Fraga Iribarne, Manuel
Político. Fillo de galego e de vasco-francesa, pasou un breve período da súa infancia en Cuba, de onde regresou aos catro anos. Iniciou os estudios de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1939 e continuounos na Universidad Complutense de Madrid. Acadou a licenciatura en 1944 e doutorouse coa tese Luis de Molina y el derecho de guerra. Tamén se licenciou en Ciencias Políticas e Económicas pola Universidad de Madrid. Rematados os seus estudios universitarios optou por presentarse a oposicións, nas que acadou o número un da súa promoción; no ano 1945 ingresou no Corpo de Letrados das Cortes Españolas e dous anos máis tarde na Escuela Diplomática; posteriormente gañou a cátedra de Dereito Político da Universitat de València (1948) e a de Teoría do Estado e Dereito Constitucional da Universidad Complutense de Madrid (1953), que ocupou ata a súa xubilación como docente en 1987. Principiou a súa actividade política oficial en 1951 como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica, considerándose a si mesmo máis como un tecnócrata preocupado por unha boa administración, que como un político. Nos cinco anos seguintes fíxose cargo de varias secretarías xerais: a da Comisión Española de Cooperación con la UNESCO, a do Consejo Nacional de Educación e finalmente a secretaría xeral técnica do ministerio de Educación (1955-1958), carteira rexentada polo liberal-católico Joaquín Ruíz-Giménez. En 1957 ofreceúselle a presidencia da Delegación Nacional de Asociaciones, cargo desde o que organizou o primeiro Congreso da Familia Española, no que xurdiron os embrións da futura elección orgánica de procuradores. Entre 1958 e 1962 foi secretario da comisión de Asuntos Exteriores das Cortes. Trala reunión do denominado polo réxime “contubernio de Múnic” (1962), Franco nomeouno ministro de Información e Turismo, coa intención de convertelo no estandarte da nova etapa de aperturismo político que lle abrira as portas de cara a Europa. Desde a súa carteira traballou por impulsar o turismo en España, que pasou a converterse na primeira industria nacional. O desenvolvemento do sector turístico incluíu a creación da rede dos paradores nacionais de Turismo e unha política de axudas oficiais ao sector privado. Polo que atinxe ao mundo da información, foi o impulsor da Lei 14/1966, de 18 de marzo, de Prensa e Imprenta, coñecida como Lei Fraga, que eliminaba a censura previa e na que se estipulaba a mediación entre o ministerio e os directores das publicacións á hora de sacar os textos á rúa; e do Estatuto de Publicidad. A Lei foi discutida, por defecto, polos grupos democráticos e, por exceso, polos sectores máis conservadores do goberno. Concluíu a súa estancia no cargo coa crise ministerial de 1969, propiciada polo coñecido “escándalo Matesa”. Cando cesou como ministro, orientouse cara á empresa privada, ocupando durante un breve período a dirección xeral da empresa cervexeira El Águila. Non tardou en volver á actividade pública e en 1973 foi nomeado embaixador de España no Reino Unido, con residencia en Londres. Na carreira diplomática ascendera en 1961 a conselleiro de embaixada e en 1963 a ministro plenipotenciario. Durante o seu período británico, afondou nas pautas do sistema democrático e creou en 1974 o Gabinete de Orientación e Documentación SA (GODSA), entidade destinada á difusión dos idearios do centro político, a partir do que formalizou Reforma Democrática (1976), partido político destinado a abordar a transición en España cara á democracia. Neste período escribiu El desarrollo político (1972), Teoría del centro, Cambio social y reforma política, e outras publicacións nas que formulaba teoricamente o seu proxecto de reforma liberalizadora e centrista. En 1971 publicou La monarquía como forma de Estado, no que avogaba pola figura dun rei (representada en don Xoán Carlos de Borbón) que coroe un Estado representativo e democrático. En 1975 regresou de Londres e, finado Franco en novembro daquel ano, foi nomeado vicepresidente do Goberno para Asuntos de Interior e ministro da Gobernación no primeiro goberno da monarquía, presidido por Carlos Arias Navarro. Tiña o seu cargo a misión de