un maior uso da lingua galega por parte dos cidadáns (cun índice de 3 sobre 4). Algún concello, como o de Redondela, mesmo elaborou unha ordenanza reguladora do uso do galego no concello, onde asumen, entre outros compromisos, que: a) o galego é a lingua oficial do concello; b) o galego será a lingua habitual nas actuacións administrativas, nas relacións cos cidadáns e coas entidades públicas e privadas sitas en Galicia; c) as convocatorias, actas, resolucións, documentación administrativa, contratos, etc redactaranse en galego; d) o galego será a lingua normal de comunicación e información aos cidadáns, e isto é aplicable tamén ás empresas que presten servicios públicos municipais por concesión, arrendamento, etc; e) o galego será a lingua habitual dos anuncios e publicacións; f) os rótulos e sinalización municipais redactaranse en galego; g) o persoal ao servizo do concello debe coñecer oralmente e por escrito o galego, para poder dar cumprimento ao establecido nesta ordenanza; e h) as actuacións do concello perante a xustiza e as outras administracións faranse en galego. Cómpre salientar a creación dos servicios municipais de normalización lingüística, algúns establecidos con carácter permanente, e outros dependentes de axudas concedidas nun primeiro momento pola DXPL e, posteriormente, pola consellería de Xustiza, Interior e Relacións coas Corporacións Locais. No ano 1997 funcionaban 47 servicios deste tipo. Leváronse a cabo diversas campañas, como No teu concello, en galego ou En galego, con todo o dereito, e elaboráronse formularios de documentación municipal (primeiro no ILG e despois en TERMIGAL-Servicio de Terminoloxía Científico-Técnica) e outros materiais para facilitar o uso do galego na administración local.
Administración de xustiza
Aínda que é un sector tradicionalmente reacio á incorporación do galego, nel déronse e estanse a dar pasos para a progresiva incorporación da lingua galega, tanto mediante iniciativas lexislativas como a través de medidas tendentes ao seu uso na práctica diaria. Dentro das iniciativas lexislativas, cómpre sinalar a Lei 38/1988, do 28 de decembro, de demarcación e de planta xudicial, modificada pola Lei 37/1999, do 28 de outubro, na que se valora como mérito na carreira xudicial o coñecemento do galego. Na Lei 16/1994, do 8 de novembro pola que se modifica a Lei orgánica 6/1985, do 5 de xullo do poder xudicial, dise, para a selección de xuíces e maxistrados, que “Nas Comunidades Autónomas con lingua e dereitos propios, o seu coñecemento considerarase como mérito a valorar en concorrencia cos anteriores” (art 1.13.2,b). No art 8.2.d. establécese que se debe valorar para o outorgamento de comisións de servicios a xuíces e maxistrados “o coñecemento do dereito ou da lingua e o dereito substantivos propios da Comunidade Autónoma na que vaia a ter lugar a comisión”. E no mesmo art 8 recóllese a validez das actuacións xudiciais e dos documentos en lingua galega: “As actuacións xudiciais realizadas e os documentos presentados no idioma oficial dunha Comunidade Autónoma terán, sen necesidade de tradución ao castelán, plena validez e eficacia. De oficio procederase á súa tradución cando deban producir efecto fóra da xurisdición dos órganos xudiciais sitos na Comunidade Autónoma, salvo se se trata de Comunidades Autónomas con lingua oficial propia coincidente. Tamén se procederá á súa tradución cando así o dispoñan as leis ou a instancia de parte que alegue indefensión”. No Real Decreto 249/1996, do 16 de febreiro, referido á provisión de vacantes nos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da administración de xustiza, fíxanse os baremos para o cómputo como mérito do coñecemento da lingua propia nas comunidades autónomas que recibiran os traspasos de medios persoais para o funcionamento da administración de xustiza. En canto a iniciativas prácticas, cómpre destacar o Acordo de Cooperación entre as Consellerías de Presidencia e Administración Pública e de Educación e Ordenación Universitaria coa Presidencia do Tribunal Superior de Xustiza, baixo os auspicios do poder xudicial e do presidente da Xunta, co obxectivo de incrementar a presenza da lingua galega no ámbito da xustiza en Galicia. Neste convenio acórdanse, entre outras accións: a) a creación da Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística na administración de xustiza, encargada de preparar, coordinar e seguir as actuacións de potenciación do uso do galego; b) a creación dos gabinetes de tradución e asesoramento lingüístico da administración de xustiza; c) a organización de cursos para os traballadores deste ámbito e a creación dun título de funcionario especialista en terminoloxía xurídica; d) a edición dun Boletín periódico, con impresos e textos xudiciais homologados, sentencias ditadas en lingua galega, e estudios terminolóxicos do ámbito xurídico; e) o compromiso de traducir os programas informáticos do ministerio de Xustiza ao galego. Estas medidas só se levaron á práctica de maneira parcial. Realizouse algunha campaña de sensibilización para o incremento do galego na administración de xustiza (En galego, é de xustiza), pero o grao de utilización desta lingua é aínda moi baixo, e depende máis da vontade individual ca dunha verdadeira planificación.
Administración do Estado en Galicia
Nos últimos anos produciuse un avance na utilización do galego na documentación escrita da administración do Estado en Galicia, pero o castelán segue a ser a lingua de comunicación habitual. Aínda que “para a provisión de postos de funcionarios na administración periférica do Estado (...) terase en conta o coñecemento da lingua oficial propia de cada Comunidade Autónoma”, segundo reza a orde recollida no BOE do 20 de xullo de 1990, isto non garante o coñecemento suficiente de galego por parte dos funcionarios. De aí que no ano 1995 se asinase un protocolo de colaboración entre a Delegación do Goberno en Galicia e a Dirección Xeral de Política Lingüística para a formación en lingua galega do persoal da administración do Estado en Galicia, con vistas a garantir os dereitos a utilizar o galego recollidos no Real Decreto 772/1999, do 7 de maio. Nel establécese que as solicitudes, escritos e comunicacións dirixidos a órganos radicados no ámbito territorial dunha comunidade autónoma con lingua cooficial poderán estar redactados nesa lingua ou en castelán, debendo, en ambos os casos, ser admitida a súa presentación en calquera oficina e rexistro da Administración Xeral do Estado e dos seus organismos públicos. A partir de 1998 publícase parte do Boletín Oficial del Estado en lingua galega.
Administración militar
A Orde 35/1987, do 17 de xuño, pola que se regulamenta o uso das linguas oficiais das comunidades autónomas na administración militar, establece no seu art 2 que “os escritos redactados na lingua oficial e propia dunha Comunidade Autónoma que dirixan á Administración militar particulares, Corporacións públicas, ou Institucións de autogoberno pertencentes a aquela, terán plena validez e eficacia”. No art 3 prevese que os documentos ou certificacións que redacten na lingua propia e oficial dunha comunidade autónoma as autoridades e os organismos radicados na mesma, serán admitidos pola administración militar nos expedientes administrativos incoados de oficio ou a instancia de parte, que deban de resolverse dentro do ámbito territorial propio desa comunidade ou doutra que posúa lingua oficial coincidente. De oficio procederase á súa tradución cando deban producir efectos fóra do ámbito lingüístico, se foron presentados ao abeiro da Lei de Procedemento Administrativo no propio territorio. O art 4 establece que no caso de relacións verbais entre particulares e centros ou dependencias da administración militar con sede nunha comunidade autónoma con lingua propia, os primeiros serán atendidos, á súa elección, en castelán ou na lingua da comunidade. Na Lei orgánica 2/1989, do 13 de abril, procesual militar establece no seu art 71 que en todas as actuacións xudiciais, os membros dos órganos xudiciais militares e os da Fiscalía Xurídico Militar usarán o castelán. Non obstante, as partes, os seus representantes e quen os dirixa, así como as testemuñas e peritos, poderán utilizar, ademais do castelán, a lingua oficial da comunidade autónoma onde teñan lugar as actuacións xudiciais, tanto en manifestacións orais coma escritas. Recoñécese tamén a plena validez e eficacia das actuacións xudiciais e dos documentos presentados no idioma oficial dunha comunidade autónoma dentro do seu territorio, aínda que se procederá de oficio á súa tradución ao castelán. O galego, sen embargo, está ausente dos actos e relacións de servicio: “En tódolos actos e relacións de servizo no seo das Forzas Armadas utilizarase sempre o castelán, calquera que sexa o destinatario das ordes, comunicacións ou notificacións e a Comunidade Autónoma na cal se realicen” (art 5).
O galego na educación
Nun momento en que a transmisión familiar do galego está en regresión, a escola adquire unha notable relevancia como lugar de aprendizaxe do galego. Segundo os datos do MSG, un 5,5% da poboación adquiriu o galego na escola, pero esta porcentaxe aumenta ata o 23,6% no sector de idade comprendido entre os 16 e 25 anos, principalmente en persoas pertencentes á clase media-alta e de hábitat urbano. A escola é, xunto cos medios de comunicación, un dos sectores estratéxicos na normalización da lingua galega.
Ensino non universitario
No Real Decreto 1981/1979 do 20 de xullo establécese a obrigatoriedade do estudo da lingua galega, pero ata catro anos máis tarde (Decreto 135/83 e Ordes de 31-08-87 e 1-03-88 que o desenvolven) non se lexisla sobre a súa utilización como lingua vehicular do ensino. A LNL (1983) incide con especial atención en aspectos fundamentais referidos á presenza da lingua galega no ensino: desde o recoñecemento do galego como lingua oficial do ensino en todos os niveis educativos, ata o dereito de todos os nenos a recibiren o primeiro ensino na súa lingua materna; desde a obriga de que as autoridades educativas da comunidade autónoma de Galicia arbitren as medidas necesarias para promover o uso progresivo do galego no ensino, ata a presentación destas mesmas autoridades educativas como garantes de que, ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade de condicións ca o castelán. No 1988 establécense por primeira vez as materias e áreas da educación que se deben desenvolver en galego. A lingua vehicular das materias e áreas non marcadas pola lei é establecida polo proxecto educativo de cada centro. En setembro de 1995 outro decreto actualiza o de 1988 adaptándoo á nova ordenación do sistema educativo, e dita unha serie de pautas con respecto ao material pedagóxico que debe estar redactado en galego e que debe atender as peculiaridades de Galicia. Neste decreto 247/95 establécese que na educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria os profesores deberán usar na clase a lingua materna predominante entre os alumnos, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que os alumnos adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da etapa ou ciclo. No segundo e terceiro ciclos de educación primaria daranse en galego polo menos dúas áreas de coñecemento (unha delas ten que ser a de coñecemento do medio natural, social e cultural). Na ESO débense dar en galego polo menos as materias de xeografía e historia, ciencias naturais, ciencias ambientais e a optativa ofertada polo centro. En bacharelato, no primeiro curso debe darse en galego a filosofía, como materia común, e unha das materias específicas de cada modalidade; e, no segundo curso, a historia, como materia común, e algunha das materias específicas de cada modalidade. Na formación profesional de grao medio e superior o alumnado recibirá ensino en galego nas áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a súa integración sociolaboral. Segundo os datos oficiais de 2001, o 95,18% dos centros están dando en galego as materias mínimas regulamentadas neste decreto 247/1995, e non chegan ao cinco por cento os centros que incumpren esta normativa. En canto ao nivel de uso real do galego no ensino, nun informe (1987) do Consello da Cultura Galega, obsérvase que: en EXB, un 48,5% do profesorado empregaba maioritariamente o castelán, un 26,4% facíao exclusivamente en castelán, un 16,5% valíase maioritariamente do galego, e o 8,6% utilizaba só o galego. No ensino medio, o 18,2% utilizaba só o galego, o 13,2% manifestaba utilizar máis o galego ca o castelán, o 24,7% máis o castelán ca o galego, e o 43,9% só o castelán. En termos globais: o 71,5% do profesorado expresábase maioritariamente ou exclusivamente en castelán e o 28,5% en galego de maneira exclusiva ou maioritaria. Os datos de 2001 sobre a lingua utilizada para a aprendizaxe na lecto-escritura nos centros con educación infantil ou primaria revelan que o 72,27% opta pola aprendizaxe simultánea nas dúas linguas, fronte ao 14,99% que o fai en galego e o 12,74% que o fai só en castelán. O galego é o idioma de toda a administración educativa, tanto interna coma externa. O castelán só se utiliza a pedimento do usuario dun servicio. No ano 2001 un 85,26% dos centros manifestaban realizar as funcións administrativas totalmente en galego, un 13,5% parcialmente en galego, e o 1,59% totalmente en castelán. A utilización do galego diminúe cando se trata de comunicacións co alumnado e co exterior: usan exclusivamente o galego o 70,66%, predominantemente o galego o 19,46%, predominantemente o castelán o 7,99%, e exclusivamente o castelán o 1,88%. Nos centros de educación infantil, primaria e secundaria existen equipos de normalización lingüística encargados de potenciar o uso do galego (e da realidade galega) nas actividades do centro. En 2001, polo menos oficialmente, o 93,05% dos centros de ensino non universitario dispoñían deste equipo. Houbo outras iniciativas institucionais para fomentar o uso do galego no ámbito escolar, como campañas de promoción do uso do galego (En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai; O futuro de Ferrol. En galego chegarás moi alto; Seguriño; En galego cos cinco sentidos; A maxia das palabras), programas de asesoramento pedagóxico no ámbito familiar e escolar (como o proxecto Galego en Familia, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude) ou a convocatoria anual de axudas para material didáctico en galego e para xornais e revistas en galego.
Ensino universitario
O galego é a lingua oficial e vehicular en todas as actuacións internas e externas das tres universidades galegas, segundo se recolle nos seus Estatutos. As tres (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo) contan con Servicios de Normalización Lingüística, que asesoran lingüisticamente os distintos estamentos universitarios, organizan cursos de galego, campañas publicitarias para o fomento do uso do galego (Baixa da lúa. En galego estamos no mundo; En galego o que ti queiras), elaboran vocabularios de linguas de especialidade para facilitar o emprego do galego nas distintas áreas do ensino, apoian a presentación de teses, memorias de licenciatura e proxectos en lingua galega, etc. Aínda que non se conta con datos sociolingüísticos da Universidade da Coruña, parece que a que ofrece un maior nivel de galeguización, tanto no alumnado coma no profesorado e no persoal de administración e servicios, é a de Santiago. En xeral, obsérvanse fortes diferencias en canto á presenza do galego nos diversos centros e facultades, sobre todo no sector dos alumnos e do profesorado. O índice maior desa presenza está nos centros relacionados coas ciencias humanas e sociais, e o máis baixo nas facultades de Farmacia, Veterinaria, Medicina e Bioloxía, e, en xeral, as relacionadas coas Ciencias da Natureza e a Saúde.