conducir o país á reforma política cara a unha democracia liberal, labor complexo no que houbo de facer fronte a unha gran conflitividade social. Tralos dramáticos sucesos de Vitoria e Montejurra, cesou xunto co goberno de Arias Navarro. A finais de outubro de 1976, fundou o partido Alianza Popular (AP), do que foi nomeado secretario xeral e, posteriormente, elixido presidente (1979), e no que apostaba por un sistema constitucional de tipo europeo, é dicir, polo que se denominou tradicionalmente a dereita sociolóxica. Foi elixido deputado por Madrid nos comicios xerais do 15 de xuño de 1977, e nas citas electorais de 1979, 1982 e 1986, nas que o seu partido, ou a coalición coa que se presentou, acadou resultados moi dispares. En 1977 foi designado ponente da Comisión Constitucional en representación de AP, na que propuxo a elaboración dunha constitución ao estilo anglosaxón e avogou por un sistema de representación maioritario, rexeitado polo resto da comisión en prol da representación proporcional. A votación do texto constitucional trouxo consigo o fraccionamento da á máis dereitista de AP e a viraxe da organización cara ao centro político. Para as eleccións de 1979 artellouse a Coalición Democrática, destinada a ocupar esta nova posición política. Os resultados non foron os esperados e tomou a decisión de dimitir do seu cargo de secretario xeral de AP, o 20 de marzo de 1979. No III Congreso do partido, celebrado o 16 de decembro, foi ratificado como presidente e lanzou un novo proxecto da gran dereita, ao estilo francés, liberal e constitucionalista. O partido acadou un maior número de votos nas eleccións de 1982 e 1986, que o converteron no primeiro partido da oposición. Publicou La leal oposición (1983), texto no que expoñía a súa teoría sobre as vantaxes do bipartidismo e das relacións interpartidarias. En 1986 presentou a súa dimisión como presidente de Alianza Popular. Ao ano seguinte, encabezou a lista popular ao Parlamento europeo, acadando un escano en Estrasburgo e formando parte do Grupo Demócrata Europeo (1987-1989). Participou na creación da Unión Democrática Internacional (IDU), xunto con líderes como G. Bush e M. Thatcher, e foi o seu vicepresidente ata decembro de 1986. Elixido presidente do Partido Popular (PP) no congreso de refundación de Alianza Popular (1989), foi proclamado posteriormente presidente fundador a nivel estatal e presidente do PP en Galicia, comunidade pola que se presentou como candidato á presidencia da Xunta desde as eleccións de 1989. Acadou o cargo trala vitoria por maioría absoluta, renovada nas eleccións de 1993, 1997 e 2001. Durante o seu goberno mantivo unha especial atención polos emigrantes galegos, para o que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior e, posteriormente, a Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Realizou numerosas visitas oficias a varios países europeos e practicamente a toda Latinoamérica e levou a cabo campañas de axuda aos galegos que residen en zonas con dificultades económicas. Realizou así mesmo numerosas viaxes acompañado de delegacións comerciais coa intención de fomentar as exportacións galegas en diferentes países, entre eles, Irán, Rusia, Xapón e Libia. En 1991 viaxou oficialmente a Cuba, país no que viviu cando neno, establecendo unha constante relación cos galegos da illa e co seu presidente Fidel Castro. En Galicia afrontou un plan coordinado de infraestruturas, así como a universalización do servizo telefónico, a extensión da rede eléctrica, a construción de parques empresariais nun importante número de concellos e a potenciación do sector turístico. Entre as súas propostas cómpre destacar a reforma do Senado, así como a creación dunha Conferencia de Presidentes autonómicos e a participación das comunidades autónomas no Consejo Económico y Social; no ano 1992 argumentou a súa teoría da Administración Única, que defendeu en diferentes foros de natureza política e académica, e que expuxo amplamente na súa obra Administración Única. Una propuesta desde Galicia (1993), na que defendía a consideración de administracións únicas para as comunidades históricas. Esta proposta fundamentábase no respecto de cada unha