a) Alumnado
O alumnado das universidades de Santiago e de Vigo considérase, na súa maioría, máis competente en castelán ca en galego, pero a competencia en galego é tamén moi elevada (entendemento, lectura e capacidade para falalo). Pero, en canto á dificultade para escribilo, aparecen xa notables diferencias entre o alumnado das dúas universidades: mentres que na de Santiago só un 13,4% considera que ten pouca soltura para escribir en galego, na de Vigo hai un 50,9% con moita dificultade para facelo. As maiores porcentaxes no dominio das distintas competencias lingüísticas en galego están entre os usuarios habituais deste idioma. En conxunto, o galego é a lingua oral habitual do 30,8% do alumnado da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Na Universidade de Vigo (UV), só utiliza habitualmente o galego o 9,9%, fronte ao 24,2% que declara ter comportamentos bilingües e o 65,3% que se expresa habitualmente en castelán. Os datos non son totalmente comparables xa que na enquisa realizada na USC forzouse a escoller como lingua habitual o galego ou o castelán, sen dar posibilidade á escolla de opcións bilingües (táboa 2). A lingua do interlocutor é un factor determinante no comportamento lingüístico. O uso do galego descende drasticamente cando se interacciona cun compañeiro castelanfalante; por ex, na USC o emprego do galego supera o 66,9% nas relacións cun compañeiro galegofalante, pero, en cambio, cun castelanfalante descende ao 18,6%. Os usos escritos redúcense: na USC, un 20% emprega o galego coa administración universitaria, e só arredor dun 10% do alumnado o usa para tomar apuntamentos, redactar traballos, exames, etc; neste último punto, a UV sitúase ao redor do 6%. Algo máis da metade dos estudiantes considera que o número de clases recibidas en galego é insuficiente, e que os profesores deberían usar máis o galego. Unha ampla maioría dos alumnos da USC está de acordo en que o galego debe ser a lingua habitual na USC, pero na de Vigo só o 50% é desta opinión. A maior parte dos alumnos considera que o coñecemento do galego ten interese para o seu futuro profesional, estaría disposto a recibir máis clases en galego, considera necesaria a realización de actividades para fomentar o seu uso, e bota en falta a existencia de máis material escrito en lingua galega que lles facilite o uso desta lingua no ámbito docente (táboa 3).
b) Persoal de Administración e Servicios (PAS)
O 75,5% do PAS da Universidade de Santiago e o 71,1% da de Vigo pode entender, falar, ler e escribir en galego. Estas capacidades tenden a ser mellores nos que falan habitualmente en galego, e na lingua escrita entre os que realizaron estudios desta. En xeral, as competencias aínda son peores en galego ca en castelán. En canto ao uso, o 54,6% do PAS da USC fala habitualmente en galego, e o 45% en castelán. Na de Vigo o 51,7% ten como lingua habitual o castelán, o 32% declara utilizar as dúas, e só un 14,7% di empregar habitualmente o galego. O uso do galego é maior nos que proceden dun medio rural, e é menor nas mulleres ca nos homes. Neste sector o uso escrito en galego é moito máis elevado ca o uso oral. Na USC, o 77% redacta os documentos internos en galego e o 11,9% nas dúas linguas; na de Vigo o 60,2% emprega sempre ou maioritariamente o galego na redacción de notas externas, e para a redacción das notas internas faino o 63,3%. As actitudes respecto ao galego son, en xeral, moi favorables. Na súa maioría consideran bastante ou moi importante a cuestión da lingua na universidade e no exercicio da súa profesión. Pensan que o grao de uso desta lingua é insuficiente. Nas dúas universidades unha maioría moi ampla coida que o galego debe ser a lingua habitual da universidade.
c) Profesorado
O 52,2% do profesorado da USC e o 61,9% da UV poden entender, falar, ler e escribir o galego. O coñecemento do galego tende a ser mellor no profesorado nado no rural, e no que aprendeu o galego como primeira lingua. Os docentes amosan a porcentaxe máis baixa de uso do galego. Nas clases utilízao sempre ou maioritariamente un 18,9% na USC e un 16,9% na UV. Cos compañeiros de departamento usa o galego un 25,7% na USC, e un 19,2% na de Vigo. Nas xuntas de centro, un 28% na USC e un 22,7% na de Vigo. E nas relacións coa administración da universidade, un 37% na USC e un 38% na de Vigo. Estes datos poñen de manifesto que a clase é o espazo onde existe maior predominio do castelán, mentres que as relacións de carácter administrativo coa propia universidade son as que máis favorecen o uso do galego. Tamén neste estamento as actitudes cara ao galego son favorables: en xeral consideran que o dominio desta lingua ten importancia para o seu exercicio profesional, pensan que é necesario fomentar o seu uso, incrementar o perfeccionamento da formación en galego, e que o galego debe ser a lingua habitual da universidade. Na USC, unha clara maioría do profesorado inclínase pola utilización das dúas linguas na docencia (táboa 4).
O galego na sanidade
A presenza da lingua galega é moi desigual, dependendo do tipo de servicio, da localización, de se é uso formal ou informal, oral ou escrito, etc. O uso do galego na rotulación é bastante alto tanto nos servicios centrais do Sergas (máis do 90%) coma nos hospitais e centros de atención primaria (máis do 60%). O nivel de utilización do galego, aínda que claramente maioritario, descende na documentación remitida polos servicios centrais aos periféricos e na que a dirección dos centros envía aos profesionais. Tamén é notablemente alto o uso do galego nas publicacións dos servicios centrais e na documentación profesional (follas de pedimento de probas...) dos centros. Pero o galego ten unha presenza moito máis baixa en todo tipo de documentación interna, cun nivel de uso escrito maior naqueles ca nestas. Pódese dicir que o galego está practicamente ausente na escrita profesional dos médicos e enfermeiros, feito que demostra a pouca eficacia práctica en canto ao uso real da lingua propia do establecido no art 84 da Lei 14/1986 do 25 de abril, xeral de sanidade, que di “Nas Comunidades Autónomas con lingua oficial propia, no proceso de selección de persoal e de provisión de postos de traballo da Administración Sanitaria Pública, terase en conta o coñecemento de ámbalas dúas linguas oficiais por parte do devandito persoal, nos termos do artigo 19 da Lei 30/1984”. No nivel oral, o uso do galego é case insignificante como idioma habitual de traballo. No sector dos traballadores a presenza do galego é un pouco maior, aínda que estes o utilizan maioritariamente cando se dirixen a eles nesta lingua. A porcentaxe de médicos e enfermeiros que falan habitualmente galego cos seus compañeiros de traballo non chega ao 5%, aínda que aumenta ata o 10% (médicos) e ata o 30% (enfermeiros) nas relacións con pacientes galegofalantes.
O galego nos medios de comunicación
A Radio e a Televisión galegas emiten exclusivamente en lingua galega, consonte ao establecido no art 18 da LNL: “O galego será a lingua habitual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma”. A Compañía RTVG desempeñou un papel importante como axente normalizador: a) eliminou prexuízos sobre a posibilidade de ofrecer información en galego sobre todo tipo de acontecementos (non só culturais); b) o feito de escoitar os grandes actores dobrados ao galego contribuíu a aumentar a autoestima pola lingua; c) a publicidade en galego induce subliminalmente a identificar esta lingua tamén co éxito social e co éxito económico; e d) actuou como axente difusor dun estándar da lingua, a pesar das deficiencias lingüísticas que presentan moitos dos seus locutores. Cómpre salientar tamén as emisións propias do Centro Rexional de Televisión Española que, desde 1974, realiza emisións propias en galego, aínda que nun horario moi reducido. Existe unha rede de emisoras locais de radio e televisión nas que o galego ten, salvo excepcións, unha presenza importante, pero a súa influencia vese realmente moi difuminada diante do empuxe das televisións privadas de ámbito estatal. Aínda que Antena 3 e Tele 5 teñen algunhas emisións propias en Galicia, o nivel de presenza do galego no conxunto da programación é insatisfactorio. Na radio, unicamente a Radio Galega transmite as 24 horas en galego. Tamén emitiu integramente en galego Radio 4 ata a súa desaparición (1972). RNE1, SER, COPE, Onda Cero, Radio Voz e Radio Obradoiro teñen algunha emisión en lingua galega, pero a súa lingua habitual é o castelán. Na prensa escrita cóntase desde xaneiro de 1994 cun diario que utiliza exclusivamente o galego, O correo galego, á parte do semanario A Nosa Terra. Pero, o nivel de uso, fóra da prensa sectorial ou de ámbito territorial reducido, é irrisorio. A porcentaxe de uso da lingua galega nos xornais non acada o 5%, e esta ademais restrínxese en boa parte a colaboracións literarias ou de carácter cultural e a publicidade de carácter institucional. Están exercendo unha influencia positiva desde o punto de vista lingüístico, a pesar da súa escasa difusión, publicacións comarcais como A Peneira, A Comarca do Morrazo, O Miñor, O Norte, A Nova Comarca do Barbanza e Lalín e Comarca, e non se pode esquecer o compromiso co galego de revistas como Grial, A Trabe de Ouro, Irimia, Encrucillada, Tempos Novos, Revista Galega de Educación e Revista Galega do Ensino. Esta realidade lingüística dos medios de comunicación ten uns efectos sociais totalmente negativos polo seu carácter deformante da realidade lingüística de Galicia, xa que presenta os feitos noticiables nunha lingua que non se corresponde coa da maioría da sociedade, e en moitos casos mesmo vertendo ao castelán noticias que se produciron en galego. Os medios de comunicación constitúen probablemente o instrumento máis poderoso para instaurar determinados valores sociais, culturais e lingüísticos, por iso é especialmente grave que a imaxe lingüística que no seu conxunto están transmitindo en Galicia sexa unha imaxe deformada, que non responde nin á historia nin ao ser da sociedade galega. Con respecto á presenza do galego na Internet, cómpre dicir que Galicia se incorporou (1993) á Word Wide Web. Foi o departamento de electrónica e sistemas da Universidade da Coruña quen creou a primeira páxina Web en Galicia. Pouco despois (1995), apareceron as da USC e as do Centro de Supercomputación de Galicia. En 2003 existen ao redor de 4.000 páxinas Web en Galicia, moitas delas con versión nas dúas linguas: o galego aparece nun 34% delas, o castelán nun 70%. Destacan neste aspecto o portal da Xunta de Galicia, o da CRTVG, os das tres universidades de Galicia, o do Consello da Cultura Galega, o do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Vieiros.
O galego na produción cultural
Desde o momento da aprobación da Constitución Española e da instauración da autonomía de Galicia, a presenza da lingua galega na produción cultural vén experimentando un incremento constante, pero inda distante da situación desexable. O novo marco xurídico, a presenza do galego no ensino e na administración, as axudas institucionais, a desaparición de determinados prexuízos sociais respecto ao galego, a extensión do galego como lingua vehicular non só de temas do ámbito lingüístico e literario, senón de calquera tema do mundo das ciencias, das humanidades ou da divulgación, reforzaron o desenvolvemento das editoriais que viñan publicando en lingua galega, e posibilitaron a aparición doutras novas cunha produción exclusiva ou maioritaria en lingua galega. Estas empresas están facendo un esforzo enorme pola normalización da nosa lingua nun sector tan importante como é o do libro. Cabe mencionar, polo seu compromiso coa edición en lingua galega, editoriais como Galaxia, Edicións Xerais, O Castro, Sotelo Branco, Ir Indo Edicións, O Cumio, Vía Láctea, Laiovento, Fontel, Galinova, Positivas, Bahía e Espiral Maior. Pero á hora de analizar a produción editorial en galego non se pode esquecer a das institucións como a propia Xunta de Galicia, as deputacións provinciais ou as universidades. O incremento da publicación de libros en galego foi constante nas dúas últimas décadas, aínda que parece que a tendencia ao crecemento se estancou nos últimos anos (gráfica 8). A pesar deste incremento, o nivel global de produción é aínda baixo, sobre todo en determinados ámbitos técnicos e científicos. O aumento das publicacións en galego foi superior porcentualmente ao que tivo lugar nas outras linguas oficiais de España, pero cómpre ter en conta que a situación de partida de libros editados en galego era realmente moi baixa. Neste incremento ocupa un lugar destacado o libro de texto, e a tradución de obras da literatura universal ao galego, particularmente obras de literatura infantil e xuvenil. Os premios literarios constitúen un aliciente no mundo da creación en galego, e neste aspecto cómpre salientar, entre outros, os premios Xerais e Merlín (de Edicións Xerais), o Barco de Vapor de literatura infantil, os Premios da Crítica Galicia, o Eduardo Blanco Amor de novela longa, o García Barros, o Riccardo Carballo Calero, o Miguel González Garcés, o Rafael Dieste, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio Cidade de Ourense, o Esquío de poesía e o Martín Codax. Nos últimos anos produciuse tamén un desenvolvemento realmente importante do teatro galego, do que son síntoma claro os festivais e mostras como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Mostra de Teatro Infantil Xeración Nós, a Mostra de Teatro Cómico-festivo de Cangas, a Mostra de Teatro Galaico-portugués de Cariño, a Feira do Teatro de Santiago e a Mostra Internacional de Teatro universitario de Ourense, así como os Premios María Casares. Destacar ademais o labor do Centro Dramático Galego (de carácter institucional) e o das compañías privadas como Ollomoltranvía, Teatro do Noroeste, Chévere, Áncora Producións, Teatro de Aquí, Matarile, Sarabela Teatro, Monicreques de Kukas, Cachirulo e Talía Teatro, amais dun gran número de grupos afeccionados que percorren toda Galicia. A produción cinematográfica en galego é aínda incipiente. De todos os xeitos hai que valorar positivamente os esforzos que se están levando a cabo neste campo, grazas sobre todo á colaboración entre o sector privado e a administración autonómica, e á que nos últimos anos se sumou tamén a TVG. Gracias a esta colaboración foi posible a realización de longametraxes como Sempre Xonxa, Continental, Urxa e A metade da vida. Outra liña de incorporación do galego á cinematografía é a versión de filmes, ben desde o castelán, ou desde outras linguas, como é o caso de A noiva de medianoite; Dáme lume; Dáme algo; O pico das viúvas; Un amor por descubrir e Os luns ao sol. No labor de dobraxe ao galego sobresae, sobre todo, a importancia da TVG, que verte ao galego todas as súas proxeccións de filmes. Dentro da influencia positiva neste ámbito da TVG débese sinalar tamén a realización de teleseries de produción propia en lingua galega como Mareas vivas, Pratos combinados, Rías Baixas, Galicia Exprés ou Terra de Miranda. Na produción musical, deixando a un lado a música tradicional, o primeiro intento serio de incorporación da lingua galega ás tendencias musicais do momento foi a irrupción de Voces Ceibes, a finais dos anos 60 e comezos dos 70. Nos últimos anos obsérvanse dúas grandes liñas principais dentro da música en galego: unha, que se pode denominar xenericamente “celta”, de inspiración popular pero con adaptación aos novos gustos, e outra no ámbito do pop rock, sobre todo o rock bravú. Estas dúas tendencias lograron conectar fortemente coa mocidade galega, e están a exercer unha influencia positiva nese sector, o máis desgaleguizado.