das Administracións Públicas (cidades, provincias, rexións, estado), sendo a administración menor a encargada da execución das funcións que lle son propias, así como das que lle son transferidas ou delegadas polas administracións maiores, sen contradicir a propia natureza da administración nin quebrar a unidade de España. Trátase de achegar a Administración ao cidadán e de evitar duplicidades no sistema administrativo. Para Fraga o Estado central será máis forte canto máis exerza as funcións que lle son propias, que para el son as de política interior, seguridade e defensa, xustiza, planificación económica, garantía de unidade do sistema xurídico, fiscal e de seguridade social e cumprimento do principio de solidariedade. A proposta propón unha adecuación da estrutura administrativa aos principios da Constitución, que implica unha nova relación entre Estado, Comunidades Autónomas e entes locais baseada na cooperación e na coordinación e no principio de subsidiariedade. No eido das relacións interrexionais e en calidade de presidente da Xunta, formou parte dos seguintes organismos: Asemblea das Rexións de Europa (ARE), Asociación de Rexións Fronteirizas e Europa (ARFE), Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (CRPM), Comité das Rexións e presidente da Comisión Arco Atlántico (1998) e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (2000). Polo que atinxe ás publicacións, foi autor de case un cento de libros, así como varias ducias de prólogos, colaboracións en obras colectivas e innumerables artigos en xornais e revistas que versan sobre ciencia política e teoría do estado, entre os que cómpre citar La política, la razón y la moral (1955), Guerra y conflito social (1962), La crisis del Estado Español (1978), La Constitución y otras cuestiones fundamentales (1978), Memoria breve de una vida pública (1980), Europa, ideal político (1985), España bloqueada (1986), El cambio que fracasó (1986), Galicia en España y en Europa: reflexiones sobre el papel de las autonomías (1990), De Galicia a Europa (1991), Na memoria e no horizonte (1992), Da acción ao pensamento (1993), Nuevo orden mundial (1996), El principio de subsidiaridad en la Unión Europea (1997) e Galicia fin de milenio (1997). É membro da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, Real Academia Galega e da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e académico de mérito da Academia Portuguesa da História. Tamén pertence a un bo número de sociedades de todo tipo e de varios países: decano honorario do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela; membro de honor do Instituto de Estudios Políticos, do que foi director en 1961; presidente de mérito do Centro Galego de Madrid; membro de honor da Mark Twain Society, de Missouri; medalla de ouro da Asociación da Prensa de Barcelona; oficial da Orde de Economía Nacional, de Francia; membro do Club Saint James, do Atheneum británico e da American Academy of Political and Social Science; e chevalier d’Honneur de la Confrérie de la Chaîne des Rôtisseurs, de París. Doutor honoris causa pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), pola Universidad Autónoma de Tamaulipas (México), pola Universidade de Salvador de Bahía (Brasil), pola Universidad Católica Madre y Maestra de Santiago de Los Caballeros (República Dominicana), pola Universidade de San Petersburgo (Rusia), pola Universidad de Ciencias Empresariales y Sociales (Bos Aires), pola Universidad de Santiago de Cuba, pola La Trobe University (Melbourne) e pola Universidad Notarial de Argentina (Bos Aires). Foi condecorado coas cruces de Carlos III, de San Raimundo de Peñafort, de Isabel la Católica, do Mérito Naval, do Mérito Civil, do Mérito Militar, do Mérito Aeronaútico, de Cisneros; a Gran Cruz da Orde do Infante Don Enrique de Portugal e grandes cruces de ordes de países latinoamericanos (Brasil, Costa Rica, Perú, Nicaragua, Paraguay, Venezuela); a Medalla de Ouro ao Mérito ao Traballo, e o Gran UISAN Alauita de Marrocos, entre outras condecoracións. Falece na súa residencia de Madrid no ano 2012 víctima dun paro cardiaco.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vilalba -
Deceso
Lugar : Madrid