O galego na empresa
En xeral, os empresarios móstranse bastante indiferentes con respecto ao uso do galego na empresa. Non teñen nada en contra da galeguización da empresa, pero seguen utilizando o castelán por varias razóns: en primeiro lugar por costume; en segundo lugar, porque galeguizar a empresa supón facer un investimento maior ou menor que non están dispostos a facer; e, en terceiro lugar, porque están convencidos de que a galeguización non leva consigo beneficios. No ano 1995 publicouse o estudo Publicidade e lingua galega. Os consumidores ante o uso do galego na comunicación publicitaria e nas relacións comerciais en que se afirmaba que o 80% da poboación se manifestaba a favor da publicidade e a etiquetaxe de produtos en galego, un 10% mostrábase indiferente, e só un 5% estaba en contra. En canto ás relacións comerciais, o 75% prefería que o atendesen en galego, o 21% declarábase indiferente á lingua, e unicamente o 3,1% estaba en contra. Outro estudio, Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua en Galicia (1997), con resultados semellantes, analizaba a viabilidade comercial e as potencialidades comunicativas da lingua galega no mundo empresarial, desde dous puntos de vista: o da receptividade dos consumidores e o da dispoñibilidade do empresariado. Como punto de partida cómpre ter en conta que o galego é o idioma habitual de máis de dous tercios dos potenciais consumidores, polo que cabe supoñer que existe un mercado potencial para a comunicación empresarial en galego dentro de Galicia. E, desde a óptica do empresariado, cómpre ter en conta que a presenza do castelán é resultado de circunstancias históricas que xeraron inercias favorecedoras da exclusión do galego no ámbito comercial, e que xa non son válidas no momento presente. Pero existen factores e circunstancias que inda actúan en contra da xeneralización do galego neste ámbito (dependencia de responsables empresariais radicados fóra de Galicia; a expansión exterior leva consigo un tratamento lingüístico uniforme para dentro e fóra de Galicia para aforrar custos, etc). A pesar da inercia favorecedora do castelán e certos factores que frean a expansión do galego no mundo empresarial, existe un número importante de empresas, das que poden ser paradigma as que integran a Fundación Galicia-Empresa, que avanzan na asunción do galego nas súas estruturas empresariais en Galicia e na comercialización e difusión dos seus produtos e servicios dentro da comunidade autónoma.
O galego na Igrexa
Un 70% das misas celébranse en castelán, un 22,8% parcialmente en galego e só un 7,2% totalmente en galego, a pesar das recomendacións (1976) do Concilio Pastoral de Galicia de que en todas as parroquias de Galicia debe haber algunha misa en galego e de que naquelas onde o galego sexa a lingua habitual da poboación a liturxia debe ser integramente en galego. Aínda que hai unha clara maioría favorable ao galego nas prácticas litúrxicas, existe unha minoría oposta que resulta ser decisiva no comportamento lingüístico do mundo eclesiástico. Trátase dunha minoría practicante, de idade avanzada, instalada no castelán, integrada maioritariamente por mulleres e que se sitúa predominantemente no hábitat vilego.
A proxección internacional do galego
En case todos os países onde a emigración galega adquiriu certa importancia, creáronse determinadas asociacións nas que se conxugaba con frecuencia a protección dos seus membros coa defensa e conservación entre eles da cultura galega. Cando, coa Guerra Civil, o galego deixou de ser vehículo de expresión cultural formal, foron as grandes capitais dos países en que a emigración galega tiña maior peso as que tomaron o relevo na produción editorial en galego. As editoriais fundadas en países como Argentina, México, Cuba, Venezuela, Uruguay, Brasil ou EE UU polos emigrantes fixeron posible que saíran á luz un gran número de creacións literarias, de traballos de investigación, de reedicións de clásicos galegos, de ensaios de carácter político, de revistas e xornais culturais e literarios. Por iso os poderes públicos de Galicia teñen o deber de velar polo mantemento da cultura e da lingua galega nestes importantes colectivos, segundo manda a LNL e a Lei de Recoñecemento da Galeguidade. Como resultado desta obriga realízanse cursos de lingua, de literatura e doutros aspectos culturais nas asociacións de galegos en todas as partes do mundo. Estes cursos deben cumprir, entre outras, a función de axudar a preparar lingüisticamente os galegos da diáspora e os seus descendentes para a integración social e laboral daqueles que decidan regresar a Galicia. Co propósito de proxectar o galego fóra das súas fronteiras administrativas, darse a coñecer en todos os ámbitos e tratar de ser recoñecido internacionalmente, creáronse as seguintes iniciativas: a) creación de Centros de Estudios Galegos, máis de corenta, en universidades de distintos países (Oxford, Birminghan, Heidelberg, Trier, San Petersburgo, París III, City University of Nova York, Universidade da Sapienza de Roma, Perugia, etc); b) os cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros, organizados desde 1987 polo ILG, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, aos que acoden universitarios de todos os países; c) a participación cada vez máis activa en feiras e exposicións internacionais relacionadas coa lingua e coa produción cultural (feiras internacionais do libro, Expolangues, etc); e d) a promoción de traducións das obras de escritores galegos a outras linguas.
Galego estremeiro
Xeografía e demografía: a situación do galego en Asturias, León e Zamora
O galego fálase en 18 concellos da Terra Eo-Navia do estremo occidental de Asturias: Tapia de Casariego, El Franco, Coaña, Castropol, Boal, San Tirso de Abres, Vegadeo, Illano, Taramundi, Villanueva de Oscos, San Martín de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, Pesoz, Grandas de Salime, Navia, Allande, Villayón e Ibias. A poboación [estim 2001] é de 44.916 h, pero nas parroquias orientais dos catro últimos concellos citados fálanse variedades próximas ao asturiano occidental. En León fálase en 19 concellos: no ancarés de Candín e nos bercianos occidentais de Vega de Espinareda, Villafranca del Bierzo, Balboa, Vega de Valcarce, Barjas, Oencia, Trabadelo, Corullón, Sobrado, Cacabelos, Villadecanes, Carracedelo, Carucedo, Borrenes, Puente de Domingo Flórez, Arganza, Camponaraya e Priaranza del Bierzo. A poboación [estim 2001] é de 31.038 h, pero nos tres últimos concellos citados só parte deles é galegófono; ademais, no concello de Ponferrada hai algún núcleo galegófono e na cidade de Ponferrada vive un número indeterminado de falantes procedentes de zonas do Bierzo, ademais de neofalantes. Nas Portelas de Zamora o galego fálase nos concellos de Porto, Pías, Lubián e Hermisende, que están a ter un acelerado proceso de despoboamento e de envellecemento, pois a poboación pasou de 2.031 h [estim 1981] a 1.397 [estim 2001]. A esta poboación hai que engadir uns 100 h de Calabor (concello de Pedralba de la Pradería) que falan unha variedade galega.
Uso do galego
O informe, elaborado por X. Rubal, D. Veiga e N. Arza (1992), relativo á situación sociolingüística do alumnado e do profesorado non universitario nas comarcas estremeiras con Galicia deixa ver un forte retroceso no uso do galego entre a xeración dos avós, a dos pais e a dos netos, especialmente no Bierzo.
Lingua materna
Segundo ese informe, en porcentaxes globais o galego era lingua de instalación inicial do 55% dos pais, do 55,9% das nais e do 36,6% do alumnado. Neste grupo, a maior galeguización inicial rexistrábase na clase social máis baixa, nos nacidos en hábitats rurais e nos subgrupos en que os pais posuían os niveis de estudios máis baixos. Na Terra Eo-Navia o galego era a lingua materna de 2/3 dos pais (63,5%) e das nais (64%), mentres que descendía ao 43,8% no alumnado. No Bierzo un terzo escaso de pais (31,5%) e de nais (30,7%) tiña o galego como lingua materna, proporción que baixaba ao 16,7% no alumnado. Nas Portelas o galego era lingua materna do 84,6% dos pais, do 100% das nais e do 73,1% do alumnado.
Usos lingüísticos
Sumando as porcentaxes de “só galego” e “máis galego” do informe citado, pode apreciarse que no ámbito familiar o uso era moi alto nas Portelas, relativamente alto na Terra Eo-Navia e baixo no Bierzo, especialmente na xeración de pais e fillos. Na franxa que forman as comarcas estremeiras o nivel de uso é moi elevado na xeración dos avós (Asturias, 75,8%; León, 63,97%; Zamora, 74,97%). O uso do galego entre os pais é alto en Asturias (60,77%), baixo en León (24,55%) e moi alto en Zamora (76,9%). As porcentaxes de uso do galego dos pais cos fillos e destes cos pais son semellantes nas tres zonas estudiadas (Asturias, respectivamente, 47,3% e 43,45%; León, 15,07% e 12,3%; Zamora, 88,8% e 84,69%). No ambiente escolar, o uso do galego co alumnado polo profesorado é insignificante (Asturias, 3,5%; León, 5,6%; Zamora, 8,02%). Insignificante é tamén o uso do galego do alumnado cos compañeiros (León, 6,81%; Asturias, 28,35%; Zamora, 73,1%).
Status legal
Estatutos de Autonomía del Principado de Asturias e Castela e León
No Estatuto de Autonomía del Principado de Asturias (1981) a protección estatutaria afecta ao bable “en sus diversas variantes que, como modalidades lingüísticas, se utilizan en el territorio del Principado de Asturias” (art 10.1.n). O art 4 unicamente sinala que o bable será protexido, que se difundirá o seu uso e que se introducirá no sistema escolar, pero de xeito voluntario e atendendo ás variantes locais. A única lingua oficial é a castelá e só se deixou constancia da existencia de “modalidades lingüísticas”, sen modificaren os art 4 e 10.1.n, na reforma do Estatuto (1999). O Estatuto de Autonomía de Castela e León (1983) trataba no art 26.16 do fomento das “distintas modalidades culturales de la Comunidad”, pero non facía referencia ningunha ás “modalidades lingüísticas” do occidente (galego, asturiano, ou leonés, e portugués). Este Estatuto, reformado en 1999, establece no art 4.2 que gozarán “de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares que habitualmente se utilicen”.
Estatuto de Autonomía de Galicia e Lei de Normalización Lingüística (LNL)
No art 2º do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932) afirmábase que podería agregarse a Galicia “cualquier territorio limítrofe de características históricas, culturales, económicas y geográficas análogas, mediante los requisitos que las leyes generales establezcan”, mentres que no Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) xa non se recolle esta mención. Na LNL (1983) hai mención expresa desa galeguidade no art 21.2 do Título V (Do galego exterior), onde se establece que se “fará uso do previsto no art 35 do Estatuto de Autonomía a fin de protexer a lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma”. Idéntica referencia á protección do galego en Asturias, León e Zamora, en colaboración cos gobernos das comunidades lindantes con Galicia, encóntrase no art 4.12 do Decreto 221/1990, do 22 de marzo, polo que se crea a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística. Entre os seus obxectivos está a “protección da lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma en colaboración cos seus respectivos gobernos”.
Proposicións non de lei
En novembro de 1982, a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha proposta do partido nacionalista Esquerda Galega “sobre a cooperación da Comunidade Autónoma no ensino e a protección da lingua galega nas comarcas de Asturias occidental, o Bierzo e Sanabria coas comunidades de Asturias e Castela e León”. E en decembro de 1988 o Parlamento de Galicia aprobou outra proposición non de lei, tamén de EG, “sobre o ensino e a protección nos territorios de fala galega administrativamente integrados nas CC. AA. de Castela e León e Asturias” na que se instaba á Xunta de Galicia á aplicación da Resolución de novembro de 1982 relativa á cooperación entre Galicia e as comunidades veciñas para o ensino do galego. A Comisión de Educación y Cultura del Congreso de los Diputados, a proposta do BNG, aprobou, por unanimidade (9.4.1997), un texto polo que o Congreso “insta al Gobierno a que en colaboración con la Junta de Castilla y León estudie la posibilidad de que en función de las disponibilidades de profesorado y de la demanda de alumnado, se pueda impartir la Lengua Gallega en la Zona Oeste del Bierzo”. En novembro de 2000, a Comisión de Educación de la Asamblea Legislativa de Castela e León aprobou unha proposición non de lei coa que se insta á Junta de Comunidades de Castela e León para que, a partir do curso 2001/2002, se implante o ensino de galego como materia optativa en todos os centros de titularidade pública de ensino primario ou secundario nos territorios limítrofes con Galicia que utilicen maioritariamente o galego. En xuño de 2001, e aprobada en febreiro de 2002, Felipe Lubián, procurador das Cortes de Castela e León e alcalde galegófono de Lubián, e dous procuradores do PSOE asinaron unha proposición non de lei para debate e aprobación na Comisión de Educación y Cultura de Castela e León para que se introduza o galego na Escuela Oficial de Idiomas de Ponferrada para o curso 2001/2002.
A reivindicación da galeguidade lingüística
A Terra Eo-Navia
O pioneiro foi o Grupo de Eilao Pro-Defensa da Nosa Lingua (1986), que xurdiu para opoñerse a unha posible transculturización na Terra Eo-Navia, despois de que a Consejería de Educación, Cultura, Deportes y Juventud del Gobierno del Principado organizara o I Curso de lengua asturiana para enseñantes de la zona asturgalaica. O Grupo de Eilao autodisolveuse en 1988 na Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA), que ten entre os seus obxectivos a promoción do uso do galego e a procura do recoñecemento oficial polas autoridades asturianas de que no extremo occidental de Asturias se fala galego. En novembro de 1990, a Asociación Cultural Xeira denunciaba a “galeguización desmesurada” da MDGA á vez que rexeitaba “cualquier política que quiera imponer unas directrices educativas gallegas que en Asturias estarían totalmente fuera de lugar”. Segundo Xeira, “en el territorio comprendido entre el Eo y el Navia se habla una mezcla de gallego y asturiano con unos rasgos que varían de un lado a otro”.
O Bierzo
A Mesa pra Defensa do Galego do Bierzo e da Cultura da Comarca (MDGB, 1990) naceu co obxectivo de establecer o galego como materia de aprendizaxe optativa no ensino primario, sen descartar outras reivindicacións como a administración bilingüe ou a promoción do uso social do galego nos concellos próximos a Galicia. As iniciativas pioneiras para a galeguización do ensino primario no Bierzo realizáronse no colexio público rural agrupado Jimena Muñiz de Corullón, onde nos anos 80 se introduciu o galego como lingua habitual das relacións escolares e onde se empezou a redactar a revista escolar bilingüe A Curuxa (1984). En Villafranca del Bierzo as iniciativas para a revitalización da lingua e da cultura galegas parten, fundamentalmente, da Asociación Cultural Escola de Gaitas (1981) que se centrou na recuperación dos costumes tradicionais (magostos, xogos, fogueiras, festa do Maio...). En Ponferrada, o Colectivo Cultural Fala Ceibe (1998) ten realizado diversas campañas para reclamar ensino voluntario de galego no Bierzo. No relativo á recollida da lingua e á tradición oral do galego, destaca o labor de Aquilino Poncelas e de Alicia Fonteboa.
As Portelas
A reivindicación da galeguidade lingüística e cultural levárona a cabo, fundamentalmente, os membros da Asociación Cultural Xente Nova de Lubián, dos que o principal dinamizador era Felipe Lubián. Mestres desta asociación usaban nos anos 80 e 90 o galego como lingua habitual do ensino, á vez que o empregaban en actividades extraescolares.
Iniciativas institucionais
Asturias: protección do “gallego-asturiano”
O ensino voluntario da fala (ou falas) da Terra Eo-Navia iniciouse no curso 1990-1991 no colexio público Ramón Campoamor de Navia, e desde 1993 tamén se ensina no C. O. Príncipe de Asturias de Tapia de Casariego. No curso 2000-2001 eran 234 os alumnos que voluntariamente estudiaban galego-asturiano neses dous centros e no CPRA Castropol e CPRA Villayón. No que respecta á sensibilización social do uso das linguas de Asturias, o 1 de decembro de 1993 a Dirección Regional de Educación del Principado comezou unha campaña de promoción do uso do asturiano co lema Di-yo n’asturiano, que na Terra Eo-Navia se substituíu polos lemas As cousas pol sou nome e Diyo na túa fala. En abril de 1995 o goberno do Principado modificou os Estatutos de la Academia de la Llingua Asturiana: no apartado k do art 1 estableceuse que, a todos os efectos, a Academia “promoverá y velará por la variante lingüística gallego-asturiana o astur-galaica”, polo que unha academia dun idioma -o asturiano- pasa a ter competencias sobre outro idioma -o galego. Os responsables da Academia e da Junta General del Principado evitan sistematicamente a denominación galego. En 1996, no seo da Academia de la Llingua Asturiana creouse a Secretaría Llingüística del Navia-Eo, que no verán de 1996 comezou a edición da revista Entrambasauguas. A revista del Navia-Eo. En 1998 a Junta General del Principado de Asturias aprobou a Lei de uso e promoción do bable/asturiano, que segue sen aplicarse. O art 2º trata do chamado galego-asturiano: “El régimen de protección, respeto, tutela y desarrollo establecido en esta Ley para el bable/asturiano se extenderá, mediante regulación especial al gallego/asturiano en las zonas en las que tiene carácter de modalidad lingüística propia”. E na disposición adicional desa Lei dise que o galego-asturiano “tendrá un tratamiento similar al asturiano en lo que se refiere a protección, respeto, enseñanza, uso y tutela en su ámbito territorial”.
Castela e León: reivindicación de cooficialidade desde os concellos
Varios cargos públicos realizaron manifestacións en defensa da galeguidade da comarca: o alcalde de Borrenes (1995) reclamaba a instalación dun repetidor da TVG no Bierzo e o alcalde de Balboa (1994) afirmaba que consideraba desexable a iniciativa de ensinar galego nas escolas bercianas, xa que contribuiría ao recoñecemento da identidade e a que os nenos galegofalantes non abandonasen a lingua propia ao seren escolarizados. No verán de 2000 comezou unha “revolta” de alcaldes de concellos galegófonos da mancomunidade do Bierzo oeste, que ameazaron con propugnaren a anexión a Galicia de non seren atendidos pola Junta de Comunidades de Castela e León os seus pedimentos para investimentos. Comezou esa “revolta” a alcaldesa de Vega de Valcarce, e máis tarde, entre outros falaron de posible segregación o alcalde de Carucedo e o de Borrenes. O grupo municipal de Renovación por Valcarce presentou unha moción (24.2.2001) ao pleno con cinco puntos: 1) declaración do galego como lingua propia e cooficial; 2) declaración do galego como patrimonio cultural do concello; 3) solicitude ao Instituto de Estudios Bercianos dun nomenclátor toponímico; 4) introdución da rotulación bilingüe; 5) introdución progresiva da documentación municipal en bilingüe. A moción foi aprobada por unanimidade, polo que este concello se converteu no primeiro das comarcas estremeiras onde se declarou cooficial o galego. Pero debido a presións do goberno de Castela e León, o goberno municipal revogou (30.8.2001) ese acordo. Na administración municipal do concello de Lubián o galego vén sendo, desde hai anos, a lingua dos plenos destes concellos, aínda que non o é das actas; por outra parte, nos bandos do concello emprégase o galego, a carón do castelán. Este concello aprobou por unanimidade (4.4.2001) unha moción que presentara o alcalde, coa que se “declara la cooficialidad del gallego para que sea utilizado en el mismo plano de igualdad que el castellano en este Ayuntamiento y en su término municipal”.
Galicia
a) Proposta do Consello da Cultura Galega ao MEC
Para frear a desgaleguización lingüística e cultural e para contribuír á normalización do galego nos concellos galegófonos de Asturias, León e Zamora, o Consello da Cultura Galega elevou unha proposta (1990), que nunca recibiu resposta oficial, ao ministerio de Educación e Ciencia en que se solicitaba o establecemento urxente dun plano de medidas mínimas inmediatas para introducir como materias obrigatorias a lingua e a literatura galegas nos centros da franxa exterior, á vez que debería posibilitarse a incorporación do galego como idioma vehicular do ensino e da administración educativa.
b) Acordo da Xunta de Galicia coa Junta de Comunidades de Castela e León
A Xunta de Galicia comezou a conceder subvencións (1988) á MDGA para as súas publicacións e investigacións lingüísticas, subvencións ultimamente simbólicas; e no Bierzo comezou a colaborar (1991) coa MDGB co financiamento de cursos de lingua galega, á vez que financiou actos e publicacións da Escola de Gaitas ou o Atlas Lingüístico de El Bierzo (1996). Por outra parte, a Xunta de Galicia solicitoulle ao ministerio de Educación e Ciencia un profesor para dispensar clases de lingua galega a escolares de Galicia que cursaban o EXB no centro Virgen de la Luz (Puente de Domingo Flórez), polo que no curso 1989-1991 comezou a dárselles galego obrigatoriamente aos escolares procedentes do concello ourensán de Rubiá, e voluntariamente aos bercianos que o desexaban. No curso 1998-1999 eliminouse esa clase optativa, oficialmente por falta de demanda. Os conselleiros de Educación de Galicia e de Castela e León asinaron (18.6.2001) en Villafranca del Bierzo un acordo de colaboración para a “promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das Comunidades Autónomas (O Bierzo e Sanabria)”. No punto VII da exposición faise referencia á proposición non de lei da Comisión de Educación y Cultura de Castela e León que posibilita “a implantación do ensino da lingua galega, como materia optativa, nos centros públicos que impartan o ensino primario ou o ensino secundario nos territorios de Castela e León, limítrofes coa Comunidade Autónoma de Galicia, que utilicen maioritariamente a lingua galega”. No curso 2001-2002 comezou a aprendizaxe dunha hora semanal de galego no horario do coñecemento do medio a uns 150 alumnos nas escolas bercianas de primaria de Cacabelos e de Corullón e nas de Paradela do Río e Parandois de Toral de los Vados, asimiladas á escola de Cacabelos. Esta oferta non se axusta ao acordado, pero aínda así, trátase dun fito histórico para as comunidades galegofalantes de Castela e León.
c) Real Academia Galega
O art 4 dos seus reformados Estatutos (Real Decreto 271/2000, do 25 de febreiro) explicita que por idioma galego se entende “o propio de Galicia, así como as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)”.
A codificación da lingua
A pesar das diferencias, o galego é o mesmo idioma ás dúas bandas das fronteiras administrativas, en Vegadeo e en Ribadeo, en Grandas e na Fonsagrada, en Villafranca del Bierzo e en Pedrafita do Cebreiro, en Lubián e na Gudiña, polo que toda codificación debe ter como referencia o galego común, sen deixar de lado solucións destas comarcas. Publicáronse dúas propostas de normas para as variedades estremeiras, as dúas para a Terra Eo-Navia.
As normas do “galego de Asturias”
A MDGA publicou unhas Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990) que pretenden ser “unha norma del galego común asturiano, porque non pode haber unha norma prá fala da Veiga e outra prá de Tapia ou Ibias. É necesario el sacrificio de soluciois particulares na busca dun estándar que recolla da mellor maneira a realidade falada nos diferentes concellos”. Na súa redacción partiuse de dous principios básicos: 1º) as falas do estremo occidental de Asturias son variedades do galego oriental; 2º) o referente é o galego común, pero respectando a personalidade lingüística das variedades galegas da Terra Eo-Navia. Isto explica, por exemplo, que na formación do feminino dos nomes especiais apareza para can a forma cadela, pero tamén cuza e canza e para galo a forma galía ‘galiña’; que no paradigma do artigo apareza el, que no dos posesivos figuren tou e sou e no dos pronomes persoais elos. Pero formas coma estas levan ao seu carón as do galego común, que son as usadas nos concellos asturianos de San Tirso de Abres, Taramundi e as parroquias de Abres e Guiar (Vegadeo) e nos Coutos (Ibias). Nos paradigmas verbais, sobre todo nos irregulares, propóñense ás veces formas exclusivas do galego de Asturias, sen o dobrete do galego común; é o caso de fer ‘facer’, fía ‘facía’; ouguir ‘oír’, uzco ‘oio’, uzca ‘oia’, etc.
As normas do “gal(l)ego-asturiano”
A Consejería de Educación del Principado de Asturias editou unha Proposta de normas ortográficas y morfolóxicas del gal(l)ego asturiano (1993) que “pretenden ofrecer á xente que quira escribir a súa fala, úa ferramenta cua que representar dafeito os sous rasgos (l)lingüísticos”, para o que se quixeron “dar us conseyos abertos y respetuosos cuas particularidades locales mais sin perder de vista as solucióis normativas del ga(l)ego y tamén del asturiano”. A pesar das referencias ao galego, non hai unha definición sobre a adscrición lingüística desta área xeográfica, pois non se aclara se é zona de lingua galega ou de lingua asturiana. Non se tivo en conta o proceso de codificación gráfica do galego (s XX), xa que se emprega o apóstrofo, non se segue un criterio etimolóxico no uso das grafías b e v, úsase o h antietimolóxico (hirmao) e acéptanse vulgarismos (perfeuto), a preposición pa por para, formas como verdá, participios en -ao a carón de -ado, etc. Emprégase ademais o y (abeya), á vez que se potencian variantes fonéticas minoritarias (chía por chea). En conxunto, pártese basicamente das formas da Mariña asturiana, ignorando as das outras zonas da Terra Eo-Navia. O obxectivo final é “asturianizar” e, polo tanto, “desgaleguizar”.
“Galego” de Cáceres
Na serra de Gata, nos concellos cacereños de Valverde del Fresno, Eljas e San Martín de Trevejo úsase, segundo Lindley Cintra, un “falar também essencialmente galego”. A existencia dese “galego” no val de Eljas débese ás repoboacións medievais de Fernando II e, sobre todo, de Afonso VIII, que levaron xente do seu reino á actual zona portuguesa do río Coa e ás zonas veciñas de Salamanca e Cáceres. Pegadas deses asentamentos medievais son topónimos como Galegos e Galegas e a presenza do grupo dialectal formado polo valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, que proceden da lingua medieval falada por estes repoboadores. Este grupo dialectal, que pouco ten que ver co portugués moderno ou coas falas portuguesas fronteirizas da Extremadura española, constitúe un falar esencialmente galego (con algúns leonesismos).
Características lingüísticas
Hai trazos comúns ás falas galegas e portuguesas, como formas aditongadas (porta, herba); ditongos decrecentes oi, ei (noiti, oito, dereitu, maeira ‘madeira’), mesmo en formas insólitas en galego (oitru ‘outro’, poicu ‘pouco’, ei ‘eu’ e posesivos mei ‘meu’, tei ‘teu’, sei ‘seu’); mantemento de F- (fariña); perda de -L- (ceu, muíñu/muñu) e de -N- (coellu); redución da xeminada -LL- (aquela, martelu) e de -NN- (anu); resultado palatal dos grupos -LJ-, -K’L- e -G’L- (allo, abella, tella) e artigo o(s), a(s). Hai fenómenos comúns ao galego e ao portugués setentrional, especialmente trasmontano, como betacismo (chavi, bo viñu); mantemento da africada prepalatal [tÙʃ] (chover); terminación -o [u] na P3 dos perfectos fortes (disso/dixo, feio/fido/fizo ‘fixo’) e radicais fag-[o, -a, -as...] e viñ-[e, -estes, -o...-era...]. Outros trazos son propios do galego fronte ao portugués (ausencia de fonemas vocálicos nasais e existencia do fonema nasal velar) ou ben do galego oriental e do portugués (escutar, luta). En Valverde hai un sistema semellante ao dos falares galegos non seseantes, maioritario no galego oral: /ʃ/ deixal, xugu (e nalgúns casos /ʃ/ > /x/ jovis ‘xoves’, ajudal ‘axudar’), /s/ sete, casa e /θ/ doci, quinci. En Eljas e San Martín hai un sistema arcaico de sibilantes en parte semellante ao dos falares galegos da Limia Baixa ourensá e ao de Hermisende (Zamora), con distinción entre as palatais fricativas sonora [Z] de genti, jovis, e a xorda [ʃ] de axín ‘pemento’, caixa, oposición característica do portugués moderno fronte ao galego; e tamén se conservan distincións medievais entre xordas e sonoras dentoalveolares, como ocorre entre [s] de seti, passal e [z] de casa ou entre [θ] de ceu, forza e [d]/[ð<] de quindi, naridis (sg narí). No plural das palabras oxítonas en -n rexístrase a solución -ns do galego occidental (e do estándar) en Valverde (ladróns) e a solución -s do galego central en Eljas e en San Martín (lairós). E nas palabras polisílabas en -l a solución xeral é -is en todo o val de Eljas (animais, azuis/aduis), como en portugués e galego estándar e nos monosílabos a solución é -les (males). Nas terminacións -ĀNŬ, -ĀNĂ a solución de singular dos tres concellos é -án (verán, man; miñán, ran) do galego occidental. No plural en Valverde a solución é -áns (veráns, mans; miñáns, rans) do galego occidental, mentres que en Eljas e San Martín o resultado de -ĀNĀS é -ás (miñás, ras) do galego centrooriental e o de -ĀNŌS é -ás (verás, mas) de falares de transición entre o galego occidental e o central. Nos pronomes átonos hai teísmo, como en portugués, e rexístrase o pronome le(s) e non lle(s), como en falas de Zamora. Nos demostrativos as formas neutras son isto/aquisto, iso/aquiso e aquilo. No léxico coexisten sinónimos de distribución dialectal por toda Galicia, como estadunchu-funqueiru e cerdeira-cereixeira. Hai arcaísmos como mu (fem múa), argolas, migrá ‘granada’ ou o verbo estoxar ‘aforrar’. Son de emprego xeral fenómenos morfosintácticos que, de entrada, poderían parecer castelanismos, como a anteposición dos pronome átonos ou o uso do auxiliar haber no tema de perfecto (has uiviu ‘oíches’). En todo o val -e > -i (alboroqui, mércolis), como en asturleonés; e, como neste dominio e en portugués, -o > -u (comerciu, cestu). Tamén hai trazos propios destas falas, como a perda de -d-, especialmente en Eljas e San Martín (boa ‘boda’, universiai ‘universidade’) e formas como mairi ‘madre’ e peira ‘pedra’, en San Martín e en menor medida en Eljas.
Situación sociolingüística
Segundo X. H. Costas González (1999), todo o mundo usa a fala en familia e no ámbito social, sobre todo en Eljas e San Martín (táboa 5). Polo que respecta á consideración da adscrición da fala dos tres concellos do val de Eljas o 22% cre que é un chapurreado de fronteira, unha mestura entre portugués, leonés e castelán; o 21% coida que é máis ben unha variante galega ou unha fala estreitamente emparentada co galego; o 13% cre que se trata dunha variante portuguesa moi castelanizada; o 15% supón que é un antigo dialecto asturleonés; o 11% di que é unha mestura de galego ou portugués con asturiano e o 18% restante afirma que non saben o que pode ser nin de ónde pode vir. Ten moi pouca tradición literaria e destacan o conto costumista de López Vidal de 1910, contos populares en mañego e os sainetes valverdeiros de López Lajas dos anos 30 do s XX. Desde os anos 70 do s XX editáronse poesías e traballos non literarios da autoría de Domingo Frades e Severino López, dinamizadores da asociación Fala i Cultura do Val do Riu Ellas (1991). No Estatuto de Autonomía de Extremadura non se fai ningunha mención ao “galego” de Cáceres nin ás falas portuguesas de Olivença e doutros lugares da rexión. O decreto 45/2001, do 20 de marzo, da Consejería de Cultura de la Junta de Extremadura, declarou “Bien de Interés Cultural la ‘A Fala’”, habla viva que existe en el Valle de Xálama y más en concreto en las localidades de San Martín de Trevejo, Eljas y Valverde del Fresno